Do “Pachi maricón” de Baltar hai dúas campañas á vangarda dos dereitos LGTBI agora

O PP gabándose de que o Goberno galego é o primeiro que "axuda" ás entidades LGTBI CC-BY-SA Praza Pública

Como un mes antes das eleccións autonómicas de 2009 que acabarían levando a Feijóo á presidencia da Xunta, a homofobia vén de entrar en campaña a un mes dos comicios. Pero con diferencias salientables. Daquela era o líder dos populares ourensáns, José Luis Baltar, o que chamaba “maricón” ao socialista Pachi Vázquez mentres que agora é o PP o que presenta ao Goberno galego como o primeiro que “axuda” ás entidades que loitan contra a discriminación das persoas LGTBI entregándolles a catro delas un total de 12.000 euros.

O 26 de febreiro de 2009, a pouco máis dun mes das autonómicas do 1 de marzo, Baltar pai deu un mitin en Melón acompañado do alcalde de Madrid, Alberto Ruiz-Gallardón. Baltar esperou a que o político madrileño falara e marchase antes de cargar contra o daquela conselleiro de Medio Ambiente: “Está obsesionado comigo e eu non son candidato, non me presento, nin sequera son muller porque entón entendería que me tivera ganas; se ten obsesión por min teño que dicir que é maricón”. “Miserable e sinvergüenza”, engadiu aínda o agora condenado por prevaricación. Aquel exabrupto valeulle ao PP a condena por parte de organizacións LGTBI.

A Xunta reparte 12.000 euros entre catro entidades do sector e o PP preséntao como a “primeira vez” que un Goberno galego as “axuda”

Agora, novamente un mes antes dunhas eleccións autonómicas, os populares, que tiveron recorrida durante anos a lei de matrimonio entre persoas do mesmo sexo ante o Tribunal Constitucional, preséntanse como vangarda da loita polos dereitos LGTBI. Este luns o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou catro convenios de colaboración cos que entrega un total de 12.000 euros as asociacións asociacións Ultreia LGTBI, Nós Mesmas, Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS Coruña) e á Asociación de Familias de Menores Trans (ARELAS). Segundo a propia Xunta, a medida “avanza no cumprimento da Lei pola Igualdade de trato” aprobada polo Parlamento de Galicia en 2014 por unanimidade, a proposta do PSdeG e logo de que os propios populares recortaran o seu alcance.

Ás poucas horas da sinatura deses convenios, o PP de Galicia gabábase na súa conta de Twitter da medida: “Por primeira vez un goberno galego axuda ás entidades que loitan contra a discriminación das persoas LGTBI”.

Alfonso Rueda asinando os catro convenios por un total de 12.000 euros coas entidades LGTBI Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.