Técnicos do Ministerio de Fomento de España e do Ministerio do Planeamento e das Infraestruturas de Portugal manterán reunións de traballo cunha periodicidade inferior aos tres meses para supervisar as obras de mellora da liña ferroviaria Vigo-Porto en ambos os lados da fronteira. Así o acordaron este luns os titulares dos dous ministerios, Íñigo de la Serna e Pedro Marques, nunha reunión mantida en Madrid.
O ministro luso salienta a importancia da “moito esperada” electrificación, que sitúa en 2019
Unha vez adiado indefinidamente o proxecto dunha liña de AVE entre Vigo e Porto, os gobernos dos dous estados decidiron realizar melloras na liña convencional, fundamentalmente a través da súa electrificación, para tentar que os tempos de viaxe dos trens de pasaxeiros se aproximen aos da estrada e incrementar os tráficos de mercadorías. Un proxecto que na beira portuguesa do Miño non acabou de arrancar ata a chegada ao goberno do socialista António Costa, mentres que na beira galega aínda non principiou pola moita menor distancia na que hai que actuar, pouco máis de cinco quilómetros entre Guillarei e a ponte internacional. Porén, á marxe da electrificación da liña xa existente, o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal aposta por continuar co proxecto de construír unha saída sur subterránea da cidade de Vigo que axilice as comunicacións con Portugal, evite o paso de trens polo centro do Porriño e permita unha conexión directa Lisboa-A Coruña.
Á marxe das reunións técnicas, o impulso político deberá agardar á Cimeira Ibérica prevista para maio, dous anos despois da anterior
Este luns o ministro luso de Infraestruturas ratificou a aposta inmediata de Portugal pola mellora da liña convencional. Marques, segundo recollen varios medios portugueses, salientou a importancia da electrificación xa en marcha cualificándoa como “hai moito esperada”. Para coordinar os traballos en Portugal e en España, nesa e noutras conexións ferroviarias, é para o que os ministros acordaron a celebración de reunións técnicas con periodicidade “inferior aos tres meses”.
Xunto con esas reunións de carácter técnico, e á vista da nula publicidade que o Ministerio de Fomento lle deu á reunión deste luns, o impulso político bilateral deberá agardar á próxima Cimeira Ibérica entre o presidente Mariano Rajoy e o primeiro ministro António Costa, prevista para o mes de maio. Será dous anos despois da anterior, celebrada en Baiona en 2015 aínda co anterior goberno conservador portugués, na que a única medida concreta acordada en materia de infraestruturas foi o adiamento da electrificación entre Vigo e Porto ata o 2019 previsto actualmente.