Primeiro pau xurídico á estratexia do gabinete de Mariano Rajoy para evitar que o Congreso dos Deputados saque adiante leis contrarias ao criterio do PP malia gobernar en minoría. Dende a perda da maioría absoluta en decembro de 2015 o Executivo de Rajoy vén apoiándose no artigo 134.6 da Constitución, o que lle permite vetar as leis que impliquen incrementos de gastos ou diminucións de ingresos nos orzamentos, para bloquear as proposicións de lei promovidas pola oposición ou por parlamentos autonómicos e coas que non concorda. Unha das primeiras leis vetadas foi a da transferencia da AP-9 a Galicia e xunto a ela, unha vintena máis. Estes vetos deron lugar a un conflito institucional no que vén de entrar en xogo a Asesoría Xurídica das Cortes cuns duros informes no que desmontan a estratexia dos de Rajoy, advertíndoos de que o seu poder fronte ao lexislativo non é ilimitado.
Aínda que a maioría das leis vetadas, entre elas a da AP-9, continúan no limbo do bloqueo, dúas delas -a suspensión do calendario da LOMCE e cambios no Estatuto dos Traballadores, formuladas polo PSOE- seguen adiante porque os grupos da oposición fixeron valer a súa maioría na Mesa do Congreso para que continuasen tramitándose. O Goberno de España levou este desbloqueo ante o Tribunal Constitucional e, neste contencioso, os letrados sustentan a decisión do Parlamento cos devanditos informes, asinados pola letrada xefa da Asesoría Xurídica, Paloma Martínez Santa María, e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal.
Os informes da letrada xefa aos que tivo acceso Praza.gal advirten de que o Goberno de España non ten "un dereito de veto ilimitado que poida cercenar a iniciativa lexislativa do Congreso"
En cadansúas corenta páxinas a máxima responsable do corpo letrado das Cortes explica que o uso deste tipo de vetos debe ser "excepcional", porque do contrario teñen un "impacto radical" na función parlamentaria, xa que "impide que as Cámaras exerzan a potestade lexislativa". O precepto constitucional, advirte, "non concede" ao Goberno español "un dereito de veto ilimitado que poida cercenar a iniciativa lexislativa do Congreso", e a interpretación "absoluta" do devandito artigo é "incompatible co sistema de atribución de competencias" aos poderes executivo e lexisaltivo. "Se se aplica e admite esa aplicación, a potestade lexislativa queda nas mans do Goberno, o que supón a maior contradición cos poderes do Congreso e do Senado".
Alén do cuestionamento xeral da estratexia, os informes xurídicos que agora abordará a Mesa desdeñan tamén os argumentos concretos do Goberno para apoiar os seus vetos. Nin sequera, advirten, "identifica" a que partidas concretas dos Orzamentos Xerais do Estado afectan as modificacións, das que fai unha "mera avaliación do impacto económico". No caso da AP-9, ademais, estas estimacións están baseadas en cálculos erróneos, tal e como informou Praza.gal.
Atender o contexto actual
O gabinete de Rajoy debe "interpretar a Constitución no seu contexto actual, que non é o da Transición", advirte o informe
Na súa ampla explicación a letrada xefa advirte de que o gabinete de Rajoy debe "interpretar a Constitución no seu contexto actual, que xa non é o da Transición", cando se introduciron no texto constitucional límites coma este na procura da "estabilidade" para os "primeiros gobernos" tras a ditadura. "Debe adaptarse á realidade" e "o que agora se esixe ao Parlamento, integrado polos representantes directos dos cidadáns" é que poida "modificar a actuación do Goberno" cando as maiorías así o ditan. "Pero isto é imposible se ten limitada a posibilidade de realizar as súas propias propostas lexislativas no caso de que estas teñan repercusión orzamentaria".
A Asesoría Xurídica das Cortes resalta que unha interpretación absoluta deste dereito de bloqueo ten "paradoxalmente" o seu "precedente máis inmediato" nas leis franquistas
Se o Congreso non cuestionase esta senda estaría, para a Asesoría Xurídica, a "garantir" que o o orzamento sexa "intocable polas mesmas Cámaras que o aproban" nun momento no que "o sistema constitucional demanda unha profundización ou reforzamento do principio de colaboración lexislativa" entre Goberno e Parlamento, e no que a cidadanía demanda que o lexislativo "poida modificar a actuación" do Executivo. "Ademais -agrega- o Goberno, a través das emendas do grupo ou grupos que o apoien, ten posibilidades de particicipación ao longo do procedemento lexislativo", isto é, de tentar mudar as leis que se tramitan, no canto de vetalas para evitar mesmo que poidan ser discutidas, como sucedeu co traspaso da autoestrada galega.
Neste sentido, o informe da letrada ao que tivo acceso este diario agrega á súa argumentación un detallado percorrido pola historia do parlamentarismo tanto español como internacional e lembra que a "facultade" de frear leis parlamentarias dende o goberno por motivos económicos "xurdiu nun clima constitucional que nada ten que ver co presente". No caso de España, advirte, o "precedente máis inmediato" deste apartado nunha interpretación absoluta é "paradoxalmente, no réxime anterior á Constitución vixente", isto é, o franquismo, mentres que o texto constitucional da II República permitía aprobar leis que alterasen os orzamentos se tiñan o apoio dunha "décima parte da Cámara".