O PSOE de Pedro Sánchez quere que o Congreso poña en marcha unha Comisión que analice o accidente do Alvia que en 2013 se cobrou a vida de 80 persoas na curva de Angrois. A decisión prodúcese tras anos de negativas por parte dos socialistas para investigar un accidente que podería salpicar a etapa de José Blanco á fronte do ministerio de Fomento. Fontes da dirección socialista confirmaron a eldiario.es que a decisión está tomada: "Pepe Blanco terá que dar explicacións, pero tamén Ana Pastor", aseguran.
Fontes da dirección socialista confirmaron que a decisión está tomada: "Pepe Blanco terá que dar explicacións, pero tamén Ana Pastor", aseguran.
O ex-ministro socialista foi o encargado de pór en marcha o treito no que tivo lugar o accidente. A inauguración produciuse ao final do seu mandato, en decembro de 2011. Con todo, foi o Partido Popular quen puxo en servizo sobre esa vía os trens Alvia como o sinistrado ás 20.41 daquel día de xullo, no que a capital galega se preparaba para celebrar o día forte das súas festas patronais. A posta en servizo dos Alvia sobre o lugar do accidente produciuse baixo o primeiro mandato de Rajoy coa hoxe presidenta do Congreso, Ana Pastor, á fronte de Fomento.
Ata hoxe, PP e PSOE demostraron unidade de acción ao votar sistematicamente en contra de calquera iniciativa parlamentaria que implicase a investigación do sucedido. No Parlamento galego ambas as formacións frearan sempre as propostas ao respecto de BNG, AGE ou En Marea; o PP con votos negativos e o PSOE con abstencións. As cousas empezaron a cambiar o pasado 24 de maio. Nesa data o PSOE votou por primeira vez a favor dunha petición de investigación asinada pola confluencia galega. A maioría absoluta do PP no Parlamento galego converteu o cambio de criterio en pouco máis que un xesto.
Tamén no Congreso, o voto tradicional do PSOE foi contrario a abrir a man a calquera medida que resucitase a investigación sobre o sucedido. Desde 2016, o deputado Odón Elorza presentou unha infinidade de propostas que o seu grupo parlamentario se ocupaba de opacar. Ata en catro ocasións pediu o parlamentario vasco que se investigase o que pasou aquela tarde de xullo na que 80 persoas perderon a vía nun tren. Ademais, Elorza expuxo outro tipo de iniciativas e ata 9 preguntas ao Goberno que o seu grupo preferiu non tramitar. Finalmente, Elorza decidiu presentar el mesmo no rexistro as preguntas ao Goberno sen o amparo do seu grupo parlamentario.
A nova dirección socialista ten que decidir agora o formato exacto da proposta e se conta con Podemos na iniciativa ou a presentan en solitario
A nova dirección socialista ten que decidir agora o formato exacto da proposta e se conta con Podemos na iniciativa ou a presentan en solitario. Segundo puido saber eldiario.es, a decisión está tomada e durante o verán a formación que lidera Pedro Sánchez encarará o debate.
A cuestión do Alvia supuña un problema estratéxico para o PSOE, que en Galicia non podía explicarlles aos seus electores os motivos para negarse a investigar a traxedia. Trala súa vitoria nas primarias, a dirección galega está agora en mans dun Pedro Sánchez que non quere freos e incoherencias como a de pedir que se investigue o accidente do metro de Valencia, mentres no caso do Alvia calaba.