0 Gardados para despois

O TSXG condena a Xunta pola "conxura" dun tribunal para amañar unhas oposicións

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

A xustiza volve condenar a Xunta por irregularidades nos procesos de selección a prazas do seu corpo administrativo. Nunha sentenza dura, clara e con fortes reproches, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga a Consellería de Facenda a nomear funcionaria do grupo A1 unha opositora que fora suspendida xa que considera probada a existencia dunha "conxura do tribunal cualificador con burla das bases da convocatoria", así como "patente" o "panorama indiciario de maquinación evidenciado pola demandante". 

O TSXG, nunha dura sentenza, considera probada a "conxura do tribunal cualificador" para "burlar" as bases da convocatoria

O modus operandi para o amaño destas oposicións foi tan ruín como evidente. Tal e como tamén se detalla na sentenza -feita pública polo sindicato CSIF-, a oposición constaba de varios exercicios cuxas cualificacións sumadas e ponderadas establecerían o resultado final da proba. No entanto, xa no segundo, o tribunal "declarou tantos aprobados como prazas convocadas". De 50 aspirantes que pasaran o primeiro exercicio corrixido automaticamente por unha máquina, quedaron 15 tras a corrección polo tribunal. 

"O tribunal cualificador, ben por inercia, economia procedimental, ignorancia ou erro... furtou a posibilidade aos restantes aspirantes de aprobar o segundo exercicio" aclara o ditame do TSXG, que asegura que "a sospeita vertida pola demandante de existencia dunha conxura [...] con burla das bases da convocatoria elévase [...] a convicción probada polo principio de facilidade probatoria en mans da Administración e polo patente panorama indiciario de maquinación evidenciado pola demandante". 

O tribunal suspendeu no segundo exercicio a xente necesaria para que só aprobasen tantas persoas como prazas convocadas

Para levar a cabo esta "maquinación" da que fala o alto tribunal, cometéronse moreas de irregularidades á hora de avaliar os exercicios, ao vulnerarse criterios de cualificación da convocatoria, deixar de corrixir exames, non establecer solucións homexéneas e obxectivas ou usar criterios xenéricos susceptibles de aplicación arbitraria. "A valoración asignada á segunda proba é froito máis do voluntarismo que da razón científica" di o TSXG, que asegura que "resulta elocuente indicio de que [os exercicios] non foron obxecto de detida valoración".

En definitiva, que aprobaron os que no tribunal cualificador tiñan previsto aprobar, tal e como asegura unha fonte coñecedora do proceso, que vai máis aló: "Pasaron apelidos moi coñecidos e relacionados con certo partido e quedaron fóra outros". Durante o proceso xudicial, foille aceptada á demandante unha proba pericial que acabou por ratificar as numerosas eivas na corrección dos exercicios. 

A Xunta é firme ao non ser recorrida pola Xunta malia que tiña opción de facelo: a demandante será nomeada funcionaria

A sentenza é xa firme ao non ser recorrida pola Xunta, malia que tiña posibilidade de facelo. "Foi tan contundente e claro o ditame que nin se atreveu a facelo", din estas mesmas fontes. Agora, a demandante figurará como aprobada no segundo exercicio da oposición e aprobada no proceso selectivo, polo que conta xa con todos os dereitos administrativos e económicos inherentes. Obterá a súa praza de funcionaria do grupo A1 na Xunta, tal e como lle confirmou Función Pública, sen que iso afecte ás condicións co resto de compañeiros de promoción aprobados e cuxos nomeamentos permanecerán intactos. 

Desde a Consellería de Facenda lembran que "nun primeiro momento o TSXG deu a razón á Xunta" para, "con posterioridade, variou o seu criterio e deu a razón á recorrente". "A sentenza encontra insuficiente a motivación das puntuacións obtidas pola recorrente e decide aprobala outorgándolle a puntuación máis baixa dos aspirantes que obtiveron praza", aclara o departamento do Executivo, que advirte que o ditamen "non ten efectos sobre o resto de procesos selectivos que está a desenvolver con total normalidade" a Administración galega. 

O TSXG cre "sangrante" a situación da opositora nunha sentenza que non é a primeira que denuncia a arbitrariedade nas oposicións á Xunta

Esta resolución, que considera "sangrante" a situación da opositora, súmase a outras tres anteriores diferentes tribunais recoñecían a arbitrariedade na actuación dos órganos de selección así como a indefensión dos opositores. Nunha desas sentenzas, o Supremo condenaba a Xunta por avaliar exames de oposición sen "criterios obxectivos".

Desde o CSIF lamentan esta "esperpéntica situacion de desconfianza que xa está implantada entre os aspirantes a un posto de traballo na Administración Pública" e insiste na necesidade de creación da figura do Observador da Legalidade nos procesos selectivos, mediante a que os sindicatos, sen formar parte dos tribunais de selección, participarían "velando pola limpeza destes e a súa transparencia". Facenda advirte que "o Goberno central prohibiu dende 2007 a presenza de representantes sindicais nos tribunais de oposicións", aínda que no CSIF insisten en que non formarían parte del. 

Ademais, e ante os argumentos do Executivo de que non hai tantas denuncias sobre irregularidades, desde o sindicato responden con claridade: "Se non hai máis é porque agora é moi caro ir a un contencioso, un proceso que adoita saír por máis de 2.000 euros en gastos cando antes era gratuíto". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.