A lista que apostaba por ser "de consenso" terá 21 dos 35 membros do primeiro órgano ordinario de dirección política de En Marea. A candidatura 'Máis alá', encabezada por Luís Villares, foi a máis votada nas eleccións internas de En Marea cun 58,66% dos apoios, 894 sufraxios que lle permitirán ter a maioría do Consello das Mareas, no que sentarán 9 representantes da lista Somos Quen, que obtivo o 25,26% dos votos, e 5 da candidatura 'Queremos participar', tras lograr o 16,08% dos apoios, segundo os resultados provisionais feitos públicos por En Marea.
A partir desta distribución dos 35 postos do Consello as persoas electas terán que elixir a Coordinadora, o órgano de 11 membros que asumirá a dirección cotiá do partido instrumental. A considerada como lista 'oficial' por estar impulsada dende a que foi coordinadora provisional de En Marea ten a Villares á súa fronte pero, segundo o estipulado no seu documento político, o máis votado, o ex-maxistrado non será voceiro da organización. Segundo a proposta gañadora este posto corresponderá de xeito rotatorio a dúas mulleres e un home e ningunha destas persoas poderá ser quen ostente a portavocía no Parlamento de Galicia ou no Congreso dos Deputados.
'Somos quen' e 'Queremos participar' suman 14 dos 35 membros do Consello das Mareas, segundo o escrutinio provisional
Quen si defenden que o voceiro do grupo parlamentario teña tamén este rol no partido son as outras dúas candidaturas, que en conxunto suman 14 dos 35 postos do Consello. A organización definitiva non ficará despexada, en calquera caso, ata a elección da Coordinadora por parte do Consello, que celebrará a súa xuntanza constitutiva o vindeiro sábado, día 28.
Tras a difusión dos resultados provisionais dende Queremos Participar avanzouse a intención de recorrelos. Segundo sinala esta candidatura, con estes resultados corresponderíalles un representante máis no Consello das Mareas e a Máis Alá, un menos. Queremos Participar atribúe esta diferenza a un "erro aritmético" que agarda que sexa "emendado".
Segundo os resultados provisionais difundidos por En Marea -serán definitivos este mércores- os 21 membros da candidatura Máis Alá que sentarán no Consello das Mareas serán Luís Villares, Victoria Esteban, Xosé Manuel Beiras, Gladys Alfonso, Iago Martínez, Noemí Prados, Javier Octavio de Toledo, Sara Torreiro, Pedro Rivera, Ana Seijas, Rafael Dopico, Elena Cores, Borja San Ramón, Paula Rodríguez, Adrián Fuenteseca, Sara Outeiral, Mariano Fernández, Oriana Méndez, Gonzalo Rodríguez, Thais Rivera e Ares Jiménez.
Os 9 representantes de Somos Quen, integrada por persoas da contorna de Anova, son o cabeza de lista, o deputado David Rodríguez, e xunto a el Iria Morgade, Modesto Renda, Esther Duro, Alfonso Diz, Sonia Vidal, Pablo Alonso, Mónica González e Xurxo Triñanes. Pola banda de Queremos Participar, lista ligada a Cerna, resultou elixida a antiga parlamentaria Consuelo Martínez, Mario López Rico, a actualmente deputada Paula Vázquez Verao, Francisca Rodríguez e Iris Malvido.