O pasado verán o xornalista Gabriel Morales publicaba no xornal El Español unha ampla reportaxe sobre o gas natural licuado e as súas aplicacións como "gran alternativa" ao petróleo como combustible dos grandes buques mercantes. Máis de 8 meses despois, en abril deste ano, o PP rexistrou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar a Xunta a "planificar actuacións" que permitan a Reganosa, a regasificadora de Mugardos, subministrar este tipo de gas. Boa parte do texto da proposta, defendida este mércores na Cámara polo secretario xeral e vicevoceiro parlamentario dos conservadores, Miguel Tellado, está literalmente copiada da devandita información xornalística.
Catro dos parágrafos da exposición de motivos da proposición non de lei exposta por Tellado son unha tradución ao galego da información de El Español. Así, a reflexión sobre "o tamaño dos grandes buques mercantes", a "busca de alternativas" da industria marítima "ao uso do cru" ou das medidas da Unión Europea e do Goberno de España ao respecto son copiadas directamente polo grupo que sustenta ao Goberno sen que en ningún punto da iniciativa sexa citada a fonte da información.
As única parte orixinal do texto do PPdeG é a referida especificamente a Galicia, na que explican que Reganosa "xa conta co deseño dos medios, infraestruturas e procedementos necesarios para subministrar" este tipo de gas aos buques "que naveguen polo corredor Atlántico". Por este motivo, indica a parte dispositiva da proposición, tamén allea ao plaxio, o PPdeG propón que a Xunta impulse un punto de subministración de gas natural licuado e que "Reganosa adapte as súas infraestruturas e despregue as instalacións que fosen necesarias para conseguir o desenvolvemento loxístico e comercial que permita aos portos galegos prestar servizos de abastecemento small scale e bunkering" deste gas.
Fragmentos da información de El Español (esquerda) e da iniciativa do PPdeG
Noa Presas (BNG): "Recoméndolle que cando plaxien catro parágrafos literais dunha noticia se esforcen un pouquiño e citen a fonte"
A coincidencia literal entre ambos textos foi advertida no transcurso do debate por parte da voceira do BNG en materia de industria, Noa Presas, quen ironizou coa posibilidade de "darlle leccións de coherencia e transparencia" a Tellado, se ben "voume permitir darlle unha lección de estética". "Recoméndolle que cando plaxien catro parágrafos literais dunha noticia" se "esforcen un pouquiño e citen a fonte", indicou a nacionalista.
"É un artigo moi interesante, moi didáctico para as persoas que non somos técnicas" neste eido, agregou Presas. "Cíteno e así poderemso velo na súa amplitude", concluíu. Na súa quenda de peche do debate Tellado evitou retrucar ás referencias ao plaxio realizadas por Presas e limitouse a censurar que o BNG opte pola abstención ante a proposta xa que, acusa, o BNG está "ausente de todos os debates, porque non está nin se lle espera; pouco máis podemos dicir.
Este episodio prodúcese cando aínda ecoa outro semellante protagonizado por unha senadora de Foro Asturias que, segundo revelou laSexta, plaxiou varios artigos de prensa nas súas iniciativas parlamentarias e explicouno aludindo ao "estrés". No caso galego o propio Parlamento foi escenario en diversas ocasións de referencias literais a informacións xornalísticas, caso por exemplo de textos críticos co Goberno reproducidos oral e extensamente por membros da oposición sen citar a súa procedencia. Os plaxios máis ou menos evidentes estiveron tamén presentes noutros puntos da historia política, social e cultural do país.