Estas son as igrexas implicadas no caso Retablo e os custes das súas obras

Gráfico interactivo sobre as ingrexas afectadas polo caso Retablo e o custo das súas obras CC-BY-SA Praza Pública

O caso Retablo de corrupción con arte sacra está a piques de chegar a xuízo logo de que todas as acusacións veñan de presentar os seus escritos finais e á espera de que o xuíz resolva a petición das defensas de contar con máis tempo para analizar o caso. Nas acusacións, incluída a do fiscal, debúllanse as diversas obras realizadas polos cinco empresarios acusados na trama que resultaron beneficiarios delas grazas supostamente á intervención dos dous funcionarios autonómicos implicados, Carlos Gómez-Gil de Aizpurúa e José Manuel Pichel.

As 22 actuacións das que se beneficiaron os empresarios da trama grazas supostamante á intervención de dous funcionarios da Xunta aos que subornaban suman investimentos públicos de 700.000 euros, e outro medio millón das parroquias e os fregueses

Son un total de 22 actuacións repartidas polo sur das provincias de Pontevedra e Ourense que supuxeron un investimento público, fundamentalmente da Xunta, pero tamén de concellos e deputacións, de 700.000 euros. Outras entidades, fundamentalmente as parroquias implicadas e os seus fregueses, achegaron outro medio millón de euros. A estas obras se refería supostamente Pichel cando, nunha das escoitas policiais, dixo aquilo de “vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre”. Porén, malia ser autonómicos a maioría dos cartos implicados, Pichel non está acusado pola Xunta senón só polo fiscal e a acusación popular.

A Retablo consistiu nun presunto triángulo de intereses no que os dous funcionarios da Xunta recibían importantes regalos de empresas de rehabilitación a cambio de autorizar subvencións a entidades relixiosas que acababan contratando os traballos coas firmas implicadas. Os funcionarios tamén modificaban os proxectos para que as empresas elevasen os seus beneficios. A investigación iniciouse cando os veciños da parroquia de Paraños, en Covelo, descubriron que un dos funcionarios implicados na trama tentaba vender en internet a súa casa reitoral por 680.000 euros logo de mercarlla á igrexa por só 60.000 euros e de que empresarios da trama realizaran nela diversas obras de mellora sen cobrarllas, segundo o relato das acusacións.

A casa reitoral en 2003, antes de que o líder da trama comezase a utilizala CC-BY-SA Asociación Veciñal de Paraños

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.