0 Gardados para despois

As vítimas de Angrois piden a Rajoy que as reciba e non repita con elas os erros do Yak-42

Redacción | @prazapublica

Facelo tarde ou facelo ben. É o dilema ante o que sitúa a Plataforma Víctimas Alvia 04155 ao presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy. Vinte e catro horas despois de que Rajoy recibise, con case 14 anos de atraso, unha representación das familias dos militares falecidos no accidente do Yak-42 -sinistro no que, segundo o recente informe do Consello de Estado, influíu determinantemente a xestión do Goberno de Aznar-, a principal plataforma de persoas afectadas polo descarrilamento do Alvia en Santiago pide ao xefe de filas do PP que as reciba. Agora, indican, aínda está a tempo

Nunha carta dirixida ao propio Rajoy e feita pública este mércores a plataforma invita o xefe do Executivo central a reflexionar sobre a súa demora en atender as vítimas do Yak. "Os momentos nos que se fan as cousas teñen a súa importancia" e tanto as investigacións como "a transparencia", a "xustiza" e o "castigo aos responsables" deben producirse "no seu momento", como igualmente "debe pedirse perdón no seu momento". "Cando as cousas chegan tarde, as condutas non teñen o mesmo significado".

"Con nós aínda está a tempo" aínda que "non comezase moi ben" nos días e meses posteriores ao accidente no que morreron 80 persoas na parroquia compostelá de Angrois. Primeiro, lembran, coa confusión no primemiro comunicado de condolencia por parte do servizo de comunicación de Moncloa -reproducira o pésame polas persoas falecidas nun terremoto na China-. Despois, no debate de política xeral do ano seguinte, no que non dedicou ao accidente de Angrois "nin un só segundo". "Tívollo que lembrar a deputada do BNG, a señora [Olaia] Fernández Davila", resaltan.

As vítimas instan a Rajoy a concederlles unha xuntanza e comprometerse as investigacións política e técnica sobre o accidente

Pero nestes anos, evidencian, "pasaron cousas moi graves" en torno ao accidente, "como que a Axencia Ferroviaria Europea ditaminou que o informe realizado polo organismo público español encargado da investigación de accidentes ferroviarios", a CIAF, "non cumpría as directivas europeas" porque "non era independente" e "non investigaba as causas profundas" do sucedido. "A ex-ministra Ana Pastor", acusan, "enganounos, xa que nos dixo que si era independente". Igualmente, lembran, produciuse a mudanza de postura do actual ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, a respecto da apertura dunha comisión política e doutra técnica sobre o accidente, ás que deu "apoio expreso" sendo alcalde de Santander.

A constatación na Eurocámara, a pasada semana, da necesidade dunha investigación independente que aínda non se realizou e as revelacións achegadas ao xulgado polo perito independente son, para a Plataforma, outros dous motivos de peso para que esta recepción se produza. E para que nesa xuntanza Rajoy "se comprometa a crear a investigación técnica independente que reclama Europa e impulse a creación dunha comisión de investigación parlamentaria na que se depuren responsabilidades políticas dun accidente no que están implicados o Ministerio de Fomento, Renfe e Adif".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.