As eleccións autonómicas do 25 de setembro, as terceiras nas que Feijóo aspira á presidencia da Xunta, son as primeiras ás que se enfronta despois de que, en marzo de 2013, El País revelase a súa amizade a finais dos anos 90 co contrabandista Marcial Dorado, logo condenado por narcotráfico. Ese feito é salientado polos partidos da oposición de xeito periódico, con máis intensidade a medida que se achega a campaña electoral. Porén, Feijóo considera que lembrar esas fotos é “insultar e difamar”, malia que el mesmo admitiu a relación.
O presidente considera que Pablo Iglesias o “insulta” ao recordar esa relación, como vén facendo de xeito recorrente toda a oposición
Este mércores, no debate de investidura de Mariano Rajoy, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, lembroulle que o PP presenta en Galicia como candidato “ao amigo dun narcotraficante”, en referencia á amizade de Feijóo con Dorado. Este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno, ao presidente galego preguntóuselle se lle preocupa que a oposición utilice ese asunto na campaña electoral. Segundo Feijóo, “Iglesias fixo campaña desde o Congreso dos Deputados probablemente porque sabe que se xoga moito en Galicia e porque sabe perfectamente ademais que é o xefe, ao fin, de Podemos e de mareas, e en Galicia as mareas de Podemos fixeron o que dixo o señor Pablo Iglesias a través dun twit ou dun wassapp”. “Non creo que a actividade política consista en insultar e en difamar ás persoas que non pensan igual, eu desde logo non penso igual que o señor Iglesias”, sentenciou o presidente.
"Hai que empezar a insultar moi pronto porque hai miles de galegos aos que teñen que insultar as mareas de Podemos", di Feijóo
“Polo que vexo, deben de ter moito interese en empezar a campaña moi rápido, e eu o comprendo”, engadiu Feijóo, para quen “nesta campaña, os que non pensamos como el nos dá a sensación de que nos van insultar, e hai que empezar a insultar moi pronto porque hai miles de galegos aos que teñen que insultar as mareas de Podemos”, dixo. “Ese insulto vai formar parte da estratexia das mareas de Podemos, e nós non nos dedicamos a insultar”, asegurou, e preguntouse “se ao partido socialista lle importa moito o que diga Pablo Iglesias, porque vai ser socio na oposición multipartita, pero a min me importa entre nada e nada”.
Cando El País publicou as fotos que desvelaron a amizade de Feijóo con Dorado, o propio presidente admitiu a relación pero negou que soubera das súas actividades ilícitas. Segundo dixo daquela, do que si foi coñecedor despois foi dun suposto plan para amedrentalo coa ameaza da existencia das imaxes.