Albert Rivera xa elixiu socio en Galicia. Mesmo antes de saber se o seu partido superará o difícil reto de franquear o 5% dos votos nalgunha das catro circunscricións para obter algún asento no Parlamento de Galicia, o líder de Ciudadanos irrompe na precampaña do 25-S ofrecéndose directamente ao líder do PP e candidato á reelección. Se Alberto Núñez Feijóo non logra maioría absoluta e os números o permiten, o partido laranxa sosterá un novo Executivo dos conservadores.
O presidente de Ciudadanos lanzou o seu ofrecemento ao PP unha entrevista concedida a Faro de Vigo tras a súa primeira intervención na precampaña galega. Nela Rivera deixa claro que "se Feijóo non logra a maioría e depende de nós, Galicia terá goberno" e pecha ademais a porta a calquera fórmula alternativa. As alianzas nas que participe o PSdeG con En Marea ou o BNG non son máis que vías abocadas ao radicalismo, asegura.
Rivera concreta deste xeito o xa suxerido este domingo na Coruña, onde nun acto coa súa candidata á Xunta, Cristina Losada, augurou a participación de Ciudadanos nun "espazo constitucionalista" fronte ao "batiburrillo de populistas e independentistas que só buscan xerar desunión e diferenzas entre os galegos e galegas, e entre estes e o resto dos españois". A súa intención, afirma, é demostrar en Galicia que "no centro está a virtude" e, desde esa posición, "controlar" o Goberno de Feijóo mentres o apoia.
"Se Feijóo non logra a maioría e depende de nós, Galicia terá goberno", afirma Rivera, mentres cualifica de "radicais" as forzas da esquerda
"Viñemos para aplicar o sentido común ao Parlamento galego", remachou Rivera, que como o propio Feijóo se dirixe especificamente ao electorado máis novo para presentar a Ciudadanos como o partido da "mocidade inconformista". A candidata á Xunta, pola súa banda, augurou a apertura dunha "nova etapa" con "reformas ambiciosas".
Fíxoo nun mitin tras o cal Cristina Losada xerou hilaridade nas redes sociais ao difundir unha fotografía do acto no que confundía o nome do lugar da intervención, referíndose á popular fachada coruñesa da Mariña como "Los Cantones". outra zona da cidade. A aspirante ao Parlamento corrixiu posteriormente ese erro.