Ferroatlántica manobra ante a Xunta para vender as centrais: "Conversas claro que hai"

Persoal de Ferroatlántica no Parlamento, nun encontro con Pontón tras atopárense con Feijóo © CIG

A ambigüidade coa que Feijóo respondeu este mércores no pleno do Parlamento ás preguntas sobre Ferroatlántica deita máis dúbidas sobre o futuro das fábricas da Costa da Morte. A venda das centrais hidroeléctricas -desexada, pactada e anunciada polo presidente da empresa- é a única alternativa que manexa a compañía, pero é tamén a opción que rexeitan totalmente os traballadores, convencidos de que a desagregación do negocio de ferroaliaxe destas centrais provocará o peche das factorías onde traballan directamente case 300 persoas. Tras o debate na Cámara, representantes do cadro de persoal que asistían á sesión toparon co xefe do Executivo galego á saída. Abordárono e, malia que recoñecen que quedaron "algo máis tranquilos", saben que os plans do grupo Villar Mir son claros e contundentes, xusto o que o Goberno nin o presidente son polo momento.  

Os traballadores de Ferroatlántica abordaron a Feijóo á saída do Parlamento, preocupados pola súa "ambigüidade"

"Saímos do Parlamento moi preocupados ante a ambigüidade amosada por Feijóo; logo atopámolo, mostrouse máis aberto e tranquilizounos un pouco máis", recoñece Alfonso Mouzo, voceiro do comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas. Antes, no pleno, o presidente da Xunta dixo non saber nada oficial sobre a segregación da actividade da empresa pero ao tempo recoñeceu as intencións, que son un segredo a voces, e non só non pechou a porta a un cambio no status actual da concesión senón que se abriu a "analizar" o proxecto no caso de que se presente, aínda que salvagardando "a lei, o emprego e o interese público". 

A Xunta nega proposta de Ferroatlántica para vender as centrais pero só lle falta facelo de maneira oficial

Desde Ferroatlántica apóstase por vender todos os seus activos hidroeléctricos na Península Ibérica, incluíndo os encoros dos ríos Grande e Xallas, que considera "non estratéxicos". E advirte do "perigo" que corren as fábricas de Cee e Dumbría se a Xunta non permite ao grupo vender as centrais, ademais de asegurar que non se poderían acometer os investimentos previstos nas devanditas fábricas de non conseguir eses 100 millóns de euros que achegarían as vendas. Feijóo insiste en que a empresa nada lle transmitiu á Xunta. De xeito oficial. "Conversas claro que hai pero non se presentou papel ningún", aclaran desde o comité, que entende que é iso polo que "o presidente é reticente a falar". Con todo, tampouco conseguen unha declaración "contundente" do Goberno galego garantindo que non haberá venda.  

Sexa como for, a decisión non tardará moito. "Non se dilatará demasiado e é cuestión de semanas; a finais de abril debería haber unha solución, dunha ou doutra maneira", di Mouzo, que aclara que os traballadores non van aceptar ningunha proposta que implique a venda das centrais. "Estaremos a favor dun plan industrial pero que non supoña vendelas porque esa é a única garantía que temos de traballo, o resto é papel mollado", explica quen aclara que as concesións foron ligadas á actividade das fábricas "por 75 anos". "Non temos mellor garantía que esa", insiste. 

"A única garantía de traballo é que non se vendan as centrais; o resto é papel mollado", insiste o comité de empresa

Mentres, continúan coas mobilizacións -este venres haberá outra concentración- ademais de con xuntanzas con Ferroatlántica para determinar os servizos mínimos da folga que se desenvolverá o vindeiro 10 de marzo. No seu encontro informal, Feijóo comprometeuse a axilizar a reunión que o comité solicitou xa tres veces co conselleiro de Industria para facer "fronte común contra as pretensións da empresa". 

Feijóo falta con traballadores de Ferroatlántica ás portas do Parlamento © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.