0 Gardados para despois

A Xunta tenta amortecer cunha recepción ás vítimas o cuarto "non" do PP a investigar o accidente de Angrois

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pleno do Parlamento de Galicia rexeitará este martes por cuarta vez a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois. O "non" apoiado pola maioría absoluta de votos do PP unirase aos tres anteriores, da pasada lexislatura, cando esta petición formulada daquela por AGE e BNG e agora, por En Marea e o propio Bloque contou co veto dos populares -formal, nesas tres ocasións, e noutras moitas sen que chegase a votarse- e a abstención do PSdeG. O voceiro conservador, Pedro Puy, ratificou este luns en rolda de prensa unha negativa cuxo efecto o PP tentará amortecer atendendo outra petición da Plataforma Víctimas Alvia 04155: seren recibidas pola Xunta.

O principal colectivo de persoas afectadas polo sinistro no que morreron 80 persoas na curva da Grandeira en xullo de 2013 cursou a pasada semana unha solicitude para que, cadrando co debate sobre a investigación na Cámara, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, accedese a recibilas para recoller de primeira man a petición de que apoie dúas investigacións: a política e a técnica, toda vez que a realizada por Fomento non foi "independente", tal e como ratificaron a Audiencia da Coruña e mais a Axencia Ferroviaria Europea. Esa recepción producirase, se ben todo apunta que quen atenderá a Plataforma non será Alberto Núñez Feijóo, senón o vicepresidente, Alfonso Rueda.

As vítimas serán recibidas por Rueda en ausencia de Feijóo e aínda agardan pola resposta á súa petición de xuntanza con Rajoy

O propio Rueda, que asume durante uns días as funcións do presidente polo nacemento do primeiro fillo de Feijóo -o xefe do Executivo non se acolleu ao permiso de paternidade e, previsiblemente, si acudirá á sesión de control parlamentaria do mércores- sinalaba este luns a preguntas da prensa que a petición "se dirixe ao presidente", pero que será el quen, "como presidente en funcións, reciba a plataforma sen ningún problema". "A nosa obriga é recibilos", di o número dous do Goberno, se ben igual que Puy ratifica que o seu voto á investigación será negativo. A súa resposta adiántase, non obstante, á do presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, por quen a plataforma pediu tamén ser recibida sen que polo momento houbese resposta.

Tanto Puy como Rueda reiteran que a postura do PP e do Goberno galego é de "apoio" ás vítimas na súa procura da "verdade" sobre o sucedido, se ben o voceiro parlamentario reitera que a Cámara galega "non é o lugar máis axeitado" para investigar o sinistro "se o que pretenden é que se coñeza o que pasou". O procedente, agrega, é demandar ao Ministerio de Fomento un "informe incontrovertido" sobre o descarrilamento, o mesmo que o departamento que agora dirixe Íñigo de la Serna se nega a promover. O PP rexeitou, ademais, abrir a comisión de investigación no Congreso, onde o seu voceiro, Rafael Hernando, cualificou a petición como "miserable" e "absurda".

O PP afirma que o Parlamento galego non ten competencias para investigar o accidente, pero o Regulamento establece que é posible abrir unha investigación "sobre calquera asunto de interese público"

O argumentario dos populares galegos a este respecto é, en síntese, o mesmo que en anteriores ocasións. Aseguran que o lexislativo galego non pode investigar o accidente do Alvia en Santiago porque carece de competencias para facelo. No entanto, esta afirmación non se corresponde coas normas que rexen o propio Parlamento, toda vez que o Regulamento estipula que será posible "acordar a creación dunha comisión de investigación sobre calquera asunto de interese público". Este foi o precepto no que, por exemplo, se apoiou a investigación sobre o Prestige, que o PP accedeu a abrir e acabou pechando unilateralmente.

O Regulamento é, precisamente, o outro piar da argumentación conservadora. A redacción aprobada en 2015 permite que, coa actual composición da Cámara, a oposición poida activar unha comisión de investigación de xeito "automático".  Unha soa en toda a lexislatura e, neste caso, co necesario acordo previo de En Marea, PSdeG e BNG. Neste sentido, o voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga,  apostaba o pasado decembro nunha entrevista con Praza.gal por "utilizar esa ferramente en temas que teñan o seu centro nas competencias da comunidade autónoma", pero tamén "no que os tres grupos propoñentes compartamos a visión" e tendo en conta ademais que "non debemos facernos trampas", xa que "o Regulamento permite activar a comisión", pero "a maioría do PP permítelle definir o programa de traballo, os ritmos, os comparecentes e as conclusións".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.