Debate inédito nunha campaña galega á procura dun 35% de electorado indeciso

Feijóo, Leiceaga, Pontón, Villares e Losada CC-BY-SA Praza Pública

Con corsés, límites e mesmo acompañado dun chisco de polémica, pero máis debate ca nunca. Ás 21:30 deste 12 de setembro as persoas designadas por PP, PSdeG, BNG, En Marea e Ciudadanos para optaren á Presidencia da Xunta se a composición do Parlamento así o permite protagonizarán un evento electoralmente histórico no país. Case vinte e tres anos despois de que Manuel Fraga e Antolín Sánchez Presedo confrontasen os programas de PP e PSdeG no primeiro debate electoral televisado da autonomía, a CRTVG acolle o encontro entre candidatos e candidatas máis aberto dos celebrados ata agora. Esencialmente, porque os populares nunca antes ergueran en eleccións galegas o veto a calquera debate que non fose a dúas bandas, chegando a cualificar de "covardes" as forzas da esquerda por pedir debates conxuntos.

O debate divídese en cinco bloques, con dúas intervencións de dous minutos para cada participante en cada un

Alberto Núñez Feijóo, Xoaquín Fernández Leiceaga, Ana Pontón, Luís Villares e Cristina Losada debaterán durante dúas horas divididas en cinco bloques temáticos coa vista posta en quen aínda non decidiron o seu voto. Cunha disposición en plató e reparto de tempos que derivan dunha negociación entre os partidos, os cabezas de cartel abordarán as súas propostas de economía e emprego, sectores produtivos, benestar, rexeneración democrática e modelo institucional. Así e todo, o espazo para o debate vivo estará limitado: cada participante dispón de dúas intervencións de dous minutos en cada bloque e só se prevén retruques "no caso de alusións persoais e reiteradas". Ao inicio e ao final terán cadanseu minuto "sen interrupcións".

Praza.gal realizará un seguimento especial do debate, achegando gráficas e ligazóns sobre os datos que ofrezan os candidatos

Baixo a condución dos xornalistas Kiko Novoa e Marta Darriba, os medios públicos convidan a seguir o debate tamén nas redes sociais onde será comentado co cancelo #debatecrtvg. Praza.gal acompará o desenvolvemento do debate achegando, co mesmo cancelo e a través da conta do xornal en Twitter, ligazóns e gráficas que complementen e contrasten os datos que candidatos e candidatas aborden nas súas intervencións. Ao remate, asemade, Praza Pública ofrecerá o máis destacado do debate.

O 35% de indecisión preelectoral

Cabe agardar que as forzas políticas que participan no debate preparen os seus candidatos para actuaren en dúas liñas: reter o voto fiel e, sobre todo, tentar atraer o do 35,8% do electorado que, segundo o estudo preelectoral do CIS, aínda non decidiu en quen confiará o 25 de setembro. Atendendo a este inquérito, quen máis esforzo debera poñer na atracción da poboación indecisa son as forzas de esquerda, mentres que o candidato do PP debera poñer o énfase en manter a súa tropa tensa para evitar que a confianza nunha gran vitoria derive en desmobilización, sensación que Feijóo procurará infundir no electorado de PSdeG, En Marea e BNG.

A esquerda tenta mobilizar o voto indeciso e o PP, desmobilizalo mentres tenta que o seu non se confíe

Entre estas tres forzas, precisamente, é onde se move boa parte do electorado indeciso. A enquisa do CIS indica que algo máis dun 12,1% de quen pensan ir votar pero aínda non saben por que opción está a dubidar entre decantarse pola candidatura que lidera Leiceaga ou facelo pola de Villares. Esta porcentaxe é algo máis de dous puntos superior á do electorado que se move na disxuntiva de PP ou PSOE,  o 10,9%, e está por riba do case 7% que din dubidar entre votar por En Marea ou facelo polo BNG. O resto de indecisións máis ou menos significativas danse entre PSdeG e BNG, PSdeG e Ciudadanos e Ciudadanos e PP, todas elas na contorna do 3%.

O partido que, segundo o CIS, podería ter máis acceso a voto indeciso é o PSdeG

Unha ollada aos datos agregados de indecisión permite concluír que quen, a priori, máis ten en xogo neste debate é o candidato socialista. Non en van, o PSdeG está inmerso en case un 31% de todos os cruzamentos de indecisións. A seguinte formación que, segundo o CIS, está en condicións de captar máis voto indeciso é En Marea, con case un  24%, e a continuación o PP, cun 19%. O Bloque tería acceso a algo máis dun 12% do voto indeciso e Ciudadanos, a pouco máis do 8%.

As forzas políticas que participan neste debate son as que, segundo os diversos estudos demoscópicos publicados, teñen máis opcións de obteren representación no Parlamento galego da décima lexislatura autonómica. No entanto non son, obviamente, as únicas que concorren ao proceso electoral que culmina o 25-S. Non en van, son ata unha vintena as candidaturas entre as que o electorado poderá elixir nas urnas. Unha das que non participará no debate, Compromiso por Galicia, recorreu en días pasados ante a Xunta Electoral para reclamar poder estar presente neste encontro xa que por exemplo, argumentan, o partido ten un maior peso institucional e electoral en anteriores comicios que Ciudadanos, que si foi convidado.

Plató do debate © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.