Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria, non analizou como debía o risco que existía na curva de Angrois, á entrada de Santiago, de que un maquinista tivese un erro humano e chegase a ela cun exceso de velocidade como o que ocorreu o 24 de xullo de 2013, que rematou con 80 mortos e 144 feridos. Esa análise integral do risco, di agora o xuíz instrutor da causa, era responsabilidade última do daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés María Cortabitarte López, ao que vén de chamar a declarar como investigado -antigo imputado- por homicidio, ao mesmo nivel en que se atopa desde un primeiro momento o maquinista. Esta argumentación do xuíz deixa en evidencia a investigación técnica do sinistro que no seu momento realizou o Ministerio de Fomento. Nela, os seus técnicos acabaran recomendando, entre outras medidas, mellorar o procedemento de avaliación de riscos, pero sen considerar que iso fose unha das causas do sinistro, que limitaba ao despiste do maquinista.
A investigación técnica do accidente de Angrois foi realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), dependente do Ministerio de Fomento, que en maio de 2014, dez meses despois do sinistro, emitiu o seu informe final. Nel concluíu, como se apresuraran a dicir desde o mesmo momento do sinistro responsables políticos do PP co apoio do PSOE, que “a causa do accidente foi un exceso de velocidade [...] por non respectar o persoal de condución” a velocidade que se lle indicaba no Libro Horario logo de despistarse ao recibir unha chamada do interventor do tren.
A investigación de Fomento considerou aceptables segundo a normativa a non instalación do freado automático nas vías e a súa desconexión no tren, polo que só culpou ao maquinista
O sistema de control constante da velocidade do tren, o ERTMS propio do AVE, que podía paliar ese despiste, non se instalara nas vías (nunha decisión tomada durante a construción da liña, cando á fronte do ministerio estaba o socialista José Blanco) e desconectárase a bordo dos Alvia porque daba fallos e provocaba demoras nos trens (medida adoptada xa coa popular Ana Pastor en Fomento un ano antes do sinistro e que non se solucionaría ata un ano despois do mesmo). Nas dúas decisións, Andrés Cortabitarte ocupaba o mesmo posto de director de Seguridade.
Malia que incrementaron o risco de accidente, a CIAF considerou aceptables segundo a normativa ambas as dúas decisións, polo que só contemplou o erro humano como única causa do sinistro. Pero malia culpar só ao maquinista, os investigadores emitiron no mesmo informe nove recomendacións para mellorar a seguridade da rede ferroviaria, entre elas a seguinte: “Incluír unha análise de riscos específica que recolla a identificación e xestión dos posibles perigos que deriven da interacción dos diferentes subsistemas en condicións de operación normais e degradadas, e a súa vinculación co persoal de condución”. O sistema de análise dos riscos de Adif era insuficiente, viña a dicir a CIAF, pero fixérase segundo marcaba a normativa preexistente e, á espera de cambiala, o único que incumprira unha norma expresa era o maquinista por non prestar atención.
Autorización para desconectar o ERTMS nos Alvia asinada por Cortabitarte
Un dos peritos, designado pola Xunta, chegou a plaxiar partes do informe da CIAF e descartou calquera responsabilidade alén do maquinista
Aquel informe da CIAF serviu de base para que un dos peritos xudiciais, designado pola Xunta e sen experiencia previa en materia ferroviaria, descartase calquera responsabilidade do sinistro máis alá do despiste do maquinista co argumento de que, aínda que Adif non fixese a análise de riscos de xeito íntegro, ningunha norma previa o obrigaba. Aquel perito chegara mesmo a plaxiar partes do informe da CIAF. Agora, dándolle maior validez á peritaxe doutro experto, o máis independente da causa, elixido por sorteo de entre os mellores técnicos propostos polo colexio de enxeñeiros, quen desde o principio alertou sobre a obrigatoriedade normativa desa análise integral de riscos, o xuíz argumenta que si era necesaria, e responsabiliza de non facela a Cortabitarte. Unha decisión á que o maxistrado Andrés Lago Louro, que substituíu un ano despois do accidente ao primeiro instrutor, Luis Aláez, chega dous anos despois de que o perito independente veña advertindo desa incorrecta asunción de riscos por parte de Adif.
No cambio de postura do xuíz instrutor, as vítimas vén clave o duro informe que o pasado xullo emitiu a Axencia Ferroviaria Europea contra a análise do accidente realizada pola CIAF. A axencia europea salientaba que se limitara a culpar o maquinista sen analizar as causas subxacentes por tras do seu despiste, e certificaba, como xa fixera a Audiencia Provincial da Coruña, que a CIAF non era independente cando realizou a súa investigación xa que os seus membros eran nomeados polo Ministerio de Fomento.
Os investigadores de Fomento aseguraron a Praza.gal non ver motivos para reabrir a investigación días antes de que o xuíz considerase que a análise de riscos non foi correcta dende o punto de vista penal
Porén, logo daquela investigación o ministerio reformou a CIAF para que os seus membros fosen nomeados polo Congreso, o que para a Comisión Europea agora xa garante a súa independencia. Por iso, ante as reiteradas peticións das vítimas de que se volva realizar unha nova análise técnica do sinistro, Fomento e a Comisión Europea contestan co paradoxo de que, como a CIAF agora xa si é independente, non se lle pode ordenar que reabra a investigación. Ten que decidilo por si soa. Pero a CIAF respondía hai uns días a Praza.gal que non vía ningún dato novo que lle obrigase a reabrir a investigación que pechara en maio de 2014 co maquinista como único responsable. Así respondía xusto antes de que o xuíz instrutor veña de considerar que a análise de riscos de Adif, adecuada á normativa segundo a CIAF, non foi correcta desde o punto de vista penal e o seu responsable debe dar explicacións.
Como director de Seguridade, Cortabitarte está tamén imputado por outro accidente ocorrido en Arévalo (Ávila) en 2010, no que un maquinista morreu cando o seu tren chocou por detrás contra outro logo de que fallase un semáforo no que Adif estaba a realizar probas. Cortabitarte deixou o departamento de Seguridade de Adif un mes antes do accidente de Santiago, pero foi recolocado noutros cargos de libre designación da empresa pública, que o defendeu.