Sada fartouse. O enésimo atranco da familia Franco ás visitas ao pazo de Meirás, incumprindo a normativa que obriga á súa apertura polo menos catro días ao mes, acaba de vez coa paciencia do Concello. O último incidente xorde ao comprobar as persoas interesadas en visitar este Ben de Interese Cultural (BIC) a inutilidade das chamadas ao teléfono que se ofrece na web de Turismo da Xunta. "El número que usted ha marcado no corresponde a ningún cliente", repítese desde hai semanas cando alguén intenta concertar unha cita. O caso únese aos continuos atrancos que os herdeiros do ditador poñen ás visitas no mes de agosto, cando ocupan o recinto por vacacións, ou durante todo o ano.
A familia Franco pon o enésimo atranco ás visitas ao Pazo de Meirás: agora o teléfono para concertar citas xa nin existe
"Incúmprese a normativa derivada da categoría BIC do inmoble desde o primeiro día. Nunca houbo normalidade nas visitas ao pazo de Meirás", aclara Liss Suárez Becerra, concelleiro de Turismo en Sada, que pediu explicacións por este novo problema á Xunta, que espera unha resposta da familia Franco e que promete tomar medidas. O goberno local aclara que leva ducias de queixas pola inactividade do teléfono, que se unen ás moreas delas recibidas desde hai anos polas dificultades para concertar unha visita: ou non hai resposta ou advírtese de que as prazas están esgotadas. "É mentira". Fontes do Concello aclaran que eles mesmos comprobaron como, en moitas ocasións nas que se dicía ter o cupo cheo, no pazo non había ninguén ese día.
A familia do ditador ten a obriga de abrir o pazo ao público un mínimo de catro veces ao mes, pero case nunca cumpre coa normativa
"Sentímonos atracados por esta entente que nos impide un réxime de visitas normalizado", engade Liss Suárez, que solicitou á Xunta en varias ocasións que o Concello asumise a xestión deste proceso. A resposta sempre foi negativa. Ademais, as múltiples queixas levaron a que o Goberno galego abrise un expediente á familia Franco hai xa un ano. Foi arquivado e a empresa encargada de xestionar a entrada ao pazo escusouse en problemas co correo electrónico. Esta outra vía para informarse polo acceso ao inmoble tampouco é eficaz. Ou non hai contestación ou tarda de máis.
"É un prexuízo económico e turístico brutal", di o concelleiro de Turismo, que pide "unha solución a este espolio que dura 80 anos"
"É un prexuízo económico e turístico brutal nun pazo que é BIC e que supón uns gastos públicos cos que cargan todos os galegos e todos os cidadáns de Sada", insiste o concelleiro de Turismo, que advirte dos "cartos que se están a perder" por mor do desleixo dos proxenitores do ditador. Liss Suárez nótase amolado e pide inmediatas "solucións a este espolio que dura 80 anos". "Xa está ben, que senten Estado, Comunidade Autónoma, Concello e familia Franco e que se arranxe isto dunha vez", insiste quen lembra que "o Pazo era dos sadenses e ten que volver ser dos sadenses".
E desde a Concellería de Promoción Económica van máis aló, fartos como están dos continuos atrancos. Proporán que toda aquela persoa que queira visitar o Pazo de Meirás e non logre contactar coa empresa privada -vinculada moi directamente á familia Franco- que o xestiona acuda directamente ao Concello ou á Oficina de Turismo a apuntarse. Desde alí elaborarán unha listaxe. "Faremos grupos e enviaremos a documentación á Xunta", asegura Suárez.
O problema vén de lonxe. Malia ser declarado BIC e tras determinarse a súa apertura ao público hai xa máis de catro anos, a familia Franco sempre puxo atrancos a cumprir coa Lei de Patrimonio Cultural que a obriga a abrir o inmoble cando menos catro días ao mes. Foi hai máis de tres anos cando os herdeiros do ditador facilitaron un calendario de visitas e logo de que reclamasen á Xunta que sufragase os gastos de seguridade, como así fixo durante ben tempo, e de organización.
Malia ser declarado BIC e determinarse a súa apertura hai máis de catro anos, a familia Franco sempre puxo atrancos para cumprir a lei
Desde que o pazo se declarou BIC, os convenios non só se limitaron a "regular as condicións para o desenvolvemento das visitas", tal e como afirmaba a Xunta. Ademais disto, tres acordos entre o Goberno galego e a familia do ditador tiveron un impacto de máis de 50.000 euros nas arcas públicas.
Con todo, cada verán, os atrancos increméntanse e a visita estival da familia do ditador provoca que se peche durante agosto, incumprindo a obriga legal de abrilo aos visitantes. Hai dous anos, a revista Hola! publicara unha portada onde a neta do xeneral fascista, Carmen Martínez-Bordíu, posaba na entrada da que fora residencia de Emilia Pardo-Bazán -posteriormente roubada ao pobo polo réxime franquista- para "anunciar a súa ruptura" nunha "exclusiva" na que o medio destacaba a súa entrada "por primeira vez" na "histórica casa familiar".