A campaña a dous anos vista lanzada polo PP galego para recuperar as alcaldías das grandes cidades galegas está a ter un problema xusto coa única das urbes que goberna, Ourense. Por segunda vez consecutiva, ningún representante da cidade participou este venres no encontro de líderes populares urbanos organizado polo partido, que nesta ocasión contou para darlle máis visibilidade co vicesecretario de comunicación do PP estatal, Pablo Casado. O partido argumenta problemas de axenda, pero máis alá deles Feijóo está a ter dificultades para presentar como exemplo a seguir no resto de Galicia a única urbe que goberna o seu partido de xeito inestable: os orzamentos municipais están prorrogados desde 2014 e o borrador recentemente presentado para os de 2017 non ten prazos de tramitación baixo unha sombra permanente de moción de censura.
Os populares din ter “o mesmo discurso tanto a nivel local, como autonómico e nacional” ao tempo que o ministro de Fomento rexeita a petición de transferir a AP-9
O pasado venres, o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, reuniuse en Santiago co que denomina Comité das Cidades. Nese encontro, focalizado en dar visibilidade ás críticas populares aos gobernos municipais de esquerdas, estiveron presentes os portavoces municipais do PP na oposición en Vigo (Elena Muñoz), Santiago (Agustín Hernández), Lugo (Jaime Castiñeira), Pontevedra (Jacobo Moreira) e Ferrol (Martina Aneiros) e a presidenta do PP da Coruña, a tamén conselleira Beatriz Mato, pero na foto non apareceu ningún representante de Ourense. O PP galego fixara a data do acto malia que naquela cidade había previsto un pleno municipal.
Este venres a visita de Casado para dar visibilidade ás críticas contra os gobernos locais de esquerdas lévano á Coruña, Pontevedra e Vigo. Na primeira cidade o responsable do PP estatal reuniuse cos mesmos representantes do partido a nivel local que xa se xuntaran unha semana antes en Santiago, novamente coa ausencia de Ourense. Desde o partido arguméntanse motivos de axenda para xustificar a ausencia do alcalde ourensán, Jesús Vázquez, pero ao encontro, como pasara o venres pasado en Santiago, tampouco acudiu ningún outro representante do PP local.
Os actos de Casado en Galicia serviron para que o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado salientase que o seu é “un partido que, respectando as características de cada lugar, podemos facer o mesmo discurso tanto a nivel local, como autonómico e nacional”. Díxoo o mesmo día en que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, reiteraba en Madrid a negativa do Goberno central a transferir a Galicia a xestión da AP-9, en contra do que vén reclamando, novamente esta mesma semana, o PP galego.
Pola Coruña está a ser Beatriz Mato como presidenta local a representante malia que é a única que non é portavoz municipal, mentres que por Lugo participa o portavoz malia que xa anunciou que non aspira a ser presidente local
Por outra banda, se o pasado venres a representante do PP da Coruña na reunión en Santiago foi a presidenta local do partido, Beatriz Mato, e non a portavoz municipal, este venres Rosa Gallego si participou no encontro xunto con outros cargos territoriais do partido na Coruña como o presidente provincial, Diego Calvo, e o secretario local, Gonzalo Trenor. Porén, Gallego non aparece na imaxe do encontro que difundiu no seu twitter persoal Beatriz Mato, quen moitas voces tanto no seu partido como fóra sitúan como próxima candidata á alcaldía.
Do mesmo xeito, o representante do PP de Lugo nestes actos de precampaña a dous anos vista das municipais de 2019 está a ser o actual voceiro municipal, Jaime Castiñeira, malia que renunciou a volver presentarse como presidente local do partido tras dous intentos fallidos por lograr o bastón de mando e nun contexto de forte tensión interna. Non en van, o único candidato a liderar o partido na cidade da Muralla, Ramón Carballo, realizou hai poucos días un xesto político que implica rachar abertamente coa etapa de Castiñeira ao anunciar que situará na vicepresidencia do partido a Enrique Rozas, un veterano edil con amplo predicamento na cidade cuxas diverxencias co ex-líder o levaron a un segundo plano nos últimos anos.