Goretti Sanmartín: "Demos a volta ao modelo caciquil no que moita xente pensa ao falar das deputacións"

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

Goretti Sanmartín é membro da Executiva Nacional do BNG e concelleira en Santiago. E, dende hai ano e medio, tamén vicepresidenta do goberno de coalición da Deputación da Coruña. O Bloque, subliña, é claro na súa oposición aos entes provinciais pero, mentres existan, sinala, procura que o maior volume posible dos recursos que manexan fiquen "nas mans dos concellos", trocando o "paternalismo" por "regras transparentes"

Tras ano e medio na vicepresidencia da Deputación, que balance fai?
Neste primeiro ano e medio fomos quen de darlle a volta a case todo. Fomos capaces de facer unha reorganización de xeito que os concellos teñan moita máis autonomía. Cambiamos un modelo clientelar e caciquil, que é o que moita xente ten na cabeza cando escoita falar da deputación, por outro máis ousado, no que os concellos son os que teñen a posibilidade de ter recursos económicos e decidir en que os queren gastar. Estamos adelgazando a Deputación por esa vía. Tamén fomos capaces de reducir as subvencións nominativas, incrementando a concorrencia competitiva e ordenando os caixóns de xastre con subvencións moi definidas. E de poñer ao servizo da comunidade infraestruturas como a residencia universitaria Elvira Bao, coa que tamén fixemos xustiza no ámbito da memoria histórica… 

"Reorganizamos a Deputación para que os concellos teñan máis autonomía" 

Nese sentido, formulan vostedes o chamado Plan Único para o financiamento dos concellos. Por que o presentan como un cambio para a veciñanza?
O cambio fundamental é que se fai o reparto cun plan dinámico, que parte cunha cantidade moi considerable, 74 millóns de euros, e ten incorporacións durante o ano. Reforza o que era o plan de obras e servizos, increméntase tamén sobre o plan de aforro e investimentos e todos os remanentes, ademais de once liñas de subvencións que os concellos tiñan que pedir por separado. Mais sobre todo o que fai é dicirlles aos concellos que, segundo criterios acordados dende hai máis de 25 anos, saben que cantidades van levar e decidir a que as van dedicar, mesmo tamén gastos correntes sempre que sexan competencias propias.

O PP asegura que este plan é menos transparente e ademais os concellos dispoñen de menos fondos…
Nós sabemos que hai moitos alcaldes do PP contentos con este plan. A xustificación que deu o PP para votar en contra no pleno é que a Deputación perde protagonismo. Ese era o esquema clientelar. Claro que cedemos protagonismo aos concellos, que son os que o deben ter. É unha cuestión política que se corresponde con dous modelos, e o noso é o do adelgazamento institucional e máis autonomía financeira para os concellos. A respecto das cantidades, demostrarase en pouco tempo que imos superar as do ano pasado, porque o plan é dinámico e chegará a case 100 millóns.

"Hai moitos alcaldes do PP contentos co novo plan, pero o PP vota en contra porque a Deputación perde protagonismo. Ese era o esquema clientelar"

Neste sentido, tamén lles reprochan, concretamente ao BNG, que exerzan o goberno nas deputacións malia defenderen a súa desaparición.
É evidente que o BNG está en contra das deputacións, sempre o dixemos. Nós chegamos a un acordo de goberno cun partido distinto, pero co que nos puxemos de acordo para poñer orde, transparencia e obxectividade. E para afondar nas transferencias de todas as competencias que non deben ser da Deputación, como os centros de ensino ou residencias e mesmo estradas. Tanto o PSOE como o BNG somos conscientes deste modelo, aínda que nós quixeramos ir moito máis alá.

Vostede é tamén responsable da área de Cultura. Como co financiamento xeral, ata que punto existe equilibrio entre financiar e dirixir? Ao cabo, a Deputación asigna fondos ao tecido asociativo e municipios.
Unha parte moi relevante do orzamento de cultura outorgábase en subvencións nominativas. Nós chegamos co compromiso de reducilas ao 5% e niso comezamos a traballar, poñendo orde en sacos moi grandes. E por iso aprobamos liñas específicas como festivais, museos… Tanto para concellos como para entidades, para as que ten que ser o protagonismo. Para nós o relevante son os criterios: a consolidación, o público, a importancia e presenza da cultura e da lingua galega ou a non discriminación por ningunha causa. E lanzaremos novas liñas cara á segunda parte do mandato.

"As relacións entre os grupos do goberno son boas e percíbese externamente. Non hai ese bipartito que semella estar aí, pairando"

Un dos fitos nos que poñen o acento é o 180 aniversario de Rosalía de Castro e o centenario da inauguración do seu monumento en Santiago. Pode haber quen lles diga: “De Rosalía xa está todo sabido”…
Para nós Rosalía sempre é un fito. Poucas culturas hai no mundo que teñan unha muller como iniciadora e rompedora. Este centenario pode servir para ver como a estatua tamén tivo a súa polémica, como algunhas institucións e políticos chegan a última hora a financiala ou como finalmente a persoa que recibe o encargo non é galega. Aínda hai moito que facer para que rompan todos os tópicos sobre Rosalía, unha muller culta, comprometida e libre. Unha imaxe que tamén é unha icona para a recuperación da memoria histórica das mulleres. Poucas figuras hai que animen tanto a outras mulleres.

Todo isto fano nun goberno de coalición co PSdeG. O propio termo “bipartito” ficou case estigmatizado no país nos últimos anos. Como valora a relación nese goberno, maís aínda nunha corporación tan plural?
É certo que é unha corporación en minoría e cun PP moi á contra por razóns ideolóxicas. As relacións entre os grupos que conforman o goberno son boas, non hai ese bipartito que semella estar aí, pairando. Partindo de que somos forzas diferentes temos xuntanzas de traballo semanais e cada área dá contas. A relación é moi positiva e creo que tamén se percibe externamente, e tamén o percibe o propio funcionariado da casa. Se non fose así, veríase.

Goretti Sanmartín © Torrecilla

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.