"Deficiencias que non permiten informar favorablemente a proposta de orzamento emendada". É a conclusión á que chega a interventora do Concello de Pontevedra tras analizar a nova versión da proposta de orzamentos para 2017, resultante das 22 emendas aprobadas polo apoio mutuo dos grupos da oposición -PP, PSdeG, Marea Pontevedra e Ciudadanos- que modificaron substancialmente o proxecto inicial do goberno do BNG. Nun informe datado o propio mércores, 14 de decembro, as titulares da Intervención Xeral e máis do Órgano de Xestión Orzamentaria do Concello alertan de erros que, din, impiden avalar o documento, un informe técnico que o goberno que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores esgrime para concluír que o orzamento está "nunha situación de ilegalidade" que debera levar o resto de grupos a reconsiderar a súa postura.
No informe de intervención as funcionarias comezan advertindo do que consideran "indefinición dos gastos que pretenden atender" as emendas, o que "impide elaborar un novo orzamento definitivo". Nomeadamente, especifican, o "descadre total de ingresos e gastos" acadaría uns 425.000 euros motivado, fundamentalmente, por "erros aritméticos ao propoñer altas e baixas nas correspondentes aplicacións orzamentarias", por "exceder o importe das baixas propostas" ao "importe total da aplicación que se pretende diminuír" ou "por indefinición" das partidas nas que os grupos da oposición propoñen restar fondos.
O informe detecta "erros aritméticos" que "descadran" ingresos e gastos por ata 425.000 euros
Estes factores, di o informe, desembocan nunha "situación de falta de nivelación e concreción" que mesmo "impide obter o estado de ingresos e gastos definitivo". "A ausencia de nivelación orzamentaria -salientan- constitúe causa de reclamación" ao abeiro da lei de facendas locais e a ela, neste caso, engadiríase o feito de que as emendas restan fondos para pagar persoal directivo pero non eliminan as súas prazas. Ao non facelo, agrega, "aprobaríase un orzamento que non dota o gasto preciso para cubrir o total de prazas e postos de traballo existentes", o que tamén implicaría unha causa de reclamación segundo a mesma lei. A modificación das bases de execución das contas tamén suscita dúbidas na Intervención, que recomenda unha análise por parte dos servizos xurídicos do Concello "previamente á adopción deste acordo".
O goberno local coida que a análise da intervención amosa que o orzamento "non pode someterse a votación"
Con este informe sobre a mesa, que a xuízo dos grupos emendantes recolle erros susanables, o goberno local ve aínda máis motivos para que PP, PSdeG, Marea e Ciudadanos teñan que recuar. "Nunca vin que forzas políticas totalmente distintas se puxesen de acordo para facer un orzamento alternativo", afirma o edil de Economía, Raimundo González, quen se amosa convencido da existencia dun "acordo político previo". En calquera caso, o concelleiro do Bloque coida que o informe de intervención amosa ás claras que o orzamento modificado "non pode someterse a votación". "Temos abertas todas as vías", tamén a da prórroga das actuais contas, se ben "logo da metedura de pata estrepitosa", acusa, o resto de grupos deberan "deixarse de coñas e deixar gobernar". "E senón, que presenten unha moción de censura", conclúe.
Pontón insta as direccións de PSdeG e En Marea a desmarcarse
Mentres, en Pontevedra, o goberno local analizaba o devandito informe, na sede do BNG en Santiago a súa portavoz nacional, Ana Pontón, dirixíase ás direccións de PSdeG e En Marea para instalos a "rectificar" o que tamén, ao seu xuízo, é "unha moción de censura encuberta" ou unha "gran coalición en versión galega". Neste sentido, Pontón reclama que ambas formacións "aclaren a nivel galego se avalan este destrutivo pacto de goberno co PP ou se van poñer un pouco de sentido común nos seus grupos municipais". "Se teñen un modelo de cidade compartido -acrecenta- o lóxico é que gobernen xuntos".
"É decepcionante", a xuízo de Pontón, "que PSOE e Marea se poñan a bailar ao son que toca o PP para destruír os logros do goberno municipal de Pontevedra". Dende o seu punto de vista, correspondería que os voceiros parlamentarios de ambas formacións, Luís Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga, así como a presidenta da xestora socialista, Pilar Cancela, procuren "frear este despropósito". "Estou segura de que a maioría dos votantes do PSOE ou da Marea non comparten" o acontecido, polo que "están malversando a súa confianza", afirma.