Novas medidas para intentar devolver o Pazo de Meirás á cidadanía. Os últimos -e xa van varios- atrancos impostos pola familia Franco á apertura pública do inmoble para garantir polo menos as visitas ás que obriga a lei acabaron coa paciencia tanto do Concello de Sada como dos grupos da oposición. Todos eles levan a cabo diferentes medidas para "rematar co espolio" que vén de hai 80 anos.
En Marea propón no Parlamento unha proposta para modificar a lei de Memoria Histórica e lograr que o Estado se faga co Pazo de Meirás
Desde En Marea, a pasada semana presentouse unha iniciativa no Parlamento para elevar logo ao Congreso dos Deputados na que se esixe a modificación da lei de Memoria Histórica para que permita ao Estado facerse en propiedade co Pazo de Meirás sen ter que pagarlle un peso á familia do ditador en concepto de expropiación. É, como destaca o vicevoceiro parlamentario da formación, Antón Sánchez, a primeira iniciativa como proxecto de lei rexistrada para modificar esa lei e lograr así "a recuperación gratuíta en base á ilextimidade da súa procedencia".
No texto -redactado como disposición adicional a incluír na lei de Memoria Histórica- preténdese que as administracións públicas procedan "no prazo máximo de seis meses" á incoación das actuacións necesarias para a devolución ao sector público do Pazo "coa debida compensación ás persoas e familias vítimas do espolio". Ademais, acorda a creación dunha comisión con representantes de Estado, Xunta, Deputación e Concello para tramitar a normativa e proceder á devolución do inmoble, tal e como tamén reclamou a administración local a través do seu concelleiro de Turismo e Cultura, Liss Becerra (BNG).
Segunda esta disposición adicional, unha vez retirada a titularidade aos Franco, a propiedade do Pazo "será transmitida a un ente público consorcial das administracións públicas para a súa posta en valor como sistema dotacional público e de espazos libres, con especial destino á recuperación da Memoria Histórica".
A mudanza da lei permitiría ao Concello ter base legal para converter o Pazo en espazos de uso publico
Esta mudanza na lei permitiría ao Concello de Sada ter unha base legal para poder converter o Pazo e os seus terreos en espazos para o uso cidadán. De non conseguilo, a única posibilidade é pagarlle á familia Franco o que corresponda pola expropiación. Para logralo, a clave está no PP, que tería que votar a favor da iniciativa que, agás sorpresas, apoiarán BNG e PSdeG ademais da propia En Marea. A proposta chegaría así ao Congreso, onde a correlación de forzas aumentaría as opcións para levar adiante o cambio legal. Nun prazo máximo dun mes debería ir a pleno na Cámara galega.
"O noso ánimo, obviamente, é que prospere e iso agardemos, pero agora depende do PP", advirte Antón Sánchez, que recoñece que, de terse superado o trámite no Parlamento galego, a repartición de escanos no Congreso "deixa aínda máis favorable a cousa" para o que suporía un arranxo definitivo a un problema de moito tempo.
A pelota está no tellado do PP: se vota a favor da iniciativa no Parlamento, as posibilidades de que saia adiante no Congreso son maiores
O último incidente cos Franco xurdiu ao comprobar as persoas interesadas en visitar este Ben de Interese Cultural (BIC) a inutilidade das chamadas ao teléfono que se ofrece na web de Turismo da Xunta. "El número que usted ha marcado no corresponde a ningún cliente", repetíase desde hai semanas cando alguén intentaba concertar unha cita. A tal hora, o teléfono nin aparece e tampouco o correo electrónico para reservar praza nas visitas. Hai tan só dúas semanas, unha consulta á dirección que aparecía tardou día e medio en ser contestada, achegando unicamente a posibilidade de accedero ao inmoble "los viernes de cada mes a las 11:00, 12:30, 15:00 y 16:30".
Pero outro conto é poder reservar. O goberno local aclara que leva ducias de queixas pola inactividade do teléfono, que se unen ás moreas delas recibidas desde hai anos polas dificultades para concertar unha visita: ou non hai resposta ou advírtese de que as prazas están esgotadas. "É mentira". Fontes do Concello aclaran que eles mesmos comprobaron como, en moitas ocasións nas que se dicía ter o cupo cheo, no pazo non había ninguén ese día.
A Xunta ameazou a familia Franco con sancións se non regularizaba as reservas de visitas a Meirás
A Consellería de Cultura advertiu hai uns días por escrito á familia do ditador de que podería multalos -con ata 6.000 euros segundo a lei- por incumprir coa súa obriga legal e deulles unha semana para restablecer o número de teléfono e un correo electrónico. Así llo solicitara o BNG, que esixía respostas inmeidatas da Xunta por unha situación "humillante" ao ver como "a familia do ditador segue facendo o que lle dá a gana” ante o “silencio” do Executivo autonómico, ao que acusa dun compartamento "cómplice" ante un feito "intolerable".
Hai máis dun ano, as múltiples queixas levaron a que o Goberno galego abrise un expediente aos Franco. Fora arquivado e a empresa encargada de xestionar a entrada escusárase en problemas co e-mail. Desde a Concellería de Promoción Económica de Sada, fartos como están dos continuos atrancos, xa propoñen que toda aquela persoa que queira visitar o Pazo de Meirás e non logre contactar coa empresa privada acuda directamente ao Concello ou á Oficina de Turismo a apuntarse. Desde alí elaborarán unha listaxe e enviaran á Xunta.
"Historia tinguida de sangue"
O alcalde, Benito Portela, de Sadamaioría, insiste en lembrar o valor simbólico do Pazo, cunha "historia tinguida de sangue". E recorda "as vítimas da ditadura franquista, do asasinato, do exilio, e do espolio que condenou moitas familias a fame e a emigración ao ver como lles eran roubadas as súas terras“.
Iniciada a súa construción a finais do século XIX pola condesa Emilia Pardo Bazán, xa antes do final da guerra civil Franco buscou a forma de facerse co Pazo. E quixo facer ver aquela apropiación como un agasallo da veciñanza en agradecemento polo seu labor tras o golpe de Estado fascista. Houbo ameazas, expropiacións forzadas e unha recolleita popular que non foi tal: baixo coacción convenceuse a uns e milleiros de funcionarios e traballadores públicos viron como se lles quitaban cartos da súa nómina para pagar as obras no inmoble. Logo, durante moitos anos máis, o franquismo continuou gastando cartos a esgalla para adecentar a zona ou para expropiar á cidadanía outros caprichos de Franco que acabaron por enriquecer a súa familia.
A familia Franco sempre puxo atrancos a cumprir coa Lei de Patrimonio Cultural
Co goberno bipartito, o Pazo declarouse BIC e determinouse hai xa máis de catro anos que os Franco estarían obrigados a apertura pública do inmoble un mínimo de catro veces ao mes. Pero a familia Franco sempre puxo atrancos a cumprir coa Lei de Patrimonio Cultural. Hai máis de tres anos, os herdeiros do ditador facilitaron un calendario de visitas e logo de que reclamasen á Xunta que sufragase os gastos de seguridade, como así fixo durante ben tempo, e de organización.
Pero os convenios non só se limitaron a "regular as condicións para o desenvolvemento das visitas", tal e como afirmaba a Xunta. Ademais disto, tres acordos entre o Goberno de Feijóo e a familia do ditador tiveron un impacto de máis de 50.000 euros nas arcas públicas.
Cada verán, os atrancos increméntanse e a visita estival da familia do ditador provoca que se peche durante agosto, incumprindo a obriga legal de abrilo aos visitantes. Hai dous anos, a revista Hola! publicara unha portada onde a neta do xeneral fascista, Carmen Martínez-Bordíu, posaba na entrada da que fora residencia de Emilia Pardo-Bazán para "anunciar a súa ruptura" nunha "exclusiva" na que o medio destacaba a súa entrada "por primeira vez" na "histórica casa familiar".