Unha investigación penal e outra de Competencia poñen en dúbida as adxudicatarias do AVE galego

Imaxe da construción en 2008 por Isolux Corsán dun viaduto do AVE no tramo Ourense-Amoeiro, baixo investigación xudicial Dominio Público Adif

Este martes a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia informou de que vén de abrir un expediente sancionador a 25 empresas subministradoras de sistemas de electrificación e equipos electromecánicos para a rede ferroviaria. Unha investigación administrativa que se facía pública pouco despois de que Adif, a empresa estatal xestora da maioría da rede, informara, en resposta a unha pregunta parlamentaria de En Marea no Congreso, de que abriu un expediente sobre as derivadas internas que poida ter a investigación xudicial en marcha desde hai catro anos sobre supostos subornos pagados por construtoras a técnicos seus para que lles validasen obras non realizadas segundo o contratado. Se a investigación de Competencia analiza o encarecemento das obras ferroviarias, tamén as galegas, por un posible pacto entre empresas, a xudicial e agora tamén interna de Adif estuda a posible rebaixa da calidade das actuacións realizadas, varias delas en Galicia.

As sospeitas sobre a execución das obras por parte das adxudicatarias engádense ás que a causa de Angrois ten abertas sobre a xestión e operación posterior da liña por parte de Adif

A investigación xudicial sobre presuntos subornos a técnicos de Adif por parte de construtoras iniciouse a raíz dunha denuncia sobre irregularidades nunha obra do AVE en Barcelona realizada por Isolux Corsán entre 2008 e 2011, pero estendeuse máis tarde a actuacións por toda España. Os investigadores atribúen á empresa o regalo de viaxes de pracer a responsables de Adif a cambio de que validasen como realizadas obras que non se executaran ou feitas con materiais ou técnicas de inferior calidade. Un dos treitos que se adxudicou Isolux Corsán, en 2003, foi o Ourense-Amoeiro da liña de AVE Ourense-Santiago. Segundo informou El País, a empresa soubo que “un tipo de formigón” empregado na obra “non ofrecía a resistencia necesaria para o encofrado”, pero aínda así evitou revisar a obra. Corsán, segundo os investigadores citados polo diario, aboou unha viaxe de pracer ao director da obra de máis de 1.500 euros.

Na investigación por presuntos subornos tamén estarían implicadas as galegas Copasa e Puentes y Calzadas, segundo El País

Os investigadores non só levaron máis alá de Barcelona a súa investigación sobre Corsán senón que tamén ampliaron as súas sospeitas a outras empresas, como as galegas Copasa e Puentes y Calzadas. Novamente segundo El País, as dúas pagaron tamén viaxes de pracer a cargos de Adif, a primeira en colaboración con Corsán e Acciona en relación coa obra de Barcelona e a segunda ao tempo que era adxudicataria da construción de treitos do AVE galego como o acceso a Santiago ou o Requejo-Padornelo.

Segundo o Goberno, a propia Adif está a colaborar coa investigación xudicial desde mediados de 2013 e agora vén de responder a En Marea que tamén abriu un expediente interno. Segundo esa resposta, “se esixirán as responsabilidades que correspondan adoptar no proceso penal no que Adif se atopa persoado como acusación particular, e as de índole disciplinaria se adoptarán por Adif no que a pendencia do proceso penal permita”. Adif tamén sinala que revisa como se realizaron as obras en cuestión.

Á marxe destas investigacións tanto penal como interna de Adif sobre a relación entre as construtoras e os técnicos da empresa pública, Competencia vén de abrir outra a 25 empresas suministradoras de sistemas de electrificación e equipos electromecánicos para a rede ferroviaria por “posibles prácticas anticompetitivas”. Competencia analizará se as empresas se puxeron de acordo para repartirse entre elas os concursos públicos de instalación e mantemento dos sistemas de electrificación e seguridade das liñas ferroviarias. Entre as firmas implicadas están as principais do sector e as súas matrices, que nos últimos anos veñen traballando de xeito activo no AVE galego: Alstom, ACS, Comsa, Elecnor, OHL, Isolux Corsán, Abengoa, Indra Sistemas, Sacyr ou Siemens.

As investigacións dos subornos e o cártel poñen o foco na construción da obra civil e a instalación nela do equipamento técnico por parte das empresas, mentres que a de Angrois analiza a xestión e operación posterior da liña por parte de Adif

As sospeitas que estas investigacións espertan sobre como foi construído o AVE galego por parte das empresas adxudicatarias e os sobrecustos que se lles pagaron engádense ás que a causa de Angrois ten abertas sobre a xestión e operación da liña Ourense-Santiago por parte de Adif. Porén, se nos dous primeiros casos o que se investiga é se as empresas adxudicatarias ocultaron información a Adif sobre os materiais e técnicas que empregaron ou se pactaron uns prezos máis elevados polos seus servizos, a documentación achegada á causa de Angrois revela que as empresas informaron a Adif dos riscos existentes na liña pero sería esta a que non os xestionou de xeito adecuado para evitar o accidente. Isto é, as investigacións sobre os supostos subornos das construtoras e o presunto cártel das empresas poñen o foco sobre o proceso construtivo da obra civil e a posterior instalación nela do equipamento técnico por parte das adxudicatarias, mentres que a investigación sobre o accidente de Angrois está a analizar a xestión e operación posterior da liña por Adif.

Imaxe da construción en 2008 por Isolux Corsán dun viaduto do AVE no tramo Ourense-Amoeiro, baixo investigación xudicial Dominio Público Adif

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.