Ana Pontón: "Temos o reto de recuperar o debate político e ideolóxico, porque aí a dereita e o españolismo van gañando"

Ana Pontón, nunha comparecencia no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O BNG afronta os vindeiros 25 e 26 de marzo a súa décimo sexta Asemblea Nacional, a que segundo o aprobado na anterior está chamada a culminar a "reformulación" do proxecto da formación frontista. Neste plenario da asemblea Ana Pontón (Sarria, 1977), revalidará o liderado nunha organización que, reitera, ten diante de si o reto de "fortalecer" o seu debate de "ideas" para "sermos útiles ao noso país e mellorar a vida dos galegos e galegas". Tras o período máis complexo da súa historia o Bloque é consciente de que "hai que cambiar algo para que o resultado sexa diferente", asegura, e advirte de que sen "tensión política e social" seguirá a ser "imposible un cambio electoral" no país.

Afrontan unha Asemblea Nacional na que anuncian un “tempo novo” e un BNG “renovado”. En que se vai diferenciar este Bloque do que coñecemos agora?
O movemento demóstrase andando e as cousas non cambian nun punto, senón nun proceso. Nos últimos anos, pero dun xeito máis acelerado dende a última asemblea nacional, demostramos un cambio na maneira de relacionarnos coa sociedade, de comunicar, e tamén nas persoas que encarnan o proxecto, cun salto xeracional importante que agora ten que consolidarse. Non imos cambiar que somos nacionalistas e de esquerdas, pero a Galiza do 2017 non é a dos anos 70 nin a dos 90. Ten novas necesidades sociais e o BNG ten que reforzar o seu traballo político como alternativa de futuro para este país. Eu sigo convencida, e iso tampouco muda, de que a alternativa para cambiar as cousas de verdade na vida dos galegos e galegas son os cambios estruturais profundos que representa a alternativa democrática do nacionalismo, que entende que fronte á globalización a solución é que teñamos ferramentas como galegos e galegas para abordar os problemas do día a día.

"Non imos cambiar que somos nacionalistas e de esquerdas, pero a Galiza do 2017 non é a dos anos 70 nin a dos 90, ten novas necesidades"

Os textos da asemblea pasan a definir o BNG como “movemento socio-político” . Por que apostan por esta fórmula tras anos de debates como a conveniencia ou non de continuar como fronte?
Estamos nun momento no que o BNG ten que aspirar a que no seu seo aglutinemos todo o movemento socio-político que representa o nacionalismo. E para iso, aínda que somos unha organización política, nunha fomos un partido clásico. Por iso temos que dar maior cabida a todo o activismo social que se move en clave nacionalista. Temos o reto colectivo de recuperar o debate político e ideolóxico, porque nese terreo a dereita e o españolismo vannos gañando.

Indica que o país e o mundo non son os mesmos que os dos 80 ou os 90… Se cadra, o BNG tivo durante un tempo as lentes desenfocadas, máis enfocadas cara ao país dos anos nos que o Bloque nace, medra e se consolida?
Para explicar a crise dende o punto de vista electoral, social e interno do BNG non hai un só factor, houbo unha multitude: unha crise interna, unha crise ideolóxica que xera o avance do modelo da globalización e unha crise económica que nos toca nun momento no que estabamos moi debilitados. Estabamos na treboada perfecta na que era difícil emerxer con forza. Pero conseguimos saír dese bache, estamos nunha nova etapa e hai moitas persoas a mirar para nós con expectativa. Ao final, o máis importante é que a cidadanía teña a confianza en que somos unha organización política seria e cumprimos algo clave para recuperar a confianza social: dicir o que somos e facer o que dicimos que imos facer. É clave, porque cando se xeran expectativas que non se cumpren ou se traizoan acábase xerando moita frustración social. E iso dá bazas á dereita para avanzar.

"É imposible que se produza un cambio electoral se non hai tensión política e social"

Os textos da asemblea marcan un horizonte a cinco anos, que non é moi longo pero no que se vai volver votar todo nun novo ciclo electoral. Cal é a expectativa do BNG cara a ese período de eleccións?
Os retos electorais son importantes para toda organización e para toda a sociedade e esta estratexia o que quere é fortalecer o debate ideolóxico e tamén o tecido asociativo. E, sobre todo, ten que permitir fortalecer o nacionalismo en todas estas vertentes. É imposible que se produza un cambio electoral se non hai tensión política e social. Temos que favorecer que o BNG sexa a casa de todas as persoas que teñen como referencia a Galiza, que se senten nacionalistas e cren que o vector de cambio que pode mudar a inercia na que levamos décadas no país vai ser o nacionalismo. No Estado xa se está vendo como o elemento que cuestiona o marco do ano 78 é o nacionalismo.

A respecto desa tensión pode haber quen pense que será máis difícil de lograr agora, cando se di que estamos saíndo da crise, que no máis profundo dunha crise na que, no caso galego, o PP de Feijóo revalidou o goberno…
Eu non creo que Feijóo revalidase por que os cidadáns pensen que lles foi moi ben con é. Hai moitas causas que o explican, tamén deméritos propios, que o PP ten un enraizamento moi forte no país e unha utilización partidaria das institucións que explica unha parte dos resultados. Pero tamén estou en desacordo co relato que está impoñendo a dereita, porque a xente non é parva e sabe cal é a situación que hai na rúa e os problemas que hai cos baixos salarios, co paro, coa emigración… Hai un relato construído por riba pero non se pode dicir que estea asumido. E mentres, os recortes aplicados por Feijóo como alumno avantaxado de Montoro provocaron que a crise se alargase e que hoxe en Galiza esteamos vendo, por moito que falen de saída da crise, esteamos moi por baixo de 2008 en salarios, emprego e benestar social. A crise está instalada e case é o novo modelo social que se impuxo.

"Fronte a un aparello mediático orientado case todo á dereita, ou recuperamos a rúa e o debate social de ideas ou é moi difícil cambiar as cousas"

Pero eu si que vexo un repunte das mobilizacións. Volvemos estar na rúa, e iso é fundamental se queremos un cambio político. Houbo formacións que emerxeron na política estatal e tentaron convencernos de que a golpe de Twitter e Facebook podiamos mover o mundo, pero o certo é que, aínda que as redes sociais sexan útiles, se queremos cambiar as cousas temos que estar nas rúas cun proxecto político catalizador do cambio. Non chega cunha ficción. Fronte a un aparello mediático orientado case todo cara á dereita, ou recuperamos a rúa e o debate político e social de ideas ou vai ser moi difícil cambiar as cousas.

En Galicia as formacións que emerxeron no ámbito da esquerda foron as mareas municipais e mais En Marea, que teñen un espazo lindeiro co BNG no electoral e case no socio-político. Abordarán nesta asemblea a relación con este espazo, unha vez desbotados os achegamentos que deron para tantos titulares?
Ás veces hai cousas que nos parecen novas pero que non o son tanto. No mapa político galego houbo outras formacións da esquerda estatal, como Esquerda Unida ou o PCE durante a transición. Hai un continuo cun movemento que ten o seu centro palpitador no Estado. Dende a anterior Asemblea Nacional estivemos unha liña clara nas relacións coa Marea: son proxectos políticos distintos. Nós somos unha organización conformada exclusivamente por forzas políticas de obediencia galega e esa é unha diferenza clave dende a concepción ideolóxica e o proxecto político. A partir de aí, non canso de repetir que no Bloque non nos confundimos de inimigo e cadaquén ten dereito a defender o proxecto no que se sente representado.

"A Marea de Pontevedra pasou de facer unha oposición máis feroz que a do PP a reconducir as súas relacións co goberno do BNG e eu alégrome"

Producíronse, nos últimos tempos, cambios nesas relacións cara a unha maior cordialidade? Falouse moito de Pontevedra ou de Santiago, por exemplo
O BNG despois das eleccións municipais non só non se puxo de perfil, senón que apoiou os gobernos das cidades e votou a favor da investidura de Martiño Noriega en Santiago ou de Xulio Ferreiro na Coruña. Non hai unha novidade a respecto da actitude do BNG. Si que creo que a Marea de Pontevedra cambiou radicalmente o seu discurso, porque pasou de facer unha oposición máis feroz que o PP a reconducir as súas relacións co goberno do BNG, que é o que a min me parece máis lóxico e alégrome. O diálogo é unha ferramenta importante, sempre a utilizamos e seguiremos facéndoo, porque cando depende do BNG nunca permitimos que goberne o PP.

Nesta Asemblea se algo non está en cuestión é a portavocía nacional. Vese nesa posición durante todo ese ciclo de cinco anos que agora se abre?
O BNG é unha organización política onde damos todas as facilidades para que haxa máis candidaturas, é algo que eu non desboto nin é un motivo de preocupación, porque forma parte dunha organización democrática. Evidentemente, presentamos unha candidatura que é das bases do BNG, conformada por persoas propostas dende as asembleas e que consolida unha equipa que conseguiu sortear unha situación con moitas complexidades. E que reforza toda a parte ideolóxico-política e de alternativas, porque temos que consolidala. Cales son as perspectivas de futuro? Eu vou estar sempre ao servizo do Bloque e do meu país, sabendo que tan importante é estar abaixo como ser a cara visible da organización. O importante son o corpo social e as ideas.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.