Que os trens de alta velocidade que circulen entre Galicia e Madrid teñan que empregar durante varios anos o lento trazado convencional actual ao longo duns 17 sinuosos quilómetros entre Ourense e Taboadela non significa que en 2018 non vaia haber AVE á Meseta. Así o considera o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para quen xa non é tan importante que sexa materialmente imposible que ese treito estea rematado en 2018 e con el a liña Galicia-Madrid na súa totalidade, como vén prometendo o PP. Porén, en 2011, cando á fronte do Ministerio de Fomento estaba o socialista José Blanco, a visión da Xunta era que non habería AVE entre Galicia e Madrid mentres todos e cada un dos treitos, e ese en particular, non estivesen rematados.
A demora dos 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense foi un dos elementos que hai cinco anos levaron á Xunta a dar por roto o Pacto do Obradoiro asinado co socialista José Blanco e mudar a previsión de remate de toda a liña de 2015 a 2018
“Non creo que debamos centrar o tema na variante de Taboadela”, dixo este xoves Feijóo cando foi preguntado pola imposibilidade de que ese treito de 17 quilómetros estea rematado en 2018 e se lle lembrou o que dicía o PP en 2011. Ao seu ver, o importante agora é que, malia que ese tramo se atrase, os trens de alta velocidade poidan circular pola vía actual e se poida chegar en tren a Madrid desde Ourense “en menos de tres horas, con variante ou sen variante”.
No verán de 2011, cando á fronte do Ministerio de Fomento estaba o socialista José Blanco, non era esa a visión da Xunta. Logo de dous anos de eloxios mutuos entre Feijóo e Blanco a conta do apoio respectivo ao AVE galego, naquela altura, a poucos meses das eleccións xerais que acabaría gañando o PP, o presidente galego decidiu cambiar de estratexia. Os populares comezaron a criticar que xa non sería posible cumprir a promesa socialista daquela vixente de que o AVE á Meseta estaría rematado en 2015, catro anos e medio despois. O treito Taboadela-Ourense era un elemento fundamental nesa crítica, que plasmaron en diversos informes e contrainformes que durante aquel verán se intercambiaron a Xunta e Fomento.
Naqueles informes o Goberno galego insistía en que só a execución material da plataforma da nova liña suporía tres anos de traballos. Pero engadíalle ademais o tempo necesario para licitar a obra e logo para instalar os equipamentos técnicos necesarios e probalos, o que elevaba os prazos a máis de cinco anos. De aplicar agora aqueles tempos que a Xunta afeara aos socialistas en 2011, os 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense non poderían estar en servizo ata 2022. Mentres, di Feijóo, Galicia tería igualmente AVE en 2018 cos trens de alta velocidade circulando nese treito pola lenta vía convencional. Pero non é ese o único problema que arrastran as obas do AVE galego, xa que nos últimos meses ralentizáronse os traballos nos túneles do leste da provincia de Ourense, aínda haberá que reformar o vello túnel do Padornelo e Adif non prevé pór en servizo a liña entre Zamora, a onde xa chega hoxe, e Puebla de Sanabria ata comezos de 2018.
Situación das obras entre Zamora e Ourense