A Xunta, condenada por rebaixar a dependencia dun home que pedira aumentala e que acabou morrendo

Sentenza do TSXG do pasado 22 de febreiro CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG critica que, cando se lle pediu a revisión do caso á alza, Política Social aplicase un novo baremo “en manifesto prexuízo” do dependente en lugar de limitarse a denegarlla

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar unha condena contra a Xunta por rebaixar o grao de dependencia que tiña recoñecido un cidadán cando este lle pediu que llo revisase á alza porque o seu estado de saúde se agravara. O tribunal considera que a Xunta actuou “en manifesto prexuízo do seu interese” por aplicarlle un baremo novo máis restritivo que o que existía cando lle recoñecera por primeira vez a dependencia. Di que a Administración debía limitarse a denegarlle a petición de incrementar a súa dependencia, pero non podía rebaixarlla. O afectado faleceu en 2015.

Segundo a sentenza do TSXG, a Xunta, con data de 6 de outubro de 2011, recoñecera ao afectado unha dependencia de grao II e nivel 1 con carácter permanente, pero mes e medio despois, o 23 de novembro, este pediulle que revisase o seu caso “por empeoramento e agravamento do seu estado de saúde”. A Xunta respondeulle case oito meses máis tarde, o 4 de xullo de 2012, cunha resolución na que, en contra da revisión á alza que lle pedía o afectado, lle rebaixou a dependencia ao grao I nivel 2. O afectado presentou un recurso de alzada ante a propia Xunta, que llo desestimou, polo que levou o seu caso aos tribunais.

O dependente faleceu en decembro de 2015, o que non impediu que a súa filla continuase coa causa ata que en maio do ano pasado o xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo sentenciou dándolle a razón. Aínda así, a Xunta recorreu ante TSXG, que nunha nova sentenza con data do pasado 22 de febreiro ratifica a do xulgado de primeira instancia.

Segundo a sentenza, a Xunta “excedeuse na súa decisión” xa que “se entendía que non concorrían as causas que farían factible a revisión nos termos pretendidos polo actor, debeu limitarse a emitir [unha] desestimación da solicitude"

A Xunta argumentara que lle rebaixara o grao de dependencia ao afectado porque cando este solicitou a revisión do seu caso estaba en vigor un novo baremo, amparado polo Real Decreto 174/2011, máis restritivo que o existente cando lle outorgara a dependencia por primeira vez, o Real Decreto 504/2007. Segundo o tribunal, a Xunta “excedeuse na súa decisión” xa que “se entendía que non concorrían as causas que farían factible a revisión nos termos pretendidos polo actor, debeu limitarse a emitir [unha] desestimación da solicitude”. E engade que “o que baixo ningún concepto é admisible (distinto sería se a revisión se realizase de oficio) é que a Administración revise o grao e nivel do actor en manifesto prexuízo do seu interese”.

A sentenza do TSXG argumenta que “ninguén discute que a valoración da situación do dependente debe levarse a cabo conforme aos baremos vixentes en cada momento histórico. O que se debate é se é admisible en dereito que, en vía de revisión dunha situación de dependencia recoñecida, postulada polo propio interesado, poida serlle outorgado un grao e nivel inferior a aquel cuxa revisión se postula”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.