O enxeñeiro Fernando Montes, proposto por Fomento, di que os técnicos, en contra do que opinan a Audiencia da Coruña e a Axencia Ferroviaria Europea, foron independentes ao culpar só o maquinista
Co apoio dos 19 votos de PP, Ciudadanos, PNV e Foro Asturias, a abstención dos 9 do PSOE e o rexeitamento dos 8 de Unidos Podemos-En Marea e Compromís, o enxeñeiro Fernando Montes Ponce de León foi avalado este martes pola Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados como novo presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) a proposta do Goberno. Na súa comparecencia previa á votación, Montes rexeitou que a CIAF reabra, como lle piden as vítimas, a súa investigación técnica sobre o accidente de tren de Santiago, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e do que responsabilizou en exclusiva o maquinista.
Segundo o novo presidente da CIAF a proposta de Fomento, os investigadores, en contra do que opina a Audiencia Provincial da Coruña e a Axencia Ferroviaria Europea, foron independentes cando chegaron a aquela conclusión. “Durante cen segundos non se prestou atención á condución do tren, que é a función fundamental do maquinista”, salientou Montes, pese a que a xustiza analiza agora por que Adif non implantou medidas de seguridade que paliasen ese máis que probable erro humano, polo que vén de imputar un ex-director da empresa pública.
“Durante cen segundos non se prestou atención á condución do tren, que é a función do maquinista”, salienta, pese a que a xustiza analiza agora por que non se implantaron medidas que paliasen ese erro humano
Montes, proposto por Fomento para o cargo, é enxeñeiro, xubilado desde 2005 e desde aquela profesor universitario. É experto en sinalización ferroviaria e, en particular, no sistema de control constante da velocidade ERTMS, propio do AVE, que en Santiago Adif permitira desactivar e non puido así evitar ou paliar o despiste do maquinista, que non freou a tempo antes da curva de Angrois. Montes era vogal da CIAF desde xullo de 2014, un mes despois de que ese organismo rematase a súa investigación sobre Angrois, pero antes participara como experto na materia tanto na comisión técnico-científica que Fomento creou tras o accidente para propor melloras de todo tipo en toda a rede ferroviaria española como na subcomisión política de análise e mellora creada á súa vez no Congreso. Neste último foro compareceu Montes o 26 de novembro de 2013 e asegurou que consideraba “adecuados” os sistemas de seguridade implantados en Angrois, afirmación na que se ratificou este martes: “O que dixen naquel momento sigo dicíndoo agora”.
Aquelas declaracións fixéraas Montes medio ano antes de que a CIAF emitise o seu informe sobre o sinistro, no que só responsabilizaba do mesmo ao maquinista, Francisco José Garzón, imputado na causa penal, por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois logo de recibir unha chamada do interventor do tren. Un mes despois de coñecerse aquel informe, Montes era nomeado por Fomento vogal da CIAF, posto no que permanecía ata o ascenso a presidente proposto por Fomento e ratificado agora polo Congreso.
A CIAF vén rexeitando reabrir aquela investigación, como reclaman as vítimas, argumentando que non hai datos novos que a leven a facelo. Porén, o xulgado que instrúe a causa penal sinalou hai dúas semanas que Adif, a empresa pública xestora da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente, non analizara correctamente o risco do máis que probable erro humano que alí existía, polo que imputou o seu ex-director de Seguridade.
Segundo o ministerio, a votación no Parlamento do presidente da CIAF garante a súa independencia, e esta impide ao Goberno ordenarlle que reabra a análise técnica do accidente
O informe da CIAF, que no seu momento influíra sobre a causa penal, non analizara en profundidade esa cuestión, segundo criticou o pasado xullo a Axencia Ferroviaria Europea, que considera, igual que a Audiencia Provincial da Coruña, que a comisión non era independente cando investigou o accidente de Angrois porque os seus membros eran nomeados por Fomento. Desde aquela o Goberno modificou o procedemento de nomeamento do presidente da CIAF, que antes designaba directamente Fomento e que agora debe ser avalado polo Congreso nunha sesión como a de este martes, pero non así dos seus cinco vogais, que segue elixindo o ministerio sen ningunha capacidade de veto do Congreso. Ese novo procedemento, que para a Unión Europea xa garante a independencia da CIAF, algo do que discrepan as vítimas de Angrois, é o que impide, segundo a argumentación do Goberno, que Fomento lle poida pedir á comisión que reabra a investigación. Se agora é independente, a reapertura da investigación tería que ser unha decisión da propia CIAF, de aí a posible relevancia dun cambio na súa presidencia, cargo en cuxas mans queda a posibilidade de propor ou non unha nova análise técnica do sinistro.
Pero este martes Montes deixou claro que non ve motivos para reabrir a causa. O novo presidente da CIAF avalou a independencia dos seus membros por riba das críticas da UE e da xustiza e reiterou o seu convencemento de que o maquinista foi o único responsable do sinistro. A continuación, Montes insistiu en que, por riba dos sistemas de seguridade automáticos que se poidan implantar, considera importante “a xente, preparar á xente” para mellorar a seguridade do sistema ferroviario.
PP e PSOE insistiron en diferenciar a investigación técnica dos accidentes da penal e En Marea puxo en dúbida o sistema de designación da CIAF
Desde os grupos parlamentarios, tanto os que votaron a favor como o PSOE que se abstivo insistiron en diferenciar a investigación técnica dos accidentes da súa instrución penal, obviando en que medida puido influír a primeira na segunda no caso do de Angrois. Por En Marea, a deputada Alexandra Fernández, que foi quen propiciou a comparecencia e votación deste martes, evitando así unha ratificación automática da proposta de Fomento, puxo en dúbida o sistema de designación por parte do ministerio dos membros da CIAF e a propia independencia de Montes: “Despois de dicir vostede que a culpa era do maquinista era designado vostede membro da CIAF”, dixo.