O BNG, co apoio de En Marea e PSdeG, pide sen éxito que a Xunta poña fin á privatización desde 2006 a mans de Remolcanosa
“Foi o goberno bipartito de socialistas e BNG o que fixo a contratación en 2006 da xestión dos medios marítimos da Xunta, mediante a que os buques adscritos ao Servizo de Gardacostas están a ser xestionados a través dunha empresa”. Con ese argumento, sen entrar no fondo da cuestión, tombou no Parlamento de Galicia o pasado venres o PP a proposta do BNG, apoiada por En Marea e PSdeG, para que a Xunta recupere a xestión pública dos seus barcos de Gardacostas, que vén operando con sucesivas prórrogas desde hai unha década Remolcanosa por uns seis millóns de euros ao ano.
En 2006 o bipartito convocou un concurso para xestionar os daquela novos barcos de Gardacostas co argumento de que “a Administración non dispón dos medios necesarios para o seu mantemento e operatividade, ademais de que non existe nos seus cadros de persoal traballadores cualificados para o desenvolvemento das actuacións”. Dez anos despois, nada fixo a Xunta para dotarse dese persoal ou formar o que xa ten, algo que lle botaron en cara BNG e En Marea. Porén, o deputado do PP Daniel Vega obviou ese feito e limitouse a rexeitar a proposta co único argumento de que o contrato inicial que o seu goberno vén prorrogando sen convocar un novo concurso fora licitado polo bipartito.
“Non había persoal para facerse cargo deles, pero pasaron dez anos e esa responsabilidade é do PP, porque en dez anos puido formarse persoal, convocarse oposicións”, criticou a nacionalista Montse Prado
A proposición non de lei para recuperar a xestión pública dos barcos de Gardacostas foi defendida pola deputada do BNG Montse Prado. Nela pedíase que a Xunta iniciase “as actuacións precisas para recuperar a xestión pública do Servizo de Gardacostas de Galicia, que na actualidade está adxudicada e prorrogada indefinidamente a unha empresa privada.” A prórroga non é indefinida, senón que a Xunta pode renovala, como vén facendo, cada dous anos ata un máximo de 25 anos.
Pero nos dez anos de prórrogas que xa pasaron desde o contrato inicial “o servizo de Gardacostas practicamente mantén o mesmo persoal”, argumentou Prado, sen que os sucesivos gobernos do PP fixeran nada para reforzalo con traballadores propios que puidesen operar eses barcos e renunciar así á súa xestión privada. “Non había persoal para facerse cargo deles, pero pasaron dez anos e esa responsabilidade é do PP, porque en dez anos puido formarse persoal, convocarse oposicións”, dixo Prado, para asegurar a continuación que “non facelo responde exclusivamente a unha posición ideolóxica e política e non a argumentos de eficiencia”. A nacionalista tamén criticou que esa decisión tómaa o PP para “garantirlle ganancias ao señor [José] Silveira”, o propietario de Remolcanosa e tamén do hospital concertado vigués Povisa.
A postura do BNG foi secundada por En Marea, mentres que o PSdeG tentou sen éxito introducir unha emenda para que de xeito previo se elaborase un informe no que se valorase a súa viabilidade. Segundo lembrou a deputada socialista Dolores Toja, a decisión de privatizar a xestión dos barcos tomárase durante o último goberno de Manuel Fraga mentres que o que fixo o PSdeG cando estivo á fronte da Consellería de Pesca foi flexibilizar as condicións do concurso para facilitar a participación de máis empresas.