A oposición de Ourense pacta un programa conxunto e abre a porta a desbancar o PP

Pleno no Concello de Ourense © Concello de Ourense

Ourense é a única das sete cidades galegas que completou o derradeiro ano do anterior mandato municipal e o primeiro completo do actual sen aprobar os seus orzamentos. O gabinete do PP que dirixe o ex-conselleiro Jesús Vázquez foi navegando entre modificacións de crédito sobre as base do orzamento de 2014, aprobado en solitario polo daquela goberno socialista en minoría xa en condicións precarias -en Xunta de Goberno, sen apoio do interventor e a mes e medio do remate do ano-. O orzamentario foi neste tempo o principal lastre, pero non o único, para un goberno que conta con 10 dos 27 edís da corporación municipal e que agora ten diante de si un obstáculo que podería chegar a ser definitivo: os grupos que aglutinan os 17 edís que non son do PP veñen de pactar un bosquexo de programa de goberno, unhas "conclusións programáticas" que abren a porta a desbancar os conservadores.

Os órganos internos de Democracia Ourensana -8 edís-, PSdeG -6 edís- e Ourense en Común -3- teñen que agora que valorar e, de ser o caso, ratificar o documento de sete páxinas pactado por cadanseus grupos municipais, no que sintetizan o que definen como "proxecto de cidade desexable" fronte á "inoperancia e falta de diálogo do goberno de Jesús Vázquez, que mantén a cidade nunha grave parálise que precisa solución". Son medidas, din sen explicitar a vía que permitiría aplicalas, a moción de censura, que agora cómpre valorar se abondan para tecer "un proxecto común, sólido, positivo e eficaz".

DO, PSdeG e Ourense en Común preséntanse como alternativa á "inoperancia" e "parálise" do goberno do PP no Concello, que segue a operar cos orzamentos de 2014

As "conclusións programáticas" da oposición ourensá divídense en nove apartados con conclusións "unánimes", a comezar polo urbanismo e a aprobación do anulado PXOM a partir do "texto aprobado inicialmente", a "revisión e descarte das modificacións presentadas polo PP" baseadas só "en aumento de edificabilidade e redución de cargas" e a creación dunha "comisión de investigación formada por otdos os grupos" que "depure as responsabilidades técnicas e políticas" pola anulación do ordenamento provisional. Neste apartado abordan tamén a integración urbana do AVE, entre outros plans.

A creación dunha "Sociedade Mercantil Pública de Augas de Ourense" para a "xestión e promoción dos recursos temais do municipio, garantindo que estes sexan patrimonio público", recuperar os orzamentos participativos, crear unha renda social municipal e un Instituto Municipal da Vivenda, no eido do benestar, ou unha reforma das ordenanzas fiscais son outras das medidas máis salientables nun documento que inclúe tamén unha das grandes materias pendentes do Concello nos últimos tempos, a aprobación dunha nova relación de postos de traballo municipais, xunto a outras medidas en materia de persoal como un sistema de control do seu traballo.

Os grupos evitan referirse á moción de censura e Ourense en Común advirte de que "non fará alcalde a Jácome, nin por activa nin por pasiva"

O "estudo e implantación do tranvía urbano" e a extensión das áreas peonís, no apartado de infraestruturas, promover que o Concello se "desprenda" das accións do COB Ourense, en deportes, ou un plan de apoio ao tecido comercial, no apartado de comercio, son outras das medidas dun plan que vén acompañado por advertencias de cautela por parte de dous dos seus tres asinantes. Así, dende o Grupo Socialista o seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, advirte de que non se trata dun pacto de goberno, senón dun acordo sobre medidas conxuntas que aínda cómpre analizar. Ourense en Común, pola súa banda, sinalou en rolda de prensa este xoves que "non fará alcalde a Gonzalo Pérez Jácome, nin por activa nin por pasiva", e iso non implica que "apoie" o PP. "Non quitaremos a Hillary Clinton para poñer a Donald Trump", ironiza o voceiro de OuC, Martiño Xosé Vázquez, que indica adicionalmente que a formación non se integraría nun eventual goberno alternativo.

Maior rotundidade existe no seo de DO, cuxo voceiro, Gonzalo Pérez Jácome, vén augurando dende hai semanas a fin do goberno de Vázquez e deixando entrever, ademais, que podería chegar a estar disposto a non esixir a alcaldía como condición para chegar a un acordo malia ser o líder da primeira forza da oposición. As peculiaridades desta formación local preséntanse, precisamente, como unha das pezas máis difíciles de encaixar para Ourense en Común e mais para os socialistas que, á súa vez, viven unha convulsa situación interna. DO, de momento, xa celebrou ao seu xeito nas redes sociais do partido o que, asegura, será o "derradeiro Nadal" do PP no goberno da cidade de Ourense.

Jesús Vázquez, pola súa banda, recibiu o acordo da oposición erixindo o seu goberno nun "exemplo de cidade fronte a outras paralizadas" e acusa o resto de grupos de pretenderen tecer "unha réplica dos gobernos de Ferrol, A Coruña ou Santiago". "Fomos a forza máis votada, con diferenza", esgrime o ex-conselleiro, mentres acusa a oposición de "boicotear" todos os seus plans.

Casa do Concello de Ourense Dominio Público DO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.