CRÓNICA | Guerra de relixión no Parlamento de Galicia

Feijóo e outros cargos de Galicia e do Estado, na misa da Catedral compostelá © Xoán Crespo

O vindeiro pleno do Parlamento, o dos días 4 e 5 de abril, é o último antes da Semana Santa. Entre os asuntos da orde do día o PP incluíu dúas proposicións non de lei -unha figura pouco usada polo grupo que sustenta o Goberno, xa que adoita ter a finalidade de instar o propio Executivo a tomar determinadas medidas- con propósitos, a priori, tan pouco controvertidos como razoables. No entanto, o xeito en que anunciaron as iniciativas e o momento de facelo bosquexa un novo capítulo dunha das (pretendidas) controversias máis axitadas polos conservadores nos últimos anos: a presenza da relixión no espazo público e a relación e influencia da Igrexa católica no ámbito político.

O texto das iniciativas implicaría, noutro contexto, un trámite máis ben pacífico e ordinario de ambas cuestións. A primeira ten a intención declarada de promover que Xunta e Fegamp "impulsen a creación de cemiterios de carácter supramunicipal" que poidan "atender a demanda de enterramentos conforme aos requisitos das confesións minoritarias". A segunda, instar o Goberno a preparar "un programa de conmemoración" do trixésimo aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo.

No entanto, na súa presentación en rolda de prensa o vicevoceiro parlamentario e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu un tráiler do filme parlamentario que vén. A iniciativa sobre a ruta xacobea, di Tellado, preséntana pola "raíz no humanismo cristián, pero tolerante e integradora" que implica a "visión de Europa" do PP. A proposta sobre cemiterios, abondou, ten a súa orixe en que o PPdeG, "ao contrario doutros grupos que fan bandeira do anticlericalismo, respecta profundamente o feito relixioso, non só como unha manifestación cultural senón tamén como a expresión dunha liberdade fundamental, como é a liberdade de culto".

O PP defenderá no último pleno antes da Semana Santa dúas iniciativas que regresan á polémica a respecto dos vínculos entre política e relixión

Alén de que o "clericalismo" implica defender a influencia da Igrexa na política e no Estado e o "anticlericalismo", o contrario, o feito de que estas iniciativas cheguen xusto antes da Semana Santa e inmediatamente despois de que Podemos cuestionase no Congreso dos Deputados a emisión da Eucaristía dominical en TVE permite anticipar uns debates que buscarán importar e amplificar a devandita controversia. O anunciado veto anunciado polo propio Tellado á secretaria xeral de Podemos -"poderá votar, poderá intervir, pero para nós deixa de ser unha representante do pobo de Galicia", proclamou- pola súa mensaxe en Twitter durante unha manifestación feminista será, previsiblemente, outro dos ingredientes centrais dunha nova sesión plenaria marcada, ao cabo, pola aposta dos popular por tensar xa o ambiente preelectoral cara aos comicios municipais de 2019.

O PP reactiva deste xeito unha estratexia especialmente axitada durante o ano 2015, tras os cambios de signo en alcaldías de varias localidades, a comezar pola Coruña e Santiago, que derivaron na decisión de alcaldes e edís de non asistir como cargos públicos a eventos relixiosos, na liña da actitude xa adoptada anos antes en concellos como o de Pontevedra. A belixerancia dos conservadores coa relixión como arma arreboladiza acabara sendo retrucada daquela mesmo por membros da propia Igrexa como o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, en cuxa opinión carece de "importancia" que un alcalde asista ou non ás Eucaristías. As críticas, advertira o crego, "non foron da Igrexa, senón dos partidos políticos, que algo teñen que facer".

Tellado, anunciando as iniciativas CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.