O BNG lanza os actos do Día da Patria coa vista posta na precampaña municipal

Xuntanza do Consello Nacional do BNG, este sábado CC-BY-NC-SA BNG

As eleccións municipais de 2019 serán o primeiro gran reto electoral nun longo ciclo de comicios para todas as formacións políticas. No caso do BNG, suporán ademais a primeira cita para poñer a proba a estratexia da dirección saída da asemblea nacional de marzo, un "reto" para confirmar se as boas sensacións internas xeradas dende a campaña das eleccións galegas se traducen nun incremento do apoio cidadán. Con este pano de fondo a formación soberanista aproveitou este sábado para lanzar o seu programa de mobilizacións e celebracións cara ao 25 de xullo, unha campaña do Día da Patria que Ana Pontón presenta como "aberta a todas as persoas que queren un cambio de rumbo para Galiza".

Tras a paréntese de 2015, na que a mobilización principal do Día Nacional foi articulada na plataforma A Nación Galega, o pasado 2016 o Bloque retomou a súa tradicional convocatoria, que desta volta quere consolidar cun chamado a quen queiran "defender Galiza" porque "levamos o país no corazón e aspiramos a un futuro mellor", resalta a portavoz nacional. Esta, afirma, é "a convocatoria dos galegos e galegas que confían en Galiza" e na que "caben todas as causas xustas, para deixar claro que Galiza é unha nación que reclama o seu lugar no concerto dos pobos libres".

O Bloque anuncia unha campaña previa ao 25 de xullo para "denunciar o agravio" e "crear unha axenda galega que nos coloque no tren das nacións"

O BNG, agregou ante o Consello Nacional, representa "rebeldía e inconformismo fronte a un modelo institucional e económico que nos discrimina e nos empobrece" e tamén unha ferramenta para "construír un proxecto compartido que deixe atrás recortes, agravios, paro, precariedade e desigualdade". En síntese, a demanda dun "cambio real" no día "da festa de todas as galegos e galegos" que, asegura, non queren "que Galiza estea desaparecida, como se evidenciou nos Orzamentos do estado e agora, no debate da moción de censura".

Neste sentido, anuncia o lanzamento dunha campaña previa ao 25 de xullo para "denunciar o agravio". Trátase, sinala, de presentar como "urxente" a necesidade de "crear unha axenda galega que nos volva colocar no tren das nacións" con "retos de país" como o AVE, a transferencia da AP-9,  a tarifa eléctrica ou un novo modelo de financiamento.

"Reto" municipal fronte ao PP do "transfuguismo"

Pontón ve na "escura negociación" para o retorno de Telmo Martín ao poder en Sanxenxo o mellor exemplo da "carta de navegación de Feijóo" para as municipais

Con este pano de fondo Pontón lanza tamén o "reto" das eleccións municipais. Os gobernos nos que participa o Bloque, mantén, son exemplo de transformación" e de "capacidade de mellorar a vida das persoas", con "referentes de boa xestión, progreso, benestar social e referentes urbanísticos dentro e fóra do país" que son ademais, asegura, "gobernos transparentes, de portas abertas e libres de corrupción".

A líder do Bloque contrapón este modelo co do PP, que dende as "antípodas" está a "facer do transfuguismo a súa gran estratexia cara ás municipais, como vimos en Sanxenxo coa figura do alcalde-promotor, conseguindo en escuras negociacións de despachos" a alcaldía para Telmo Martín, acusa. "Esta -augura- é a carta de navegación de Feijóo" e a do Bloque será "pisar moita rúa, coa man tendida a todas as persoas que qeuren construír un novo proxecto de país".

Pontón, intervindo ante o Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.