"Señor Rajoy, hoxe sumará a derrota en diferido do 20D, que é ao mesmo tempo a derrota do PP en Galiza". Alexandra Fernández, voceira de En Marea no Congreso, advertiu e cargou contra as políticas "neoliberais" e a "democracia de baixa intensidade" do seu partido e de Feijóo no país e no Estado durante a súa intervención na sesión de investidura, marcada pola precampaña das eleccións autonómicas. O presidente do Goberno central en funcións respondeu aos ataques da deputada galega cunha recua "dalgúns datos positivos" que, ao seu ver, deixa o presidente da Xunta na comunidade, logo de non referirse a ela polo nome e de dubidar sobre a denominación da formación, á que acabou chamando "mareas".
"Señor Rajoy, hoxe sumará a derrota en diferido do 20D, que é ao mesmo tempo a derrota do PP en Galiza", dixo Fernández
Fernández, que usou o tempo compartido asignado a Unidos Podemos logo das intervencións de Iglesias, Domènech e Garzón, pediu ao PP que deixe "a traxicomedia" e censurou o acordo asinado con Ciudadanos, ao sinalar que é un pacto entre a vella e a nova dereita. "Entre a tradición dos que naceron para mandar o cortello a golpe de sobres e a última reencarnación posmoderna dos Chicago Boys que ten por obxectivo coller de novo o timón da nave para pisar o acelerador dos recortes e as privatizacións", dixo.
Ademais, Fernández dixo, ante o discurso "do caos ou nós" que "o único medo real é que vostedes sigan gobernando: aplicando o programa da grande desigualdade, de perda de dereitos, de depredación ambiental, de violencia contra as mulleres, de exilio económico e precarización do emprego". Para a voceira de En Marea, e xa en referencia a Galicia, Feijóo supón "o campión do cumprimento do déficit e, consecuentemente, o campión dos recortes" e "alumno avantaxado do dogma neoliberal".
Fernández cargou contra "o pacto entre a vella e a nova dereita" e contra o "campión dos recortes" que supón Feijóo
E a continuación, enumerou as consecuencias das súas políticas e recortes en Galicia: "o programa de acoso e derrube da sanidade pública", a precariedade dos traballadores do dispositivo anti-incendios ou a "nula política de planificación e ordenación forestal", crise do sector lácteo ou "as persoas desempregadas, as precarias, as autónomas asfixiadas, as hipotecadas que no ven a luz ao final do túnel, as pensionistas que, en Galiza, reciben as pensións máis baixas do Estado".
"Todos e todas sabémolo, todo o mundo sabe que se corromperon vostedes por riba das nosas posibilidades", atacou tamén Fernández, que acusou a Rajoy de "encarnar o desprezo polo autogoberno, polo idioma e a cultura da terra na que naceu". "Un país", dixo, "onde Feijoó, xunto con vostede son alunos avantaxados no cumprimento dos dogmas cos que actúa o piloto automático desta democracia de baixa intensidade". Ademais, censurouno polas súas "reformas recentralizadoras" e por asumir "toda diversidade" como "unha ameaza" e "todo exercicio de libre decisión" como "un atentado contra á súa autoridade".
A portavoz de En Marea acusou a Rajoy de "desprezar o autogoberno, polo idioma e a cultura da terra na que naceu"
Alexandra Fernández aventurou que "Galiza será unha vez máis vangarda política na unidade da esquerda transformadora" e que "En Marea traballará duramente para que os galegos e as galegas, coa forza da súa dignidade, nos axuden a dar un xiro no rumbo erróneo dun piloto automático que nos leva irremisibelmente contra as rochas". Apostou por unha "nova singradura na que ninguén fique atrás por culpa dunha crise económica".
"O candidato amigo dun narcotraficante"
Rajoy respondeu con disciplicencia á portavoz de En Marea, pero nada dixo cando Pablo Iglesias, voceiro de Podemos, se referiu antes a el para acusalo, en referencia a Feijóo, de levar en Galicia "de candidato ao amigo dun narcotraficante" ou de advertirlle que a el tamén "o escandalizaron algunhas prácticas do PP galego". Ademais, o líder da formación morada tamén se referiu ao 25-S tras animar ao socialista Pedro Sánchez a explorar unha alternativa á dereita "como fixemos en moitas comunidades". "E como espero que fagamos en Galicia", insistiu.
Iglesias animou a Sánchez a explorar unha alternativa á dereita "como fixemos noutras comunidades e espero que fagamos en Galicia"
O presidente do Goberno central en funcións dedicou a súa resposta a En Marea a gabar as, na súa opinión, bondades da política de Feijóo en Galicia. Destacou o crecemento económico, o cumprimento do obxectivo de déficit, o "récord de exportacións" ou os "importantes avances en sector emblemáticos como automoción, naval ou aeronáutica". Ademais, presumiu de "investir moito en Galicia", da próxima chegada do AVE ou de que quedase "cerrada a autovía do Cantábrico".
Tamén presumiu de "dar boa batalla en problemas e dificultades en agricultura, pesca e gandería" malia "haber cousas pendentes" e, respecto das palabras de Fernández que advertían unha derrota de Feijóo, foi irónico: "É posible que así sexa, pero até o de agora non se produciu nunca; algunha vez será e espero non velo eu".
Xa por último, e en canto ás acusacións de "desprezar" a cultura e a lingua galega, limitouse a dicir que "cada un sente e quere a súa terra como a sente e quere e é bo respectalo".