0 Gardados para despois

Francisco Pillado: "Os valores republicanos están agora peor defendidos que antes"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941) foi galardoado como Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña en recoñecemento á defensa dos valores republicanos e demócratas durante toda a súa vida. Escritor, persoeiro inigualable do teatro galego e ex-director literario de Edicións Laiovento, entre outras moitas cousas, recíbenos na Facultade de Filoloxía, na Biblioteca-Arquivo de Teatro que leva o seu nome e que cedeu á Universidade da Coruña hai máis de vinte anos. Tan completa como descoñecida e esquecida, alí segue acudindo periodicamente para nutrila con recortes de prensa, programas de man e algún libro do pouco que de teatro se publica en Galicia. E alí están, expostas, algunhas das máscaras elaboradas por Castelao para a representación d'Os vellos non deben de namorarse na Arxentina, coas que posa para a fotografía coa súa dona, Noli Vega. O tamén presidente de honra da Fundación Praza Pública bota a vista atrás sen deixar de mirar cara ao futuro antes de recibir varias homenaxes nos vindeiros días. 

Que sente ao recibir este recoñecemento?

Sempre me sentín afortunado porque durante a miña traxectoria fun galardoado con algún premio por feitos concretos e determinados, pero este ten o significado especial de recoñecer toda unha vida na defensa duns valores, os da democracia e a República. 

Cre que nestes tempos están igual de ben defendidos que noutros anteriores?

Creo que non, creo que están peor defendidos que antes. Vexo, tamén, unha menor mobilización social. Antes era moi común saír á rúa a manifestarse, pero agora isto converteuse en algo case anecdótico.

Falta introducir máis o republicanismo nas reivindicacións políticas?

Debería ser algo fundamental e non o é; temos unha monarquía que foi implantada polo ditador Franco. Sempre hai que ter esperanza de que chegará a República, pero...

"Os valores da democracia e da República están agora peor defendidos que antes"

Por que cre que non hai unha defensa máis explícita da República no Estado? 

Aquí vendeuse sempre moi ben a Transición, aínda que eu sempre falei de Transacción e non dunha Transición. Parece que a democracia foi debida case á monarquía e esa foi a idea que se foi difundindo... Ao fin e ao cabo, a única forma de que España entrase na Comunidade Económica Europea daquela era ter un sistema democrático, iso foi o que permitiu que ministros de Franco cresen de súpeto na democracia. Iso é o paradoxal, que Manuel Fraga fose convertido logo nun paradigma dos demócratas. 

E iso non foi así en moitos outros lugares de Europa, claro. 

A diferenza foi que Hitler perdeu a guerra e aquí gañárona. Salazar, Franco, Hitler e Mussolini coinciden no tempo e eu sempre defendín que foron unha invención capitalista para deter o comunismo. Parece moi casual que xurdisen esas catro ditaduras fascistas xusto naquel momento. 

"Na ditadura expresabámonos con símbolos: eu deixaba barba como o Che e fumaba en pipa como Jean-Paul Sartre"

Como reivindicaba as súas ideas no franquismo? Tería moitos problemas...

Claro que os tiven, si. Na miña época, moitas persoas eramos afíns ou simpatizantes ao Partido Comunista. A nosa forma de expresarnos na ditadura era mediante símbolos, por iso eu deixaba barba como o Che Guevara e fumaba en pipa como Jean-Paul Sartre, que era o meu ídolo. E érao porque era o pai da coherencia, como cando dixo que non quería o Nobel e rexeitouno. Ademais, dicía algo que para min daquela era un dogma: "Un anticomunista é un porco". Mesmo caíamos nun radicalismo un pouco cursi, como cando desprezabamos a Camus porque si aceptara o Nobel... Son cousas que hoxe parecen un pouco extremistas e radicais, pero era algo moi concreto dunha época. Ademais, expresarse en galego era tamén unha forma de significarte. Escribiamos, faciamos teatro ou dabamos conferencias en galego porque tamén era unha forma de posicionarse.

De toda a súa traxectoria no mundo cultural, que é do que se sente máis orgulloso?

O traballo editorial sempre me gustou moito e recibín moitos recoñecentos tanto por ese labor como polo que levei a cabo no mundo do teatro, pero insisto en que este recoñecemento que me dan agora emocióname máis porque abrangue toda a vida. 

"Sempre pensei que co reintegracionismo abríamos mercado e que era absurdo reducirse a Galicia se podiamos espallarnos ao Brasil"

De Laiovento todos os autores destacaron sempre a liberdade que sentían nesa editorial...

Si, lembro por exemplo aquel conflito que agora desapareceu algo, cando había unha normativa oficial e outra reintegracionista. Eu en Laiovento sempre apostei por primar a calidade por riba da grafía, ademais de pensar que coa opción lusista abríamos mercados e que era absurdo reducirse a Galicia se podiamos espallarnos ao Brasil. Pero claro, eses libros non os mercaba a Xunta se non estaban escritos na normativa oficial. Era discriminatorio. 

Cre que Galicia desaproveitou unha oportunidade única no mundo lusófono?

Claro que se estragou... Se o Brasil fose a primeira potencia mundial do mundo, a xente non aprendería o inglés, aprendería o galego-portugués. É unha lei sociolingüista moi clara: sempre imitamos a quen temos que obedecer. A xente non aprende inglés para ler a Shakespeare, a xente aprende a lingua dos amos. 

Aquela aposta pola liberdade custoulle cartos?

Naquel momento, si, claro, sobre todo polo feito de que a Xunta, por exemplo,  non mercase as obras escritas noutra normativa. Era ruinoso. Eu podía permitirmo porque non vivía diso, pero se tivese que vivir daquilo... Perdía cartos.

"A Xunta non apoia nada a cultura galega, non hai estímulo... Cartos hai, pero para outras cousas"

En que situación ve agora a cultura galega?

Non vexo que exista unha cultura galega. Evidentemente, hai moita xente traballando por ela e facéndoo con paixón e moi animadamente, pero refírome máis ben ao que se fai desde o Goberno galego. Non se apoia nada, non hai estímulo. Cartos hai, pero invístense noutras cousas. 

"Isto non é unha crise, é un espolio perfectamente preparado para levarnos ao modelo capitalista"

Vostede sempre defendeu que esta crise actual non é tal, senón un espolio.

É que eu non creo que sexa unha crise, senón un espolio perfectamente preparado para levarnos ao modelo social capitalista. E estano conseguindo. Reinaldo Arenas, o estupendo escritor cubano, marchou da Illa polas penas que había contra os homosexuais. Emigrou aos EUA pensando que alí atoparía o mundo libre, pero chega aló coa sida e acaba na rúa e chega á conclusión de que en Cuba non tería acabado así e de que o paraíso só chega en coche fúnebre. Pois eu estou de acordo: non quero paraísos, nin dun lado nin do outro. 

Que modelo quere ou ve factible, logo?

Eu creo no marxismo, evidentemente. Paréceme que é o modelo social ao que debemos aspirar, sen clases, sen explotados nin explotadores. Demonizar o marxismo polo que pasou na URSS paréceme absurdo, coma se demonizásemos a Igrexa pola Santa Inquisición, porque a Igrexa católica fixo tamén moitas cousas ben. 

"Creo no marxismo, evidentemente; paréceme o modelo ao que aspirar: sen clases, sen explotados nin explotadores"

Cónteme como empezou a traballar e colaborar no teatro con Manuel Lourenzo.

Manuel e eu eramos un pouco raros porque xa de mozos apostabamos polo latín e polo grego, mentres a maioría apostaba pola física ou as matemáticas. A min o teatro sempre me gustou porque era unha forma de expresarse, de rachar coa censura. Interesábanos aos dous e así creamos a Escola Dramática Galega e aí dentro os Cadernos da Escola Dramática Galega nas que escollíamos as pezas teatrais máis significativas da literatura galega. Había moi pouquiñas obras e iamos tirando do fío para ir descubrindo máis.

Durante toda a súa traxectoria, sentiuse pouco apoiado institucionalmente?

É natural se vas na liña contraria. Sempre aceptei que tiña que ser así. Se apostas por unha normativa que non é a oficial ou por libros que non defenden o sistema vixente, é lóxico que non se te recoñeza; sería contraditorio. E non me importou porque o mundo editorial e do teatro non eran o meu modo de vida. Se o fosen, posiblemente tería que terme adaptado a todos eses hábitos para poder vender libros. 

"Non fun moi apoiado institucionalmente, pero ten que ser así se vas na liña contraria"

Póñolle un exemplo: a existencia desta biblioteca é moi descoñecida e non parece que o seu valor sexa moi difundido...

Non sei por que pasa, pero tampouco reclamo nada. Agora ben, eu creo que nunca se fixo unha inauguración oficial dela, así que é coma se non existise. Ademais, ao non haber inauguración non saes nos medios e se non saes nos medios, non existes. Na Universidade de Santiago hai outra biblioteca á que se cederon todos os materiais de meu pai, pero tamén está algo abandonada. Non se valoran estas cousas.

Aquí mesmo hai varias máscaras das elaboradas por Castelao para Os vellos non deben de namorarse...

Eu sempre admirei moito a Daniel Varela Buxán polo seu traballo no teatro na Arxentina. Coñecino, colaborei con el, fixemos cousas xuntos... E Castelao encargáralle a estrea d'Os vellos non deben de namorarse nos anos 40. Co paso dos anos, cedeunos estas máscaras daquela histórica peza.

Como ve as novas xeracións? Os índices de lectura cada vez son máis baixos.

Creo que as novas tecnoloxías afectan, pero non sei se no negativo. Sempre se vai evolucionando: eu na miña época estudaba caligrafía e iso parece agora do neolítico. Agora ben, eu creo que se le menos e que, ademais, lense menos os clásicos e deberían lerse máis. A literatura é como a música: podes escoitar unha canción varias veces, e cos libros pasa o mesmo. Eu releo moitos autores con frecuencia porque a experiencia vital tamén che fai ver cousas que non vías antes. 

Como ve a política en Galicia?

Hai unha cousa na que reparo moitas veces: hai grupos políticos de esquerda que apenas teñen repercusión nos medios, non vexo nin escoito nada deles no Telexornal... Ou si, pero cando teñen problemas. O peor que che poden facer é ignorarte, e creo que con moitos fano. 

Cre vostede que se están a sentar as bases para un cambio político en Galicia?

Quero ser optimista; non teño moita razón para o optimismo, pero si teño clara unha cousa: a nosa misión aquí é intentar deixar un mundo máis libre e máis digno aos fillos. Agora non vexo máis que precariedade entre os máis novos, esa competitividade que se fomenta dá noxo... Hai que ser máis solidario e creo que se están a perder moitos valores. O capitalismo sempre fomentou o individualismo, ensínanche a competir. 

"Nas noites electorais sempre escoito a ópera 'Nabucco', que di: 'Oh mia patria sì bella e perduta!"

É certo que nas noites electorais acaba escoitando sempre unha mesma ópera?

Si, Nabucco, de Verdi. Nela dise: Oh mia patria sì bella e perduta! (Oh, miña patria, tan fermosa e perdida!). É un costume, un costume que se repite, por desgraza. 

Recibe o recoñecemento da CRMH da Coruña. Que opinión lle merece a política respecto da Memoria Histórica en España?

Nun país no que para coñecer a historia recente hai que facer unha Lei de Memoria Histórica, algo vai mal. É un disparate, non ten sentido ningún. Logo escoitas a quen di que desenterrar os mortos é reabrir feridas... Pois non, iso non é reabrir feridas senón explicar a historia, o que pasou. 

"Algo vai mal nun país que para coñecer a historia recente ten que facer unha Lei de Memoria Histórica"

Por que cre que ocorre isto en pleno século XXI?

Creo que o partido que nos goberna foi fundado por un ministro de Franco, ou non? E o PSOE? Pois puido facer as cousas mellor, claro, pero sen querer ser inxusto con esta formación, para moitas cousas son o mesmo un que o outro. 

Con Fraga, seu pai e vostede teñen varias anécdotas.

Pois si. Por exemplo, cando meu pais dirixía La Voz de Galicia, publicárase no xornal un artigo que non gustara no Goberno franquista. Chamara á miña casa o delegado do Ministerio de Información e Turismo e eu collera o teléfono. Meu pai estaba durmindo porque chegaba moi tarde de traballar. "Tiene que localizarlo como sea porque tiene que venir aquí, a la Delegación de Información y Turismo", dixéranme. Meu pai foi e recibiuno o propio Manuel Fraga: "Usted le ha amargado el desayuno a su excelencia", berroulle. Ese era Fraga, si... E xa ves, logo fundou Alianza Popular. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.