Feijóo admite que as oposicións terán os prazos de sempre e non eran necesarios os Orzamentos do Estado

Feijóo, na sesión de control deste mércores CC-BY-SA PPdeG

O PSdeG acúsao de contribuír á “farsa” do Goberno e pide que se oferten máis prazas que a taxa de reposición e que se rematen procesos aínda abertos de anos anteriores

“En abril a Xunta convocará as oposicións de Educación”, anunciou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento. A data será a mesma en que se veñen convocando cada ano esas mesmas oposicións, cuxos exames se celebran en xuño e as tomas de posesión en setembro, e evidencia que non era necesario ter aprobados os Presupostos do Estado para facelo, en contra do que viña mantendo ata o de agora o PP. Feijóo ampárase en que é posible grazas a un Decreto emitido polo Goberno que permitirá repetir as cifras da convocatoria do ano pasado, 1.043 prazas, pero o PSdeG criticoulle que coa súa negativa a convocalas ata agora contribuíu á “farsa” impulsada polo Ministerio de Facenda.

“Se era necesario o decreto, por que non se fixo antes?”, preguntoulle Leiceaga

“Se era necesario o decreto, por que non se fixo antes?”, preguntoulle o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, para quen o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, “primeiro actuou de pirómano”, ao dicir que non podía haber oposicións sen Presupostos, “e logo de bombeiro”, ao habilitar agora a posibilidade de que as haxa cun decreto. “Pero non había lume, só fume”, criticou Leiceaga. O socialista tamén lle pediu a Feijóo que non se limite a convocar o número de prazas necesario para renovar as xubilacións e baixas do último ano, a coñecida como taxa de reposición do 100%, senón que convoque máis prazas para recuperar os empregos públicos perdidos nos últimos anos. Igualmente, o socialista censurou que a Xunta ten sen rematar ofertas públicas de emprego na administración xeral de anos anteriores, como denunciou hai unhas semanas o CSIF, ata o punto de que das máis de mil prazas ofertadas en 2012, só 43 remataron todo o proceso, o que para Leiceaga evidencia a precariedade da función pública en Galicia.

Feijóo asegura que a precariedade no emprego público en Galicia é das menores de España

Feijóo argumentou que o seu interese é que as oposicións se convoquen co “cen por cen de seguridade xurídica” e lembrou que as comunidades autónomas que gobernan os socialistas xa anunciaron que non as van convocar. Tamén asegurou que a precariedade no emprego público en Galicia é das menores de España.

Leiceaga, voceiro do PSdeG, dirixíndose a Feijóo © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.