Todos os grupos do Parlamento pactan unha nova lei de traspaso da AP-9 para tentar esquivar o veto de Fomento

Vista aérea dun treito da AP-9 © Itínere

PP, En Marea, PSdeG-PSOE e BNG veñen de chegar a un acordo para presentar unha proposición de lei conxunta a través da que se solicita a transferencia a Galicia da titularidade da AP-9. O pasado mes de marzo o Parlamento galego xa aprobara unha proposición de lei promovida polo BNG para reclamar o traspaso. Porén, cando en novembro En Marea levou ao Congreso a proposta, esta foi rexeitada polo PP (que si a defendera en Galicia) e por Ciudadanos, empregando como principal argumento que -unha vez transferida- a Xunta podería iniciar un proceso de rescate da concesión. Os populares escudáronse no artigo 134.6 da Constitución, que permite ao Executivo frear os proxectos de lei que impliquen incrementos de gastos ou diminucións de ingresos.

Porén, o novo texto pactado polos catro grupos diferénciase do aprobado na cámara galega hai case un ano en que non fai referencia a rescate da concesión ("a Administración xeral do Estado asumirá as obrigas económicas e financeiras no caso de que, no exercicio das competencias delegadas nesta lei orgánica, a Comunidade Autónoma acorde o rescate da concesión da autoestrada AP-9 para a súa reversión ao ámbito público", dicíase daquela) e mesmo subliña que "o traspaso efectivo regulado no artigo 2 non suporá incremento algún dos créditos nen diminución dos ingresos previstos na lei de orzamentos xerais do Estado en vigor". Ademais, elimínase o prazo máximo de seis meses para o traspaso efectivo da AP-9.

O texto destaca que "a AP-9 continúa a depender do Goberno central, que mantén unhas peaxes desorbitadas que limitan oacceso a esta vía ás persoas con menos recursos e lastran o desenvolvemento de sectores económicos galegos". Aínda que a proposta deixaría fóra, en principio, o rescate da concesión, sería competencia da Xunta "a autorización da posta en servizo de novos tramos, adaptacións ou reformas dos existentes", a "supervisión e inspección do correcto funcionamento da autoestrada", a "potestade sancionadora respecto de incumprimentos da concesionaria" e, ademais, "as modificacións que afecten o réxime económico-financeiro da concesión, en particular no que atinxe ao establecemento, actualización e supresión de tarifas e peaxes".

Vista aérea dun treito da AP-9 © Itínere
Cargos políticos na presentación das obras de ampliación da AP-9 en Santiago © Xoán Crespo
Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo CC-BY-SA Tomás Rodríguez Ontiveros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.