O novo plan da Xunta para o rural límitase a detallar parte dun proxecto xa vixente

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha explotación láctea © Xunta

O presidente da Xunta anunciou este xoves tras o Consello a aprobación do Plan de fixación de poboación no rural. Cualificado por Feijóo como unha medida "de impacto", estará dotado de 230 millóns de euros até 2020 e de 23 medidas específicas para xerar novas oportunidades no agro e "poñer en valor 330.000 hectáreas para o seu aproveitamento agrogandeiro e forestal e crear 3.000 novos empregos". 

O 'Plan de fixación de poboación no rural' prevé "poñer en valor 330.000 hectáreas e crear 3.000 novos empregos"

Este novo plan da Xunta para o medio rural insiste nuns propósitos resumidos en "seis grandes eixos": cohesión territorial, innovación e formación, agricultura sustentable, mellora da competitividade, remuda xeracional e cooperación. Coinciden, basicamente, cos xa explicitados hai ano e medio á hora de presentar Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, tamén até final desta década, cunha achega de 1.186 millóns de euros públicos (a maioría dos fondos comunitarios Feader) e nos que a Administración galega achegaría máis de 217. Agora, neste Plan de fixación, anuncia que se destinarán 230. 

"Non incorpora nada que non houbese nin achega un ero máis que non estivese orzamentado"

"É un novo envoltorio de medidas que xa existen; non se pode considerar plan a algo que non incorpora nada que non houbese nin achega un euro máis que non estivese orzamentado", asegura Edelmiro López, profesor no Departamento de Economía Aplicada da USC e ex-director xeral de Desenvolvemento Rural. Refírese ás medidas xa anunciadas naquel PDR que presentou Feijóo en novembro de 2015 e que volveu explicar nunha "xornada de lanzamento" organizada na Cidade da Cultura hai agora un ano

Os "eixos" sobre os que asenta o Plan de fixación de poboación no rural coinciden fundamentalmente coas "liñas básicas" do PDR impulsadas pola UE ás que se aludiu na súa presentación: fomento da competitividade, incorporación de agricultores mozos, modernización das explotacións, ordenación do territorio, mellora da produtividade, maior calidade de vida e xestión sustentable. Os mesmos propósitos con diferentes palabras. 

O novo plan inclúe tan só unha parte das medidas do Programa de Desenvolvemento Rural presentado en dúas ocasións no último ano e medio

Tal e como recoñece a Consellería do Medio Rural, dado que o PDR é "o plan que rexe as políticas do departamento ata o 2020, o novo Plan de fixación forma parte del". E insiste que este proxecto supón "unha forma de organización interna da Consellería e da propia Xunta" que serve para "marcar a folla de ruta a seguir nos próximos anos" pero, nesta ocasión, "facendo ademais medibles os obxectivos". Xa que logo, Feijóo presentou por terceira vez en ano e medio un plan para o rural que supón concretar e detallar medidas que xa existían nese Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 adiantado nas dúas ocasións anteriores. Pero tan só unha parte del, xa que tan só fixo referencia a 230 dos case 1.200 millóns que son, con todo, menos que o anterior PDR pola diminución da achega das administracións autonómicas e estatal.   

"O que fan é agrupar unha serie de actuacións xa aprobadas no PDR para falar dun novo plan que non é tal", insiste Edelmiro López, que repara no feito de que se obvien, por exemplo, toda unha serie de medidas forestais xa incluídas no programa presentado en novembro de 2015. Noutras ocasións, e en circunstancias semellantes, a Xunta tamén optou por partillar programas xa aprobados en diferentes actuacións presentadas como informes nos Consellos. 

 

Mesmas partidas, idénticos obxectivos

Así, no eido da cohesión territorial, Feijóo anunciou o xoves a reordenación das parcelas, o impulso ás infraestruturas agrícolas e a actuación en arredor de 650 quilómetros de camiños para "favorecer a accesibilidade ás explotacións e aos núcleos de poboación", así como a reestruturación parcelaria. Para todo isto, destinaranse 72 millóns. Co PDR, o presidente da Xunta anunciara case 60 millóns para a "mellora dos accesos ás explotacións", investimentos en infraestruturas, modernización e, tamén, "concentración parcelaria e camiños". 

Feijóo anunciou 65 millóns para "garantir a remuda xeracional"; hai ano e medio falaba de 67 para "apoiar os mozos que queiran instalarse no rural"

Para "garantir a remuda xeraciónal", Feijóo anunciou un investimento de 65 millóns en explotacións agrícolas, o fomento de creación de empresas "para desenvolver pequenas explotacións" e o pulo á cooperación con 7 millóns máis. Cando o PDR, o xefe do Executivo facía "especial fincapé" nesta remuda xeracional e anunciaba 67 millóns "para apoiar aos mozos e mozas que queiran instalarase para desenvolver actividades agrícolas", ademais da axuda á agrupación de produtores con 5,3 millóns máis. 

En canto á mellora da competitividade, o presidente da Xunta anunciou este xoves que se destinarán máis de 40 millóns para potenciar novas tecnoloxías de tranformación e comercialización, así como "tecnoloxías forestais que aumenten a eficiencia". Hai ano e medio, a eses "investimentos en tecnoloxías forestais" anunciábanselle 53,4 millóns. 

Alén disto, o Plan de fixación de poboación no rural ten tamén como finalidade "acadar unha unha agricultura sustentable", polo que destinará 35,5 millóns a fomentar a agricultura ecolóxica e premiar prácticas máis respectuosas co medio ambiente. Hai ano e medio, a intención era a mesma: "promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático". Hai doce meses, a Xunta insistía no "fomento da xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático". 

Neses 230 millóns destinados ao Plan inclúense tanto fondos europeos como propios da Xunta

Dentro deste novo Plan, como destaca Medio Rural, "hai tanto fondos europeos  como propios", ao igual que se integran ordes de axudas anuais e novas, como é o caso dos Erasmus agrarios, estadías de ata un mes en explotacións agrarias doutros países da UE para favorecer a formación. Desde a Consellería aclárase, ademais, que os 230 millóns "son os consignados para 2017" e que "se seguirán consignando nos vindeiros anos, cos obxectivos a catro anos".

"Os populares galegos si traballan polo rural fronte a unha esquerda que o insulta", di Miguel Tellado

Para celebrar o anuncio deste Plan, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que "os populares galegos si traballan polo rural fronte a unha esquerda que o insulta". Ademais, o número dous dos populares galegos lembrou que Feijóo xa advertiu en campaña que "intentaría converter este terceiro mandato na lexislatura do rural" e advertiu da "recuperación" do agro en Galicia.

Feijóo, na rolda de prensa do Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.