Os exames que se iniciaron este sábado continuarán nos próximos días coas probas orais
14.449 persoas comezaron ás nove da mañá deste sábado, coa súa presentación formal ante os respectivos tribunais, as oposicións convocadas pola Consellería de Educación para cubrir 1.043 prazas, 912 delas de ingreso e o resto de promoción interna. Chegou así para eses aspirantes o momento agardado tras un longo proceso cheo de incertezas e demoras por parte da administración.
Son 57 os centros educativos de toda Galicia que acollen as primeiras probas escritas da convocatoria, que terán a súa continuación ao longo dos vindeiros días con diversas probas orais que xa serán convocadas de xeito individual para cada opositor que supere a peneira deste primeiro día.
As oposicións deste ano foron convocadas o pasado abril despois de que a Xunta mantivese durante meses a dúbida sobre se era posible facelo sen que os orzamentos do Estado estivesen aprobados, un argumento que o PP empregou como arma política contra o resto de partidos. A esa incerteza inicial o Goberno galego engadiu nos últimos días outra para case a metade de quen aspiran a seren docentes do ensino público: non coñeceron ata o pasado xoves, a 48 horas do inicio dos exames, o lugar ao que tiñan que dirixirse para realizaren as probas.