A Deputación de Lugo reproba o subdelegado do Goberno por minimizar unha agresión sexual e o PP marcha

Momento no que os deputados e deputadas do PP abandonan o pleno Dominio Público Praza Pública

"Houbo unha intimidación e un achegamento, mesmo algún tocamento, pero non chegou a máis”. Estas declaracións de Ramón Carballo, subdelegado do Goberno en Lugo, recollidas pola Cadena Ser hai dúas semanas, motivaron este martes a súa reprobación por parte do pleno da Deputación. A moción, presentada polo PSdeG-PSOE, contou cos votos a favor dos socialistas e mais do BNG. Os deputados e deputadas do PP ausentáronse durante a votación. Pouco antes do debate, Carballo desculpárase publicamente polas súas palabras, nas que afirmara que os feitos non podían ser considerados unha "agresión sexual". O subdelegado do Goberno dixo este martes que non se "expresara" correctamente e "en ningún momento" quixera "desmentir que se tratara dunha agresión sexual, xa que así está considerada no Código Penal e clasificada no propio parte da denuncia recollida pola Policía Nacional". 

Juan Carlos Armesto(PP): "Ata onde queremos xogar coa dor das vítimas de violencia de xénero?"

A moción socialista acusaba a Carballo de "minimizar os feitos", de "desculpar o agresor" e "non defender a vítima” e preguntábase “que máis fai falta que un tocamento con claras connotacións sexuais para asegurar que é unha agresión?".

Na súa resposta, os populares destacaron as desculpas presentadas por Carballo e instaron o PSdeG-PSOE a retirar a proposta, cargando contra os socialistas por "utilizar politicamente a violencia de xénero" nunha "moción falsa, inxusta, frívola e demagóxica". “Non se lle cae a cara de vergonza? Ata onde queremos manchar esta institución. Ata onde queremos xogar coa dor das vítimas de violencia de xénero?", preguntouse Juan Carlos Armesto, que acusou o PSdeG-PSOE de tentar "ensuciar o nome" dunha persoa "seria, honrada, traballadora e intachable". Os populares creron ver tamén na moción un ataque político contra un posible aspirante á alcaldía da cidade de Lugo en 2019.

O BNG, que tamén votou a favor da reprobación, pediu "cortar de raíz eses comentarios machistas", algo "que nos pode pasar a calquera en calquera momento pola nosa educación machista". "Por iso, cando se produce, hai que tirar publicamente das orellas", dixo Xosé Ferreiro.

Álvaro Santos (PSOE): “Non lle dean á cidadanía a imaxe de que, ante a violencia machista, o PP o que fai é marchar e agocharse”

O voceiro socialista, Álvaro Santos, tras rexeitar retirar a moción, dixo que fora unha “sorte que presentamos a moción" porque "se non, non terían chegado estas desculpas tan necesarias”. Despois de que o PP anunciara que ía abandonar o Salón de Plenos, o socialista pediulles que “non lle dean á cidadanía a imaxe de que, ante a violencia machista, o PP o que fai é marchar e agocharse”.

 

Intervención de Juan Carlos Armesto Quiroga (PP) Dominio Público Praza Pública
Álvaro Santos, voceiro socialista na Deputación de Lugo Dominio Público Praza Pública
Momento no que os deputados e deputadas do PP abandonan o pleno Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.