“Abel Caballero anunciou hoxe venres que a parroquia de Beade e o Conservatorio Profesional de Música contarán con dous novos dinosetos, que se sumarán ao que xa loce en Navia e aos de Porta do Sol. Durante a presentación de dinosetiño, o rexedor instou a cidadanía a coidar ao recén nacido e a participar na busca de nome. Con tal obxectivo, o Concello habilitará unha pestana na páxina web municipal para recibir propostas e elixir o nome co que se vai bautizar o fillo do que xa "é o monumento máis fotografado de Vigo", bromeou o alcalde.” Este é o contido íntegro da nota de prensa que o Concello de Vigo emitiu este venres. A reprodución do seto con forma de dinosaurio que xa se converteu na mascota de facto da cidade prodúcese cando están a punto de cumprirse 25 anos da morte en estrañas circunstancias doutro animal que marcou o imaxinario colectivo dos vigueses, o mono Paco, adoptado no zoolóxico da cidade polo xa falecido concelleiro Antonio Nieto Figueroa, Leri. Non son poucas as similitudes entre o edil que fora a máxima personificación do viguismo e o actual rexedor da cidade.
A elección dunha mascota para a cidade, como o simio falecido hai agora cinco lustros, non é a única similitude entre o actual rexedor e o falecido concelleiro paradigma do viguismo
“Nin un vigués de xeonllos” era unha das frases de Leri, falecido o 13 de agosto de 2003 dun cancro. Entrara na corporación local a finais do franquismo polo denominado “terzo familiar”. Chegou á política co apoio dos milleiros de aficionados ao fútbol que participaban nos torneos que el mesmo fundara en 1955 baixo o nome de Campeonato de Playas e que incluían, no seu peculiar sistema de sancións deportivas, a realización de traballos de mellora dos areais do Vao e Samil. Coa chegada da democracia, Leri presentouse como independente polo PSOE, fundou o seu propio partido en 1983 co nome de Vigueses Independientes Gobernantes (VIGO), afiliouse aos socialistas en 1984 e deixounos en 1999 para seguir ao ex-alcalde Manoel Soto nunha nova formación independente.
Aquela época foi lembrada hai uns anos no documental El mono paco (Piño Prego, 2010), no que a historia do simio e o papel que xogou Leri na cidade actuaban como fíos condutores cos que lembrar, da man de destacados vigueses do mundo da política, das artes e do deporte, os cambios sociais e políticos que se viviron no Vigo da movida, a finais dos oitenta e principios dos noventa.
A comezos de 1991 morreu o seu compañeiro e Paco comezou a amosar un comportamento estraño: masturbábase de xeito compulsivo
O mono Paco, con outro exemplar da súa mesma especie, chegara de África a Redondela a mediados dos anos 80. Permaneceron nunha gaiola na alameda da vila ata que a comezos de 1991 morreu o seu compañeiro e Paco comezou a amosar un comportamento estraño: masturbábase de xeito compulsivo. O alcalde da localidade, o socialista Xaime Rei, pediu entón axuda a Leri como concelleiro responsable do zoolóxico vigués, onde foi adoptado o simio coa idea de que atopase parella entre algunha das monas alí acollidas. Os medios de comunicación, como agora co Dinoseto, deron unha ampla cobertura ás aventuras e desventuras do mono, que foi atopado morto a finais de 1991, hai agora 25 anos, nas súas dependencias do zoolóxico vigués logo de inxerir un imperdible que alguén agochara nos seus alimentos.
Se Leri chamaba a Francisco Vázquez "querido inimigo", Caballero di que foi o segundo mellor alcalde de España e que el mesmo é "mellor alcalde que Paco"
A implicación persoal de Leri co benestar do mono Paco foi similar á que amosa o actual rexedor con Dinoseto. Pero non son as únicas similitudes entre ambos. Do mesmo xeito que Leri derrubou el mesmo, mazo en man, o muro que na súa época separaba os terreos portuarios do centro da cidade, en marzo de 2010 Caballero fixo o mesmo coa parede que impedía aos vigueses desfrutar do espazo que ocupara a Armada en Teis. Se Caballero di que hai barrios de Vigo mellores que o madrileño de Salamanca, Leri facía soar pola megafonía dos seus campos de fútbol xunto á praia o seu famoso “felices en Vigo”. Leri chegou a bañarse no contaminado río Lagares para reclamar a súa limpeza e chamaba ao daquela alcalde coruñés Francisco Vázquez, do seu mesmo partido, “querido inimigo”. A opinión de Caballero sobre o ex-rexedor coruñés deixouna clara nunha entrevista con Praza.gal: “Paco Vázquez foi o segundo mellor alcalde da historia de España, o segundo ou terceiro; Tierno [Galván], Pasqual [Maragall] e Paco; eu son mellor alcalde que Paco”.