Fomento gábase do "alto ritmo" en obras do AVE a Madrid con remate previsto para hai tres anos

De la Serna e Ethel Vázquez, xunto a cargos do PP na visita ás obras do AVE © PP Ourense

O Ministerio de Fomento comeza a escenificar o sexto prazo para o remate das obras do tren de alta velocidade entre Galicia e Madrid. Tras admitir xunto á Xunta, o pasado xaneiro, que o prometidísimo prazo de 2018 -lanzado por Rajoy en 2012 e mantido polo PP nos seus programas para as eleccións de 2015 e 2016- era materialmente imposible, o novo ministro, Íñigo de la Serna, anunciou un novo horizonte: a fin das obras no "terceiro trimestre de 2019" sen contar a variante de Taboadela, que a Xunta presentou como esencial durante anos, e comprometeuse a visitar cada tres meses os traballos para o que, de cumprir os prazos, suporá poder viaxar en AVE a partir de 2020 cunha solución provisional á altura de Ourense. Esa primeira viaxe produciuse este martes e nela De la Serna gabouse do "alto ritmo" de obras cuxos prazos de remate chegaron a estar previstos para hai ata tres anos.

Mentres dende a Xunta se segue a culpar das demoras ao "tempo perdido no ano da parálise por estar o Goberno [de España] en funcións", en verbas da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o ministro explicou a pé de obra que os atrancos, no caso do treito entre Zamora e Pedralba de la Pradería, preto de Sanabria, foron debidos a que "sufriu distraccións técnicas, pero agora xa está nun alto ritmo de execución". Do mesmo xeito, no segundo treito da visita, xa na provincia de Ourense, o titular de Fomento asegurou que o remate das obras nos túneles da Canda, Cañizo e Vilavella é inminente.

"Para aqueles que pensaban que os túneles estaban nunha situación de pouco avance en canto á súa execución puideron comprobar que as actuacións correspondentes" para "traer a alta velocidade a Galicia están moi avanzadas", sinalou De la Serna ante a prensa e acompañado por unha comitiva formada fundamentalmente por deputados e outros cargos do PP de Ourense, ademais da conselleira. No entanto, os trámites destes traballos remóntanse, nalgún dos tramos, a hai máis de sete anos -no caso do treito de Pedralba ao Padornelo- e o seu remate estaba previsto, nalgúns dos casos, para a contorna de 2014 e para outros, para 2015, caso do treito Portocamba-Cerdedelo, adxudicado en 2012 a empresas do grupo ACS, propiedade de Florentino Pérez.

O ministro atribúe os atrasos a "distraccións técnicas" xa solventadas mentres a Xunta teima en culpar o "ano da parálise por estar o Goberno de España en funcións"

Neste contexto, sen achegar excesivos detalles técnicos e sen a compaña do presidente da Xunta, ante quen comprometera as visitas, De la Serna asegura que a súa viaxe responde á aposta por "dar conta do grao de cumprimento dos compromisos que adquirimos" e "analizar, tramo a tramo, se existen desviacións". En calquera caso, chama a ter en conta que "o AVE Madrid-Galicia" é "prioritario" para Mariano Rajoy e reitera en manter o prazo de 2019, aínda que sen a variante da cidade de Ourense. Construíla no tempo e forma en que a Xunta esixiu mentres gobernou o PSOE no Estado, admite o ministro, implicaría "dilatar anos a chegada da alta velocidade".

Así as cousas, nun contexto sen excesivas novidades e coa ratificación do novo atraso dende o Goberno galego apláudese, a través da conselleira, o que se considera unha "mostra do compromiso e a sensibilidade de Fomento en canto a investimentos" para "recuperar o tempo perdido". A visita de De la Serna, di Ethel Vázquez, tivo como finalidade "comprobar persoalmente que estamos ante un reto económico, técnico e humano", polo que cómpre "agradecer todo ese traballo ao ministro", por estar "resolvendo todos os problemas" en "17 treitos que estaban pendentes de resolver" e mais por "plasmar nos Orzamentos" de 2017 "todo o necesario para avanzar.

Reaccións na oposición

Pontón e outros membros do BNG, na área paralizada das obras, nas proximidades de Ourense

A euforia coa que algúns cargos populares acolleron a visita do ministro contrasta coas reaccións que o evento atopou nas filas da oposición. Así, para o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, Íñigo de la Serna "veu aquí a faltarlles ao respecto aos galegos e galegas" co "incumprimento das súas promesas electorais" a respecto dun modelo de conexión ferroviaria que, di, a formación non comparte, pero no que non caben "rebaixas" na súa fase "final" de execución. 

"Veu aquí a faltar ao respecto aos galegos"

Dende o PSdeG o seu deputado Abel Losada bota man da retranca para avaliar o que considera unha "versión posverdade" do filme Bienvenido, mister Marshall. Tras anos "cunha execución nefasta" dos orzamentos previstos para o AVE galego mentres Ana Pastor estivo á fronte de Fomento, di, agora "parécennos moi ben as comisións de seguimento, pero convén que sexa posible seguir obras orzamentadas" e, sobre todo, orzamentos "que se executan".

"É unha versión posverdade de 'Benvido, mister Marshall'"

Mentres, pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apostou por amosar sobre o terreo a "parálise" das obras do AVE na área máis próxima a Ourense, pola que transcorrerá unha conexión provisional tras renunciar o ministerio a abordar a variante de Taboadela antes de 2020. "Menos visitas, menos recortazos, menos promesas e máis garantías de que as obras serán executadas tras anos de atrasos e incumprimentos", reclama Pontón, para quen o tramo visitado xunto a outros cargos do Bloque é a mellor mostra das "mentiras do PP, con obras orzamentadas pero non executadas".

Un intre da visita de De la Serna ás obras © Ministerio de Fomento
Traballos nunha das obras visitadas por De la Serna © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.