O goberno do PP en Noia subiu un 150% o importe de dietas como as que a xustiza investiga en Valga

Pleno do Concello de Noia © Concello de Noia

O pleno do Concello de Noia, logo da moción de censura pola que o PP logrou a alcaldía, aumentou nun 150% o importe das dietas a recibir nas comisións de coordinación que a xustiza investiga agora en Valga. O pasado mes de abril, co apoio dos populares e os independentes de NO.I.A., o pleno de organización elevou de 60 a 150 euros o pago a cada un dos edís que acudisen ás xuntanzas, destinadas unicamente a membros do executivo local que non teñan dedicación exclusiva. 

Logo da moción de censura, PP e independentes acordaron subir de 60 a 150 euros as dietas por asistir ás comisións de coordinación

Ademais, e nos dez meses que leva o popular Santiago Freire como alcalde, celebráronse xa 45 comisións de coordinación -máis de catro mensuais- fronte ás dúas ao mes que se acordaran no pleno, que deixaba aberta a posibilidade da convocatoria extraordinaria destas xuntanzas. Finalmente, das máis de 40 celebradas, 27 tiveron carácter extraordinario. Así o denuncia a Marea Cidadá de Noia, que xa reclamou as actas destas reunións e pedirá no no vindeiro pleno que se eliminen ou, polo menos, se reduza a contía das súas dietas. 

A polémica arredor destas comisións xorde logo da investigación que abriu a xustiza no Concello de Valga polas dietas presuntamente irregulares cobradas durante décadas polos concelleiros do goberno local, o que provocou a descuberta de pagos semellantes en diferentes municipios galegos. Outes, Curtis ou Noia son algúns nos que existen estes órganos nos que se reúnen unicamente os edís do goberno. A maxistrada que leva o caso investiga a legalidade destas xuntanzas, dado que non inclúen proporcionalmente membros de todos os grupos da corporación, como si se esixe no resto de reunións establecidas pola lei. Ademais, nalgúns casos nin tan sequera o secretario municipal é esixido para levantar acta e en todos as dietas son maiores que pola asistencia a plenos ou outros organismos colexiados. 

Ante isto, o xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis citou a declarar como investigados sete dos nove edís do PP en Valga, entre eles o seu alcalde, e investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación polo cobro de dietas pola asistencia a estas comisións de coordinación. Teríanse gastado unha media de 15.000 euros anuais e un total duns 400.000 euros desde 1992 na localidade pontevedresa. 

A oposición dos concellos con estas xuntanzas instauradas cualifican as dietas de "sobresoldos" ou "soldos encubertos"

A oposición dos concellos nos que se está a revelar a existencia destas comisións coincide en denunciar o seu escurantismo e a falta de transparencia das xuntanzas e en cualificar as dietas como "sobresoldos" ou "soldos encubertos" para os edís do goberno que non teñen dedicación exclusiva. Todos, polo menos nos municipios dos que se sabe, con alcaldía do Partido Popular. Ademais, das xuntanzas non se adoitan facer públicos os seus contidos e, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

Desde Noia, a Marea repara tamén no elevado custo que supoñen estas comisións de coordinación. Dos dez edís de goberno, só dous teñen dedicación exclusiva, polo que oito deles cobran dietas por asistir a estas reunións. En total, 45 xuntanzas en dez meses supoñen algo máis de 56.000 euros fronte aos 5.280 que gastou o anterior executivo no mesmo concepto en oito meses. Segundo puido saber Praza, a media de tempo de duración destas reunións vai desde a media hora aos corenta minutos, tal e como especifican as actas, e supoñen uns 1.250 euros. 

O goberno local de Noia gastou en dez meses máis de 56.000 euros nestas comisións de coordinación

 

"É abusiva a cantidade"

"É abusiva tanto a cantidade que percibe cada membro por esta comisión, á que non se lle recoñece ningunha función administrativa, como o xeito indiscriminado de realizar extraordinariamente as mesmas de maneira continuada no tempo", denuncia a Marea.

Por outra banda, desde Curtis, onde as comisións de coordinación foron instauradas polo PP neste vixente mandato, aclárase que foi en substitución tanto das comisións informativas como das xuntas de goberno, que non son obrigatorias en concellos que, coma este, non superen os 5.000 habitantes. Segundo informara o propio goberno local, a asistencia a estas xuntanzas págase a 200 euros e todo o equipo de goberno -agás o alcalde- recibe un mínimo de 400 euros mensuais. Supoñen 14.400 euros e desde o consistorio comprométense a informar do contido das reunións a través das actas no portal da transparencia da web do Concello

Á espera de que a xustiza ditamine sobre as comisións que investiga en Valga, e que pode provocar moreas de denuncias por casos semellantes noutros concellos, un experto consultado por Praza é contundente: "Son ilegais". Secretario, interventor e con experiencia de goberno nun Concello, asegura que "non hai figura legal ningunha, nin na lei reguladora das bases de réxime local nin no decreto de regulamento de organización das entidades locais, que ampare a existencia destas comisións". Ademais, advirte que, no caso de que se aceptase calquera comisión extraordinaria, a oposición terá que estar representada proporcionalmente nela, algo que non acontece nestes casos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.