A recta final das primarias do PSOE anticipa a batalla pola dirección do PSdeG

Gonzalo Caballero, Iván Puentes e Rafael Villarino, na Radio Galega Dominio Público @GxDRadioGalega

A "experiencia e o realismo" fronte a unha "verdadeira alternativa de esquerdas" e pola "participación interna", ademais dunha chamada á "cabeciña" e á "unidade" no partido. Estas son as claves das tres opcións entre as que este domingo optarán os militantes do PSOE nas primarias nas que elixirán o seu novo secretario xeral. Foron expresadas desde Galicia por destacados cargos do PSdeG vinculados ás candidaturas de Susana Díaz, Pedro Sánchez e Patxi López respectivamente no debate organizado pola Radio Galega

Villarino alude á "experiencia" de Díaz, Caballero á "alternativa de esquerdas" que representa Sánchez e Puentes á "unidade" que procura López

Rafael Villarino, alcalde de Amoeiro e defensor da candidatura da presidenta da Junta de Andalucía; Gonzalo Caballero, militante vigués, candidato ás primarias no PSdeG ata que deu o seu apoio a Leiceaga e afín ao ex-secretario xeral; e Iván Puentes, ex-alcalde de Fene, concelleiro agora en Pontevedra e apoio do ex-lehendakari. Mantiveron un debate no programa Galicia por Diante e amosaron as enormes diferenzas que as diferentes familias socialistas manteñen tanto a nivel de Estado como no país, onde a división vén de lonxe. 

Así de claro o deixou Iván Puentes, que cre que "o PSdeG é un alumno avanzado" nas diferenzas no PSOE. "Levamos case dez anos desangrándonos en liortas internas que nos levaron a unha situación electoralmente complicada como a de agora, na que non estamos perto de derrotar o PP", dixo nun debate no que ergueu a bandeira da "unidade" como "primeiro paso para construír un proxecto crible". Recomendou "aplicar esa receta" tanto na formación en Galicia como a nivel federal e reivindicou a Patxi López como ese "pegamento necesario" para que "ningún candidato poida dirixir o partido só cos seus postulados e coa tentación de caer no axuste de contas". "Ao PSOE faille falta cabeciña", engadiu. 

"Levamos case dez anos desangrándonos en liortas internas que nos levaron a unha situación electoralmente complicada", advirte Puentes

Aludiu a ambos os dous rivais do ex-lehendakari neste proceso de primarias para advertir dun futuro que ve xa no presente na casa dos socialistas galegos. "O PSdeG ten a súa propia problemática, pero o que ocorra nas primarias vai afectar o conxunto do país e as diferentes comunidades", advertiu logo Gonzalo Caballero, que foi máis aló ao asegurar que o resultado da votación do domingo "traerá unhas consecuencias electorais, tamén para o partido en Galicia". Alude á eterna discusión entre o maior ou menor achegamento a Podemos e o nacionalismo de esquerda e, por extensión, á vinculación que a formación debe ter coas mareas ou mesmo o BNG. "Non nos podemos negar a ese diálogo", asegurou. 

"Non nos podemos negar a ese diálogo", di Gonzalo Caballero respecto de acordos con Podemos

Ante iso, Caballero di que o PSOE elixe tamén entre "se quere ser alternativa de esquerdas ou posibilitador de gobernos do PP en circunstancias excepcionais" e avoga por "rectificar a abstención gratuíta sen condicións" que permitiu a Rajoy chegar á presidencia do Goberno. "Nestas primarias ten que quedar claro que a abstención foi un erro", insistiu, aínda que nin el nin o resto dos representantes apostaron por unha moción de censura.

Para Rafael Villarino, pola contra, o tema da abstención "non foi para tanto". "O propio Patxi López aceptouna e agora critícaa; non foi tan tráxico", asegurou, logo de que Iván Puentes recoñecese que esa decisión "afectou" porque "se fixo fatal". "Non apoio como se fixo, pero é un erro centrar o futuro nese debate", engadiu quen cre que unha mudanza no goberno a través dunha moción de censura non é posible. "A primeira gran mentira é crer que a maioría de esquerdas existe e aí mordemos o anzol de Podemos como idiotas", aclara o ex-alcalde de Fene, que advirte que o PSOE "non pode ser alternativa, neste momento, xunto a ERC ou o PDeCat". Para Caballero, o obxectivo debe ser "recuperar réditos electorais e nas próximas eleccións poder darlle unha alternativa" á cidadanía. "É cuestión de aritmética e os números non dan", insistiu o rexedor de Amoeiro. 

"Hai un relato personalista de Pedro Sánchez, parte del e acaba nel. Eríxese en vítima e salvador", di Villarino

Onde non houbo coincidencia foi na análise da división interna e as causas de tal desafección no PSOE. "Hai un relato personalista de Pedro Sánchez, parte del e acaba nel. Eríxese en vítima e salvador de todos os problemas", cargou con dureza Villarino, que advertiu dun posible "cesarismo para perpetuarse no poder" no caso de gañar o ex-secretario xeral e que insta a "esquecerse de conspiracións". Para Caballero, pola contra, o proceso acontecido no Comité Federal supuxo "que uns cadros políticos argallasen unha operación para forzar a caída dun secretario xeral, derrocar a dirección e acabar impoñendo unha abstención". "Pedro Sánchez foi derrocado a través dunha operación do aparato", insistiu.

Pola súa banda, Iván Puentes, recoñeceu que non lle gustou nada o acontecido por darse "unha imaxe desastrosa para os votantes", pero advertiu de que "non se pode exculpar de todo a Pedro Sánchez". "Dimitiulle a súa directiva e perdeu unha votación", resumiu quen lembrou que "as primarias existían antes de que Sánchez nos alumease con elas". "A clave é ser ou non alternativa de goberno proque agora o PSOE non o é; un PP acusaso pola corrupción métenos unha derrota en xuño e logo outra maior en decembro; a unidade é o principal", resumiu. "Resolvamos o dilema da folla de ruta, a posición política e as ideas e logo virá a unidade", retrucou Caballero. 

"Resolvamos o dilema da folla de ruta, a posición política e as ideas e logo virá a unidade", advirte Gonzalo Caballero

No fondo da batalla política a nivel federal, a que se prevé nun futuro non moi lonxano nun PSdeG tan ou máis dividido que o PSOE, mesmo logo das primarias para a elección de candidato á Xunta que gañara Leiceaga, apoiado daquela por Iván Puentes e aliado final do aspirante Gonzalo Caballero. A pouco da votación, o resultado semella apertado, pero a vitoria en número de avais de Pedro Sánchez volveu amosar a clara división entre unha parte do partido e a que, liderada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e outros veteranos responsables socialistas, apoia a Susana Díaz. A deste domingo tan só será unha previa para o socialismo galego. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.