Un dos eixos de campaña do PP cara ás eleccións galegas do 25 de setembro céntrase na ameaza de que o "bloqueo" para a formación de Goberno en España se traslade a Galicia. O outro, que unha Xunta gobernada por unha coalición de esquerdas poría en risco a "estabilidade" do país e, por extensión, a económia e a confianza do empresariado para seguir investindo en territorio galego. A segunda hipótese foi refutada este venres por unha das voces autorizadas do eido empresarial, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Diéter Moure, que tras reunirse co candidato do PSdeG á Presidencia, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou non ter temor a esa posible alianza se os conservadores perden maioría absoluta.
Despois dun encontro que se prolongou por volta dunha hora e media, Diéter e Leiceaga compareceron ante a prensa para resumir os asuntos que abordaran e o presidente da patronal foi cuestionado pola "preocupación" que lle podería causar unha coalición dos socialistas con En Marea para desbancar o PP. "Todo o que sexa democrático non me preocupa en absoluto", resolveu Diéter, quen di "esperar", asemade, que a "inestabilidade" do Estado "non se traslade" a Galicia. Pero iso depende das formacións políticas, evidencia.
Diéter Moure recibiu o candidato do PSdeG para abordar as súas propostas económicas
O líder empresarial evita así sumarse ao argumentario popular despois dunha xuntanza na que dixo observar "cordura e sentido común" no programa económico de Leiceaga. "Estamos encantados coa súa postura, estamos en certa maneira máis tranquilos que hai uns días", asegura Diéter quen, non obstante, asegura que a CEG debe manter unha postura "apolítica" ante as eleccións. "Os empresarios votan, non podemos comprometer o seu voto", resalta.
A "pedrea" de Feijóo
O candidato do PSdeG, pola súa banda, presenta este encontro coa CEG como un "exemplo do que vou facer" ata a xornada electoral fronte aos "intentos de trasladar o centro de gravidade da campaña a outros territorios", nomeadamente á "gobernabilidade de España". "Algúns queren bloquear a campaña de Galicia falando doutros temas, eu quero desbloqueala e facer que os problemas dos cidadáns de Galicia estean no noso discurso", afirma, mentres insta o resto de candidatos a facer o mesmo.
Leiceaga aplaude a postura dos mariñeiros xubilados que rexeitan a achega económica da Xunta: "Rematou o tempo no que os votos se obtiñan a cambio de favores"
Nesta liña, Leiceaga observa con satisfacción a postura dos mariñeiros galegos xubilados que, dende a asociación Long Hope, pulan polos dereitos adquiridos durante os seus anos de traballo en Noruega. Despois de que, como informou Praza.gal, este colectivo advertise de que non aceptaran nin van aceptar a achega de 70.000 euros anunciada por Alberto Núñez Feijóo, Leiceaga ve nesta manifestación a mostra de que os populares deberan "saber que rematou o tempo no que os votos se obtiñan a cambio de favores". "Dá a impresión -di- de que Feijóo está disposto a tirar a casa pola ventá para salvarse el e protexer a súa carreira en Madrid". Por iso, di, mantén dende hai semanas "unha pedrea continuada" de asignacións de cartos a diferentes colectivos e organizacións.