14 anos despois de anular o concurso eólico do bipartito a Xunta indemniza unha empresa con 1,1 millóns que ían a concellos

Parque eólico nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego suma arredor de catro millóns de euros en indemnizacións a empresas prexudicadas pola súa decisión de 2009, engadindo xuros de demora ás contías a que foi condenada

O Goberno galego leva meses criticando ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola demora que suporá para o desenvolvemento das enerxías renovables as súas suspensións cautelares de ducias de parques eólicos por todo o país mentres analiza a legalidade das autorizacións obtidas da Xunta. Porén, hai década e media foi a propia Xunta a que paralizou o sector logo de que unha das primeiras medidas de Alberto Núñez Feijóo tras a súa chegada á presidencia, en 2009, fose anular o concurso eólico que puxera en marcha o anterior goberno de coalición de PSdeG e BNG. 

Aquela anulación do concurso eólico, que foi seguida de anos sen apenas instalación de novos parques, foi declarada ilegal polo Tribunal Supremo, o que levou a varias empresas prexudicadas a reclamar indemnizacións da Xunta. Varias sentenzas así o veñen ditando e agora a Xunta vén de decidir pagar unha desas indemnizacións, de 1,1 millóns de euros, con cartos que a Consellería de Economía e Industria prevía destinar inicialmente a concellos e outros proxectos.

Modificación orzamentaria para pagar unha indemnización pola anulación do concurso eólico con cartos previstos para concellos e outros proxectos CC-BY-SA Praza Pública

As sentenzas que se foron coñecendo que obrigaron á Xunta a indemnizar a empresas prexudicadas pola súa suspensión en 2009 do concurso eólico suman máis de 3 millóns de euros. Pero esa é só unha cifra base, á que hai que sumar custos xudiciais e os xuros de demora. E a que agora paga a Xunta permite facerse unha idea do que poden supoñer finalmente eses custos. 

Foi en febreiro de 2022, logo doutras resolucións xudiciais previas sobre o mesmo caso, cando o TSXG condenou a Xunta a pagar 929.786,01 euros a Aucosa Eólica SA polos gastos que tivera para participar no concurso eólico despois anulado. Unha sentenza que na que o tribunal estableceu, como en casos anteriores, que "se produciu un evidente dano á entidade demandante, que ha de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación" do concurso eólico.

Sentenza que condenou a Xunta a indemnizar a Aucosa Eólica SA polos prexuízos que sufriu pola anulación do concurso eólico CC-BY-SA Praza Pública

Na sentenza que obrigou á indemnización agora pagada o TSXG constatou "un evidente dano" á empresa "que ha de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación" do concurso eólico

Pero a aquela cifra había que engadir xuros e outros custos que elevaron o monto final a 1.103.006,42 euros. Esa é a contía que o pasado decembro a Consellería de Economía e Industria decidiu retirar de varias partidas que prevía destinar a transferencias a Concellos, "estratexia e consolidación de proxectos" e "estudos e traballos técnicos en vixilancia de mercados" para dedicar eses cartos a "dar cumprimento ao establecido na sentenza con procedemento ordinario 329/2018". Isto é, á sentenza que a condenou a indemnizar a Aucosa Eólica SA. Unha modificación orzamentaria da que o Goberno galego vén de dar conta ao Parlamento este 19 de abril.

A sentenza agora pagada, como outras previas similares, constatou que a Xunta gardou silencio e non respondeu ás reclamacións administrativas iniciais que lle realizaron as empresas prexudicadas pola anulación do concurso eólico. Tiveron que recorrer á Xustiza e cando esta acabou pronunciándose dándolles a razón o tempo pasado desde as súas reclamacións iniciais fora tal que os xuros de demora a pagar supuñan unha porcentaxe relevante do monto total. Unha cifra que seguiu aumentando ata o cumprimento efectivo da sentenza, en moitos casos meses despois desta. 

Ante estas demoras, aos 3 millóns que suman as sentenzas coñecidas de indemnizacións pola anulación do concurso eólico habería que engadir arredor doutro millón máis por xuros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.