Nova disparidade de criterios do PP a respecto de leis votadas por unanimidade no Parlamento de Galicia. Menos de tres meses despois de que unha accidentada votación impedise sacala adiante a comisión de Fomento do Congreso volveu debater a proposición non de lei de En Marea para instar o Goberno de España a erguer o veto sobre a lei que, apoiada por todas as forzas do Parlamento de Galicia, reclama a transferencia á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. Desta volta o sentido da votación permitiu sacar adiante a iniciativa, un xesto político do que se desmarca o PP, que o apoiou en Galicia, e tamén Ciudadanos.
Os prolongados prazos parlamentarios provocaron que esta proposta se debatese despois de que na Cámara galega xa se buscase unha fórmula alternativa para tentar salvar o veto -unha nova lei sen o precepto ao que se aferraba o Goberno central baseándose en cálculos erróneos- e tamén despois de que, en verbas da deputada de En Marea Alexandra Fernández, Xunta e Fomento "sacasen da chistera a creación dunha comisión de seguimento" coa "intención de acougar as aspiracións dos galegos" e "afrouxar a presión social". "Pero sen comprometerse a nada", lamenta.
"Probablemente o PP preferiría que pasase o tempo e que esta iniciativa ficase en punto morto" e, aínda que a formación aposta por unha "transferencia para a mellor xestión" e tamén por "liberala de peaxes", a iniciativa aprobada só fai mención ás competencias, evitando así o veto por cuestións económicas. Deste xeito, o texto agora aprobado insta o gabinete de Rajoy a "erguer o veto" á lei e "prestar a súa conformidade" para que, "coa maior brevidade posible, poida ser tramitada". Isto, di o segundo punto da resolución, debe derivar en que se "inicien os trámites necesarios" para transferir a autoestrada ao Goberno galego "asumindo integramente a proposición de lei orgánica aprobada polo Parlamento galego.
Alexandra Fernández: "Sacaron da chistera unha comisión para acougar as aspiracións dos galegos"
A proposta defendida por Fernández colleitou os votos a prol do seu propio grupo e mais do PSOE, Esquerra, PNV, Compromís e EH Bildu. Na banda contraria situouse o PP a través do deputado ourensán Celso Delgado, para quen a defensa da proposta é "desfasada", por existir xa un novo texto pactado en Galicia, pero tamén "partidaria e demagóxica". Delgado reprocha que En Marea "siga apostando polo texto anterior", o mesmo que votou o PP no Parlamento galego, porque "xera conflito".
O PP propuña substituír o texto de En Marea por unha petición de que Xunta e Fomento celebren unha xuntanza que xa está prevista
Neste contexto, os conservadores ofreceron a Fernández a posibilidade de pactar un texto conxunto se En Marea renunciaba á súa proposta e a substituía por unha petición de que neste mes "se celebre a primeira xuntanza" da comisión de supervisión da autoestrada pactada por Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna, algo que xa está previsto, e "se aborden os proxectos de obras que se están realizando na actualidade, así como as que se poidan facer no futuro", algo que presidente e ministro tamén anunciaron nas últimas semanas. O PP, asegura, defende esta alternativa porque "non é o momento de botarnos nada en cara", senón de "traballar xuntos, e iso non se logra presentando iniciativas partidarias coma esta".
Foi así como se chegou a unha votación ante a que Fernández agradeceu o apoio maioritario dos grupos e lamentou o desmarque do PP. Delgado, advirte a deputada de En Marea, debera saber que "en política os tempos son importantes" e que "vai pasar aínda un tempo considerable" antes de que a nova iniciativa da Cámara galega poida chegar a ser tramitada e debatida nas cortes.