Un gasto para as arcas públicas de 480 euros por corenta minutos de reunión no que se despacharon catro asuntos. É o exemplo dunha das comisións de coordinación do Concello de Valga que investiga a xustiza e polas que terán que declarar sete dos nove concelleiros do equipo de goberno da localidade pontevedresa.
O Concello tería gastado uns 15.000 euros anuais durante máis de vinte anos por unhas comisións que investiga a xustiza
Este peculiar órgano creado no municipio, e ao que só asisten os concelleiros do executivo local, é a orixe dunha investigación por un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación administrativa polo cobro por parte dos edís populares -agás unha que ten dedicación exclusiva e non pode acceder a estes pagos e outro que se estreou na corporación neste novo mandato- de dietas pola asistencia a estas reunións semanais. Segundo as informacións facilitadas nas dilixencias previas, o gasto para o Concello foi de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio. En total, tendo en conta que as comisións están vixentes desde 1992, serían uns 400.000 euros.
Malia que un secretario asina as actas das xuntanzas, o PSdeG -formación que denunciou ante a xustiza as comisións por consideralas "non amparadas pola lei"- censura a súa escasa transparencia e considera que non serven máis que como "sobresoldos" para os concelleiros do PP, que reciben uns 240 euros mensuais só por este concepto, á marxe do que ingresen pola asistencia ao resto de xuntanzas reguladas, como os plenos, as xuntas de goberno ou as comisións informativas.
A acta dunha das comisións aclara que durou corenta minutos
A acta dunha desas reunións, á que tivo acceso Praza, deita luz sobre estas xuntanzas. No documento aclárase que durou tan só corenta minutos -comezou ás 11.10 horas da mañá e rematou ás 11.50- e que a ela asistiron o alcalde e sete concelleiros do goberno máis, ademais do secretario. Ausentouse, desta vez, outra edil, a que non accede aos cobros por ter dedicación exclusiva no Concello. Foi en 2015 e, de ter en conta que cada un dos edís asistentes recibe 60 euros, o gasto ascendería a 480 euros por unha xuntanza que se repite cada semana.
Segundo se pode ver na acta, neses corenta minutos os concelleiros trataron catro temas: realizaron partes sobre o mantemento de instalacións públicas, advertiuse dunha proposta ministerial sobre unha infraestrutura que se rexeita e informouse de varias obras activas e de diferentes actividades culturais previstas.
Os pagos ao goberno por estas comisións supoñen o 70% das dietas do Concello
De ter en conta os últimos cinco meses e pico do anterior mandato municipal, e segundo datos aos que tivo acceso Praza, a corporación de Valga gastou un total de 14.380 euros en pagamentos por asistencia a diferentes organismos de goberno. Deles, 4.230 foron destinados a abonar as dietas por asistencias a plenos, comisións informativas e xuntas de goberno local, mentres que 10.150 euros, algo máis do 70% do total, ás dietas por asistir ás comisións de coordinación onde só participan os edís do goberno.
A xustiza investiga a legalidade ou non destas comisións, xa que mentres outros órganos regulados do Concello inclúen proporcionalmente membros de todos os grupos da corporación, estas están limitadas aos do goberno.
O equipo de goberno de Valga xa advertiu que defenderá a súa "inocencia coa total convición de que non existe ningunha actuación irregular" e acusa o PSdeG de "entorpecer e prexudicar a xestión diaria do alcalde e o seu equipo, desta vez traspasando os límites do que debe ser a contenda política, para xudicializar a actuación municipal".