O ex-número tres do PPdeG fai o último intento para anular as gravacións que o incriminan na Gürtel

Pablo Crespo CC-BY-SA Marta Jara

José Luis Peñas sumaba ao seu soldo como concelleiro do PP en Majadahonda (Madrid) uns ingresos extra grazas aos seus negocios coa trama Gürtel. Non lle pareceron dabondo e decidiu gravar os xefes da rede que agora xulga a Audiencia Nacional. Converteuse no delator que puxo aos investigadores sobre a pista que desembocou neste proceso. Agora, os avogados do resto de imputados tentan anular esas gravacións, a proba principal do caso, nun último intento por tombar o xuízo da primeira época da trama Gürtel.

Un exército de avogados tenta desacreditar esa proba e foi Miguel Durán o encargado de argumentar esta vía para frear a causa. O avogado de Pablo Crespo, o ex-secretario de Organización do PP de Galicia e considerado como o número dous da trama, interveu en primeiro lugar na quenda dos avogados defensores para expor as cuestións previas. E aí cargou contra as gravacións.

Durán asegurou que as gravacións -máis de 20 horas- están manipuladas, e que Peñas fixo unha selección previa para eliminar as partes que o prexudicaban. Pero non tivo tempo para borrar todos os fragmentos que o incriminaban, lembrou o avogado. Para o delator da trama, a Fiscalía pide 6 anos e 5 meses por delitos de prevaricación, asociación ilícita ou suborno continuado. Á reclamación de Durán hanse ir sumando boa parte do resto dos avogados defensores.

Son "absolutamente ilexítimas", dixo Durán, que engadiu que o primeiro instrutor do caso, o ex-maxistrado Baltasar Garzón, non contrastou a veracidade das gravacións e non garantiu a cadea de custodia.

O antigo secretario de organización do PP galego, Pablo Crespo, tenta a través do seu avogado anular as gravacións, como xa procuraron sen éxito Correa ou Bárcenas

Tres acusados -Francisco Correa, o ex-eurodeputado do PP Ricardo Galeote e Luis Bárcenas- xa tentaron anular esa proba e non o conseguiron. Fixérono durante a fase de instrución, a mediados de 2013, cando pretenderon invalidar toda a causa agarrándose á suposta ilegalidade das gravacións. Alegaron que se obtiveron "lesionando o seu dereito á intimidade".

O xuíz Pablo Ruz non o viu así e nun auto desestimou esa manobra argumentando que a lei non prohibe gravar conversas entre particulares. Peñas entregounas "en cumprimento da obriga de denunciar delitos", dixo o xuíz, quen tamén lembrou aos acusados que as gravacións non son a orixe do caso, senón que o foron as propias manifestacións de Peñas ante a xustiza. Así, non se podía pretender anular a causa completa.

O defensor de Crespo, colaborador de Intereconomía, foi freado polo xuíz mentres insinuaba que os tribunal non será imparcial e estará influído polos medios de comunicación

Durante a extensa exposición de Durán nesta primeira sesión do xuízo, o presidente da sala, Ángel Hurtado, tivo que interromper ao avogado en dúas ocasións. Durán, que é tamén tertuliano de Intereconomía, comezara a deslizar a idea de que as informacións publicadas nos medios de comunicación podían ter un impacto na imparcialidade dos maxistrados. "Non siga por aí", cortouno o xuíz. Durán quixo reformular os seus argumentos, pero o xuíz cortouno de novo.

Ante o fracaso de Durán, outro avogado recolleu a testemuña para facer mención á posible parcialidade do tribunal. O avogado de Ricardo Galeote, Javier Gómez de Liaño -que exerce a avogacía tras ser afastado da xudicatura polo delito de prevaricación-, fixo mención á posible "parcialidade dun dos membros do tribunal", un feito que pediu que se teña en conta se se presenta un recurso de casación contra a sentenza. Refírese a José Ricardo de Prada, ao que o seu defendido e outros acusados tentaron apartar sen éxito do tribunal. "Ese punto deixámolo", dixo o xuíz Hurtado cortando ao avogado.

Os imputados non queren asistir a todas as sesións

Moitos dos avogados defensores formularon tamén ao tribunal que exima os seus clientes de estaren presentes no xuízo. Tentárono tamén algúns letrados dos acusados polos cartóns black, pero a sala non accedeu. "No xuízo hai que estar", dixo daquela a maxistrada Ángela Murillo, cando o avogado de Gerardo Díaz-Ferrán detallou que este estaba no cárcere e ademais enfermo.

A defensa de Álvaro Pérez El Bigotes aludiu tamén á enfermidade, en concreto a "doenzas médicas", para excluílo das sesións da vista que non lle afecten persoalmente. O resto de letrados empregou distintos argumentos para librar os seus defendidos das próximas sesións, en particular a necesidade de asistir durante o tempo que se prolongue o proceso, que está previsto que continúe alén de marzo de 2017.

O tribunal terá que decidir se atende a reclamación de que Rajoy declare como testemuña, como piden varias das acusacións

Hai quen, como o avogado de Isabel Jordán, administradora de varias empresas da trama, botou man do resto de causas que afronta a súa cliente para que o tribunal entenda que non pode asistir a todas as sesións. Se a obriga a iso, e sumando as pezas separadas de Gürtel que aínda teñen que xulgarse, o avogado de Jordán dixo que a súa clienta terá que estar "seis, sete ou oito anos acudindo día tras día a xuízo".

En principio, quedan dúas sesións máis de cuestións. Despois, o tribunal que forman Ángel Hurtado, Julio de Diego e José Ricardo de Prada terá que decidir sobre esta e outras cuestións, como a petición que formulou a acusación popular ADADE (Asociación de Avogados Demócratas por Europa), e á que se sumaron outros letrados, de que declare o presidente do Goberno de España en funcións, Mariano Rajoy.

Crespo e Durán, chegando ao xuízo CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.