A viúva de Camilo José Cela, Marina Castaño, e o ex-conselleiro da Xunta Dositeo Rodríguez sentarán no banco dos acusados polo caso da Fundación Cela. Responderán ante o tribunal logo de que o xulgado de primeira instancia número 2 de Padrón ditara definitivamente auto de apertura de xuízo oral contra eles dous, así como contra a filla do ex-dirixente popular e ex-directora da Fundación, Covadonga Rodríguez, e o ex-xerente da mesma entidade Tomás Cavanna. Todo eles, ademais, terán que pagar fianza solidaria por importe de 200.000 euros.
Marina Castaño, Dositeo Rodríguez, a súa filla e o ex-xerente da Fundación serán xulgados por malversación
Os catro son acusados dun presunto delito de malversación de caudais públicos por, segundo indica o propio auto, "de común acordo" e para beneficiar ao xerente da fundación, simular o despedimento deste e acordar que a indemnización que lle correspondía polos servizos prestados fose de 150.000 euros brutos “malia seren conscientes todos eles de que non se trataba dun despedimento, senón que o xerente quería abandonar voluntariamente a Fundación”.
A xuíza ratifica así a apertura de xuízo oral logo de rexeitar as peticións levadas a cabo polos acusados, que solicitaron o sobresemento provisional e arquivo da causa -e mesmo sentenza absolutoria como no caso de Cavanna- ou, polo menos, que non fose un xurado popular quen os xulgase, tal e como reclamou Marina Castaño. A maxistrada nega calquera das peticións.
Os catro son acusados de simular o despedimento do director e pagarlle 150.000 euros malia saber que quería deixar o cargo voluntariamente
Neste novo auto, con data do pasado martes 6 de xuño, o xulgado insiste en que hai probas suficientes de que os catro participaron na presunta negociación ilegal para que Cavanna deixase voluntariamente o seu cargo pero que a Fundación o indemnizase igualmente con 150.000 euros como se fose un despido.
A xuíza, tal e como lle ratificara a Audiencia Provincial anteriormente, considera que se produciu unha malversación de caudais públicos e advirte que desde o ano 2007 máis do 50% dos ingresos da Fundación proviñan de subvencións públicas e que en 2010, cando Tomás Cavanna deixou a Fundación cunha indemnización de 150.000 euros, a entidade xa tiña a consideración oficial de Fundación Pública Galega. Xa que logo, considera que os acusados eran funcionarios públicos a efectos penais ao levaren a cabo funcións nunha fundación do sector público e que os cartos implicados na investigación eran caudais públicos, polo que considera xustificado abrir xuízo xa contra eles, que no caso deste delito ddebe ser xulgado por un xurado popular.
A xuíza nega as peticións de arquivo do caso e decreta a apertura de xuízo oral dos catro acusados
A Consellería de Cultura avalara que a Fundación Cela pagase en 2010 con cartos públicos esta indemnización de 150.000 euros a Tomás Cavanana. O monto dese despido “simulado”, como o cualificaba a Audiencia Provincial da Coruña, foi comunicado, segundo o relato do tribunal, por Dositeo Rodríguez,que fora conselleiro de Manuel Fraga durante unha década e patrón da fundación, ao daquela secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández-Campa e ao daquela secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, hoxe conselleiro de Facenda. No mesmo auto a Audiencia da Coruña indica que posteriormente Cultura incrementou a súa achega á fundación para sufragar “ex post” aquela indemnización.
Cultura avalou que a Fundación pagase con cartos públicos a indemnización e a Xunta rescatou logo a institución
Posteriormente, a Xunta rescatou a Fundación Cela en plena vaga de recortes. Mentres os orzamentos culturais caeron en picado durante os peores anos da crise, tan só unha partida mantiña unha achega económica idéntica durante varios exercicios e malia as retalladas noutros ámbitos. Alén disto, a institución fora nacionalizada polo Executivo galego en abril de 2012 tras anos de degradación e mala xestión económica, agudizada tras a morte do seu fundador en 2002, ano dende que asumiu o control da entidade a viúva do Nobel, Marina Castaño.