Unha carga de profundidade contra as remunicipalizacións de servizos nos concellos con data para estourar: a de entrada en vigor dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, que o Goberno de España tramita no Congreso dende o pasado 4 de abril. Xunto á distribución dos fondos públicos para as diversas áreas da Administración estatal o Ministerio de Facenda inclúe tamén no seu proxecto unha disposición adicional que, se é aprobada tal e como figura no bosquexo do articulado da lei, suporá un relevante atranco para o retorno á xestión pública de servizos que na actualidade son xestionados por empresas privadas.
Aínda que a restrición impulsada dende o departamento que dirixe Cristóbal Montoro afectará a todos os niveis da Administración -estatal, autonómica e local- son os concellos os que, a priori, máis afectados se poden ver pola medida, toda vez que son gobernos municipais os que, nos últimos tempos, están apostando en maior medida por reverter externalizacións de servizos. O atranco do Goberno central producirase nun dos puntos máis sensibles destes procesos, a integración do persoal dos servizos privatizados na Administración que volve asumir a xestión directa.
Segundo consta no proxecto de lei dos Orzamentos, dende que esta entre en vigor e con "vixencia indefinida", "non poderán" ter a consideración de "empregados públicos" dunha Administración ou dunha entidade dependente desta "os traballadores dos contratistas de conceisóns de obras ou servizos ou de calquera outro contrato adxudicado polas Administracións públicas" cando "o contrato se exitinga polo seu cumprimento, por resolución, incluído o rescate". Mesmo se o goberno de que se trate intervén pola vía do "secuestro ou intervención do servizo" -por exemplo, cando a empresa adxudicataria non cumpre co contrato- non poderá asumir o persoal.
A disposición incluída por Facenda obstaculiza a integración na Administración do persoal do servizo que regrese á xestión pública
Do mesmo xeito, o novo límite legal atinxirá nos mesmos termos ao persoal laboral de entes públicos que pasen a integrarse na Administración -como empresas públicas, consorcios ou fundacións-. Adicionalmente, a disposición impulsada polo gabinete de Rajoy prevé que, cando "excepcionalmente" por razóns como unha condena xudicial este tipo de persoal teña que ser incorporado a unha empresa pública, "contabilizarase como persoal de novo ingreso". Deste xeito estará afectado pola taxa de reposición que o Goberno de España fixe cada ano e, polo tanto, o Concello ou goberno autonómico estará "suxeito aos límites e requisitos establecidos" polo Estado.
Como informa Marta Barandela para eldiario.es, o procedemento máis habitual para integrar estes planteis nos servizos remunicipalizados veu sendo a súa consideración como persoal indefinido non fixo. A continuación, a Administración que recupera o servizo adoitaba artellar os procesos para unha incorporación definitiva.
Procesos en marcha en Galicia
Nun momento en que os concellos galegos están a reclamar, tanto individualmente como a través da Fegamp, que o Ministerio de Facenda rebaixe as súas esixencias e outorgue maior marxe de manobra -a Administración local de Galicia, resaltan, é "a máis cumpridora" en termos económicos e financeiros-, o Goberno de España restrinxe así un chisco máis o escenario aberto tras a controvertida reforma local, a alcumada como lei Montoro. Tras perderen durante a crise o dobre de persoal que a Xunta por, entre outros motivos, estas restricións, a norma incluída nos Orzamentos pon en risco procesos de remunicipalización xa en marcha, como as bibliotecas da Coruña ou os a ORA e o guindastre en Santiago. Outros municipios galegos tamén abordan -e algúns deles xa culminaron- a reversión de servizos ao ámbito público, caso de Lugo, Teo, Zas ou Arteixo.
O Concello de Santiago debaterá no vindeiro pleno a remunicipalización da ORA e o guindastre, que o alcalde insta a completar antes de que o Goberno central aplique a nova restrición
Nunha destas remunicipalizacións, a dos servizos composteláns de ORA e guindastre, os plans do Goberno central chega no treito final do proceso e vén de levar o Goberno local a procurar acelerar os prazos. Despois de que, nos primeiros días da abril, a comisión municipal que aborda a remunicipalización aprobase a memoria do proceso -cos votos a prol de Compostela Aberta, incluído o sufraxio de calidade do alcalde, a abstención do BNG e os votos negativos de PP e PSOE-, o goberno local prevé facelo pasar polo vindeiro pleno.
A xuízo do rexedor da cidade, Martiño Noriega, cómpre aprobar esta remunicipalización antes de que os Orzamentos Xerais do Estado completen o seu trámite parlamentairo, xa que "este non é un debate pacífico". Dende o seu punto de vista, a disposición impulsada dende o Goberno central ten como obxectivo preservar "grandes intereses privados", tal e como tamén demosta, por exemplo, o feito de que "recorrese a decisión do Concello de Valladolid de municipalizar a auga". Esta nova disposición adicional, di Noriega, ten tamén o "obxectivo de impedir os procesos de remunicipalización".