O Concello santiagués expedienta a construtora que tapiou o edificio ocupado tras o seu desaloxo

Aspecto do edificio tras o seu desaloxo e tapiado Dominio Público E.U.

O edificio do número 11 da compostelá rúa da Algalia de Arriba está dende este martes tapiado con bloques de formigón. Foi a solución determinada pola empresa propietaria do edificio para evitar que volva ser ocupado, situación na que se atopaba dende abril de 2014 e ata esa mesma xornada, cando atendendo a unha orde xudicial efectivos antidisturbios da Policía Nacional acudiron a desaloxalo, aínda que non había ninguén no seu interior. Remataba así a historia do que durante tres anos funcionou como Centro Social Ocupado Escárnio e Maldizer e que antes, durante case medio século e ata 2011, fora sede da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos. O desaloxo derivou en dúas manifestacións, a primeira salferida de cargas policiais, e o tapiado, nun expediente do Concello santiagués á construtora por obviar a normativa que rexe este tipo de obras no casco histórico da capital galega.

Os sucesos precipitados en torno ao edificio trouxeron consigo unha vaga expansiva en forma de treboada política no consistorio, onde a ocupación apenas suscitara atención ata esta semana nin no actual goberno, de Compostela Aberta, nin no que exercía no momento en que se iniciou, do PP -a "reapertura" produciuse tres meses antes de que Agustín Hernández remudase a Ángel Currás na alcaldía-. O alcalde, Martiño Noriega, manifestou o seu "malestar" porque "en ningún momento se comunicou" ao goberno local que se ía producir o desaloxo nin o dispositivo policial despregado, o que ao seu xuízo impediu que o Concello puidese intermediar ou buscar "outras vías para solucionalo" o conflito nun espazo que nunca xerara "problemas de convivencia". Para o voceiro dos conservadores, o ex-alcalde Hernández, o rexedor "incita ao incumprimento das decisións xudiciais" e demostra que "non respecta a propiedade privada".

Con este pano de fondo o Concello iniciou o proceso para emendar a "aberración urbanística" que, di Noriega, non pode ser "amparada" pola "defensa da propiedade privada". "Abrímoslle expediente a calquera veciño que afecte minimamente ao patrimonio" e así sucede tamén neste caso, indica. O procedemento iniciado, segundo aclaran fontes municipais consultadas por Praza.gal, é o contemplado no Plan Especial da Cidade Histórica por unha "intervención non regular" nun edificio catalogado cun nivel de protección 2 nunha escala de 4, o mesmo doutros inmobles nobres da contorna. Esa normativa, que data de 1997, contempla a posibilidade de expedientar os propietarios dos inmobles cando transgredan os preceptos estéticos do plan, o que neste caso, sinalan as mesmas fontes, pode contemplar actuacións como pintar e "adecentar" o muro construído, ademais de retranquealo para que non invada espazo público.

A lea política

O alcalde lamenta que a delegación gobernamental non lle comunicase o dispositivo nin dese ao Concello posibilidade de mediar

A "rapidez" do expediente aberto polo Concello foi incluído polo PP no argumentario que, segundo Hernández, acredita que o goberno local "non respecta a legalidade" nin a "seguridade e a liberdade das persoas". "Gustaríame saber se o concello abriu expedientes tamén polas innumerables pancartas colocadas neste mesmo edificio dende hai moito tempo", dixo en rolda de prensa e tamén a través das redes sociais, nas que ilustrou a demanda cunha imaxe correspondente ao inicio da ocupación do inmoble, tres meses antes da súa propia toma de posesión como alcalde en 2014. As súas críticas chegaban pouco despois de propoñer, sen éxito, que todos os grupos da corporación se unisen a unha declaración redactada polo PP para expresar o "máximo respecto" polo desaloxo e o "recoñecemento e apoio" aos axentes antidisturbios -a delegación gobernamental di que 6 foron feridos e a súa actuación, "proporcionada"-. Noriega, agrega, non debeu "permitir" o mantemento da ocupación que xa conviviu co seu goberno.

O PP acusa a Noriega de "non respectar a legalidade" e repróchalle que "permitise" a ocupación, iniciada en 2014

Esa marcha de protesta, a cuxo remate a Policía cargou en varias ocasións e disparou bólas de goma mentres algúns participantes guindaban vidros e prendían lume a tres contedores do lixo, é o outro eixo da vertente política do sucedido. "Santiago é unha cidade que vive con absoluta tranquilidade", di Noriega, polo que cabe preguntarse "como se miden as actuacións" dende a Delegación do Goberno central. "Evidentemente, condenamos calquera tipo de violencia e non nos gusta que exista deterioro do mobiliario urbano nin que persoas a título individual e minoritario provoquen unha sombra de criminalización sobre un colectivo pacífico". Pero isto, agrega, non "vale" para que "se me acuse de alentar intelectualmente o que aconteceu". Iso, conclúe, tamén "é violencia" e "quen coloca o foco debería ter o pudor de medir o que di".

Un edificio histórico

Festa de despedida de Cantigas e Agarimos, antes de ter que abandonar o local en 2011 / CANTIGAS E AGARIMOS

O polémico tapiado é o último episodio na prolongada historia deste edificio, cuxa construción é datada polo Catastro en 1920 e que dende 1957 foi sede de Cantigas e Agarimos, a histórica agrupación de música e baile tradicionais que ata 2009 era inquilina do inmoble cun réxime de renda antiga por apenas 24 euros ao mes. A chegada ao fin dese modelo de alugueiro producíase despois de que na recta final da expansión económica a propietaria do edificio pasase a ser a sociedade Algalia 11, empresa participada por unha das inmobiliarias protagonistas dos anos da burbulla na comarca compostelá.

O edificio comezou a funcionar como centro social ocupado tras tres anos de peche

A promotora advertiu daquela o colectivo cultural de que tiña que abandonar o edificio se ben, tras a intermediación do Concello -daquela gobernado por PSdeG e BNG-, accedeu a dúas prórrogas que remataron definitivamente en 2011, cando un acordo unánime da corporación municipal proporcionou a Cantigas un novo emprazamento e o edificio da Algalia quedou pechado. Así se mantivo ata 2014, cando a ocupación o tornou no devandito centro Escárnio e Maldizer. Tras a segunda manifestación de apoio ao grupo desaloxado, máis numerosa que a primeira e sen incidentes, colectivos da cidade preparan xa outra mobilización. Mentres, o Concello agarda que o expediente aberto á empresa culmine nunhas dúas semanas e o PP, dende a súa dirección provincial na Coruña, apóiase no acontecido para lanzar unha nova ofensiva contra os gobernos das mareas. O lema elixido desta volta é "Gobiernos Okupas".

Detalle da fachada do edificio en xuño de 2016 © Google Street View
Actuación policial tras os incidentes ao remate da primeira manifestación CC-BY-SA Nós TV
Segunda protesta contra o desaloxo, este mércores Dominio Público Erguer

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.