Feijóo di que o votante de C's prioriza que non goberne Podemos a que marche Baltar

Feijóo con Baltar na presentación do programa do PP para Ourense Dominio Público PP de Galicia

“Os votos de Ciudadanos o que pretenden é que non gobernen os de Podemos cos nacionalistas, que eses votos saiban que a seguridade [de que iso non pase] é a proposta que eu encabezo”. Esa é a resposta que deu este xoves Feijóo á condición que Ciudadanos vén de pórlle de que se desfaga do presidente ourensán, José Manuel Baltar, imputado por corrupción, para apoiar a súa investidura se non logra a maioría absoluta. O candidato popular non se limitou a relativizar a importancia que os votantes de Ciudadanos dan á corrupción, senón que mesmo lles pediu o voto directo para garantir que non se produza ese goberno alternativo.

A candidata e o número 2 de Rivera condicionan o seu apoio ao candidato do PP a que cese o barón ourensán, imputado por prevaricación e suborno por supostamente ofrecer un emprego a cambio de sexo

Hai un mes o PP aceptou diversas esixencias de Ciudadanos para que esta formación apoiase a investidura logo frustrada de Mariano Rajoy, entre elas a da “separación inmediata de calquera cargo público que fose imputado formalmente por corrupción política”. Ese sería o caso de Baltar, imputado por prevaricación e suborno por supostamente ofrecer un emprego a cambio de sexo a unha muller tamén investigada na mesma causa. Porén, aos poucos días Ciudadanos negaba a textualidade do acordo asinado e aseguraba que a medida non afectaría a “calquera cargo público” senón só aos de ámbito estatal, e non aos locais como Baltar. Unha medida que, en todo caso, non se aplicaría ata que Rajoy non resultase investido, algo que aínda no ocorreu.

Daquela preguntóuselle a Feijóo que efecto tería a imputación de Baltar nas negociacións con Ciudadanos e o presidente galego remitiu á dirección estatal do seu partido. Este mércores a candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta, Cristina Losada, e o número 2 de Rivera, Juan Carlos Girauta, explicitaron a súa condición de que Baltar marche para apoiar unha investidura de Feijóo se este non consegue a maioría absoluta, e por esa cuestión se lle preguntou ao presidente en funcións.

Feijóo relativiza a importancia que Ciudadanos lle dá á loita contra a corrupción

Feijóo restou solidez á condición de Ciudadanos, “que mañá pode pedir outra cousa”, e dixo que o que el solicita aos votantes da formación laranxa “é o voto”. “Espero que os votantes de Ciudadanos nos dean ese apoio e que poidamos gobernar, ese é o obxectivo fundamental”, dixo, e asegurou que “os votos de Ciudadanos o que pretenden é xustamente que non gobernen os de Podemos cos nacionalistas, que eses votos saiban que a seguridade [de que iso non pase] é a proposta que eu encabezo”.

Aval de Rajoy

A relativización por parte de Feijóo da situación de Baltar chega logo de que o pasado martes o propio presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, avalase en persoa ao barón ourensán, co que pasou todo o día percorrendo a provincia de Ourense e do que asegurou que é “un gran presidente”. Baltar alardeou do poder que acumula o PP de Ourense e o presidente do Goberno en funcións dedicou boa parte do seu discurso, nun mitin de campaña autonómica e non municipal, a defender as deputacións provinciais, cuestión que resumiu nunha das súas frases crípticas: “Baltar, non teñas a máis mínima dúbida, que poderémonos mirar cara a outro lado noutras cousas, poucas, pero nesas nunca”, dixo, sen aclarar en que “outras cousas” mira “cara a outro lado”.

O martes Rajoy díxolle a Baltar é "un gran presidente" e que mira "cara outro lado" en "outras cousas", sen aclarar en que cousas

O apoio de Feijóo e Rajoy a Baltar, que agora Ciudadanos emprega como arma de campaña, foi tamén lembrado polo resto de partidos no debate do pasado luns. Este mércores, en Ferrol, o candidato de En Marea, Luís Villares, tamén llo botou en cara ao seu contrincante: “Feijóo, queres honra? Pídelle a Baltar que solte o carné do PP, retrátate fronte a un acosador sexual, botade do PP a unha persoa da que todos puidemos escoitar como pedía favores sexuais a cambio dun enchufe”, dixo, e engadiu que Feijóo “non só non se retratou [no debate] senón que evitou a palabra Baltar. É a maldición de Feijóo, que só se pode coaligar con xente como Baltar”.

Losada, no centro, e Girauta, á súa esquerda Dominio Público Ciudadanos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.