Fomento reitera no Congreso que non haberá traspaso da AP-9 a Galicia

O ministro De la Serna, na Comisión de Fomento © Congreso

Fomento reitera que non haberá transferencia da AP-9 a Galicia. O ministro Íñigo de la Serna volveu inserir primeiro a cuestión nunha reflexión global sobre as autoestradas do conxunto do Estado, a obviar a petición unánime galega ou a posición contraditoria do PP en Compostela e Madrid e a advertir da titularidade estatal da vía. Na Comisión de Fomento, o titular do departamento apostou tan só por "chegar a acordos coas comunidades autónomas e falar", aludindo ao pacto coa Xunta no que se substituíu o traspaso por unha comisión para supervisar a autoestrada

O ministro de Fomento deixa claro que o Goberno central non ten intención ningunha de transferir a AP-9

En Marea, a través do portavoz de Fomento do grupo confederal, lembroulle a De la Serna o "fundamental" da autoestrada no país e a "relevancia" do debate xurdido nel "tras o veto do Goberno central á tramitación no Congreso da proposición de lei do Parlamento galego" para a súa transferencia. Preguntado por se vai atender a demanda ou se vai o Ministerio "camiñar car a meta dunha vía libre de peaxes", o ministro asegurou que o Executivo "sempre foi claro" en canto á transferencia de infraestructuras "que consideran fundamentais e que teñen caracter suprarrexional"

De la Serna aclara que a AP-9 é unha vía "fundamental" e de "titularidade" estatal e aclara que se cumprirá "o que marca a lei"

Limitouse a afirmar que é "partidario" deses acordos coas autonomías e de falar tal e como se fixo "co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola AP-9", colocando a cuestión nunha reflexión global sobre as autoestradas de peaxe e aludindo a ela cando lle tocaba responder á pregunta directa da formación galega. Ademais, advertiu que era unha estrada que "forma parte da rede do Estado" e que a opción do Goberno é "manter a titularidade" tamén para "garantir as conexións internacionais". Non é, aclarou, unha cuestión "política" senón de cumprir "os requisitos que marca a lei". Ademais, nada comentou do veto á decisión do Parlamento no Congreso nin abriu porta ningunha a unha hipotética transferencia. 

Para Alexandra Fernández, deputada de En Marea, a resposta dada demostra que o PP "nunca foi claro nesta cuestión". "Non vemos a claridade da que presume o ministro, porque en Galiza o PP aposta pola transferencia e en Madrid confórmanse con comisións de seguimento da AP-9", engadiu. 

En canto aos prazos para a finalización do AVE a Galicia e as dúbidas que o propio ministro deitou sobre a variante a Ourense, o ministro De la Serna tampouco destacou pola súa claridade. Preguntado por En Marea e o PSOE  polos investimentos ou o "constante baile de datos nos prazos de remate desta conexión ferroviaria que se foron atrasando", o titular de Fomento sinalou que "o compromiso de Goberno" era o de poñer o proxecto "en marcha canto antes e impulsar as actuacións en marcha". "É algo que se concretará en próximos meses en reunións co presidente da Xunta", limitouse a dicir. 

O ministro asegura que se dará "continuidade ao proxecto que xa existía" para o AVE galego, incluída a variante por Ourense

Ao volver sobre a variante a Ourense, e logo de que o propio Ministerio rectificase as palabras de De la Serna, o ministro insistiu na "intención" de que se "dea continuidade ao proxecto que xa existía" no tramo desde Taboadela á cidade das Burgas e tamén "ao compromiso que xa existía de dar continuidade á liña de alta velocidade". 

Para o socialista Guillermo Meijón, o ministro "deixou claro que entre Rajoy e Feijóo pretenden un AVE da vergonza para Galicia en canto á súa execución final e cunha nebulossa respecto ao seu calendario", tras insistir tmén nos "oídos xordos" sobre a petición de levantar o veto sobre o debate da transferencia da AP-9.

Respecto do accidente do tren do Porriño, En Marea preguntoulle ao ministro polas causas do accidente, pero o ministro non contestou á pregunta da formación galega. Así, a deputada Alexandra Fernández valorou "negativamente" a intervención de De la Serna respecto dos temas que atinxen a Galicia na Comisión de Fomento. 

"Claridade sería votar que si á transferencia da AP-9 tamén en Madrid, avanzar e concretar os prazos do AVE e ter contestado  pregunta sobre o accidente do Porriño", concluíu Fernández. 

O ministro De la Serna, na Comisión de Fomento © Congreso
Alexandra Fernández, deputada de En Marea © En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.